Únete á iniciativa de acender fachos blogueros…
Os blogues crean redes de comunicación, como os fachos.
Xa enviado o sinal dende A Lanzada, ben podíamos seguir acendendo fachos dende Arousa ate a A Rocha…e a onde chegue… e comunicarnos máis no mundo da arqueoloxía.
Ou non?
Si te unes á iniciativa, copia o gif e colócao no teu blogue, titulando: Acendemos facho dende…
Así puña hai uns meses Bea Comendador no seu blog A Pedra do Encanto. No seu momento, acendimos o facho dende a nosa sección no Lecer, agora, acendémolo dende o noso blog. Por suposto o noso é un facho móbil, sen localización específica.
É un bo momento para acender o facho, e fomentar a comunicación entre blogs. Os fachos dos blogues sobre patrimonio, están a prender verdadeiro lume na expectativas dos políticos, acadando unha democracia máis participativa, na que a xente pode opinar sobre que se fai coa súa herdanza cultural. É a fin da Arqueoloxía Draconiana, ou polo menos está a deixar de ter senso nestes días.
O que contabamos hai pouco sobre os bancos de Ravella e a Comisión Cidadá de Patrimonio, está a dar froitos. Recentemente apareceu en Vilagarcía un anaco dunha pasarela que unía dous sectores da vila, facendo patente o carácter marismeño da contorna, do que semella que só nos acordamos cos asolagamentos. A Comisión Cidadá empezou a emprender accións e xa ten máis de catrocentos apoios en Facebook. Búscaos e apóiaos, se é que estás interesado.
Por outra banda xa que temos os fachos acesos, vencellamos aquí o post de Bea Comendador sobre este particular.
Continuando co tema da comunicación interblogueira, queremos dedicar un espazo a un blog que nos gusta moito. Vilagarcía está a converterse nun viveiro de boas ideas, e unha delas é o blog do Faiado da Memoria
Trátase dun blog moi interesante que pretende recuperar a Memoria a través da fotografía. Mais a pesar disto, non estamos dacordo co que dicía o outro día un usuario nun fío do blog “O Faiado vai de fotos…” -aseveraba, facendo alusión a que debía estar fóra de polémicas, ou iso interpreteamos.
O Faiado igual vai de fotos, mais as fotos van sobre a vida, sobre a memoria, sobre o esquecido. É por isto que todo debe ter cabida nun blog coma ese, porque as fotos fan recordar e do recordo pode agromar conciencia crítica. As fotografías foron un dos grandes mobilizadores no tema dos Bancos de Ravella.
O Faiado da Memoria está levar a cabo unha base de datos inxente, pero é moito máis que iso. Está a levar a cabo unha laboura que ningún arquivo gráfico institucional fixo xamáis, se cadra porque non pode, porque se escapa aos seus obxectivos.
Grazas ás fotos que a xente pendura no Faiado, agroma a Historia. A pequena gran Historia individual, que nun momento se torna colectiva. A Historia cotiá. A Historia dos xogos. A Historia dos Bicos.
A xente comenta e dase conta de que pertence a algo, a unha comunidade, a un colectivo, e ese é o primeiro paso para mobilizarse, a unidade. A unidade dende a Diversidade.
Parabéns!

4 Maio 2011 ás 7:13 pm
[...] un tempo sumabámonos á iniciativa de acender fachos de comunicación entre os diversos blogs para comunicarnos. Agora propoñemos acender entre todos [...]