Arquivos mensuais: Novembro 2010

O (re)torno da Tradición

Seguimos facendo “refrito”. Desta volta o seguinte capítulo da serie de olería tradicional.  Este artigo foi publicado en Lecer o 28-03-2010, momento no que como recordaredes había moita crispación política ou político-lingüística.

Agustín traballando no seu torno

Continuamos a dar voltas á terra co noso De Lorean coma se dun enorme torno de oleiro se tratase, co gallo de achegarnos ao noso patrimonio. O obxectivo das nosas andainas é o de dar a coñecer a nosa herdanza cultural como primeiro paso para a súa valoración e respecto.

Sempre que atopamos trabas ou dificultades no noso camiño  poñémolo de manifesto, malia que como xa sinalamos nalgunha ocasión, non sexa a crítica a nosa finalidade. Moitas veces criticamos a xestión institucional de certos elementos do patrimonio, ben por non facelos accesíbeis, ben por non promovelos ou por non dispor dos mellores profesionais para a súa difusión ou divulgación.

Mais agora mesmo, estase a dar un atentado sen precedentes directamente dende as institucións contra o elemento máis importante do noso patrimonio, a lingua, a través do proxecto de decreto presentado por quen nos goberna. Como sinalou Castelao no Sempre en Galiza  “Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inagotable de obras de arte” a lingua é pois o barro que nos permite elaborar diferentes vasillas, é un patrimonio xerador de patrimonio.

Consecuentemente, sumámonos á repulsa dese proxecto cainista elaborado dende o consciente menoscabo á nosa cultura, a cultura de todos e todas as galegas, que non ten en conta tan sequera as recomendacións dos expertos na materia, pasando por riba do cientifismo para caer nun demagóxico discurso que xoga coa noción de equilibrio.

Centrándonos na nosa xeira desta semana, os nosos bois atoparon acubillo nas oleiras terras de Niñodaguia. Topónimo, por certo, que dende o centralismo da longa noite de pedra foi levado ao absurdo do mesmo xeito que aconteceu recentemente con Sobrado dos Monxes por aqueles que semellan levar trinta anos no “desván”.

Seguiremos, pois, coñecendo a sociedade tradicional a través das formas elaboradas nos obradoiros dos cacharreiros. Estes artefactos fálannos dunha sociedade para a que as vasillas de barro xogaban un papel clave no día a día non só como elementos de almacenaxe de  distintos produtos ou para cociñalos. Tratábase de obxectos que ofrecían solucións ás necesidades, e por necesidades entendamos tamén as fisiolóxicas.

 Chamounos  a atención entre o repertorio de formas tradicionais desta zona oleira, uns enormes recipientes que a posmodernidade pode reinterpretar como macetas para exhibir xeranios nun balcón mais que respondían a un uso máis prosaico, trátase de penicos familiares que se colocaban equidistante dos dormitorios, polo que o único que terían de macetas sería o fertilizante. García Alén noméaas no seu libro La Alfarería de Galicia como “orinós” e recolle como nas feiras a xente pedía un baño para a colada por vergoña a pedir un “orinol”.

Curiosas son tamén unhas pezas con forma de grandes botellas coas que os nosos antergos combatían o frío. Enchíanse de auga fervendo, coma as actuais bolsas de auga quente ou as máis modernas de sementes que van ao microondas para logo metelas na cama para poñelas ben nos  pés, ben apertadas contra o corpo.O máis significativo é que Agustín, o oleiro que nos acolleu recibiu encargos deste tipo por parte de xente que continuaba a utilizalas.

Outra peza importante pola información que nos proporciona do sistema produtivo desta zona son as “alcuzas”, empregadas para almacenaxe de aceite xa que nesta zona se cultivaba oliveiras. Como sinala García Alén, esta forma cae en desuso co abandono deste cultivo.
Outros exemplos de pezas tradicionais son os “barreñós” e as “almufías” destinadas ás matanzas, os graxeiros ou os cazolos.Nesta terra vinícola da Ribeira Sacra non podían faltar os xerros de viño que se diferencian dos da auga por teren unha soa asa lateral e un só bico que se fan dúplices no xerro da auga .

Todas estas pezas, posúen a característica cor amarela do barro cocido da zona, reforzado polo vidrado natural, sen colorantes, empregado na súa elaboración.

Parte do repertorio das pezas tradicionais de Niñodaguia
Parte do repertorio das pezas tradicionais de Niñodaguia

Como xa sinalamos, en Niñodaguia acolleunos no seu obradoiro o artesán Agustín Vázquez, un home orgulloso do ancestral oficio que ten entre as mans, un artista que reflexiona sobre o seu facer e que fai sobre a súa reflexión. Con el falamos en torno ao seu torno da figura do oleiro na Galiza posmoderna e de como conxugar tradición e innovación.

Agustín foi testemuña do declive dos alfares destas terras coa chegada da Modernidade representada polo desvío da estrada que atravesaba Niñodaguia, mais tamén liga o esquecemento no que se sume o seu oficio ao tan mencionado autoodio.

Ao contrario que moitos compañeiros doutros lugares, Agustín non vende a tendas, o que supón un acto de valentía, non cre que o futuro da olería pase pola tenda, máis ben ao contrario pois este sistema escraviza ao tempo que despreza o propio oficio pois supón vender o froito do saber dos antergos a prezos moi baixos. Considera que o oleiro debe ser o seu propio representante e que deben ser os propios artesáns os que a través dunha asociación marquen os prezos e atopen as canles de distribución. Por separado non se fai nada, pois se un baixa o prezo para vender máis, obriga os outros a baixalo tamén coa subseguinte desvalorización do traballo que sempre inflúe no produto final.

Considera que os produtos deben vendelos directamente o oleiro nas feiras polo que ante as poucas que existen en Galiza, viaxa a Castela asiduamente onde si hai feiras en Zamora, Salamanca, Valladolid ou Ponferrada, entre outras. Neste sentido recrimínalles ás institucións galegas, tanto locais como nacionais que non apoien este tipo de iniciativas ao tempo que eloxia o labor de “Alfaroleiros”, única feira especializada de Galiza, que acolle entre uns trinta e sesenta mil visitantes cada ano. Foi Agustín quen nos falou por vez primeira da importancia que tería a realización dunha feira especializada en Compostela que tamén podería incluír ciclos de conferencias, iniciativa da que xa falamos no noso anterior artigo e desexamos que non caia no limbo das ideas.

Non son, de todos os xeitos, as feiras a súa única canle de distribución xa que acepta asemade encargos diversos, dende comisións de festas a locais de hostalería.

Ó preguntarlle sobre o futuro da olería de Niñodaguia non o ve moi claro, malia que o seu fillo José Vázquez estea a continuar  co oficio. Sinala que debería cambiar o trato institucional non con máis subvencións, senón facendo estas máis axeitadas ao contexto e controlando a quen se lle dan.

Consideramos que este cambio debería darse, que debería haber un apoio máis efectivo das institucións a estes oficios, mais que podemos agardar dunhas institucións que atacan a cultura galega a través do seu elemento máis prezado?

Polo de agora, existe unha iniciativa en Niñodaguia para recuperar algún dos fornos tradicionais para facer unha fornada simbólica ao ano que sirva para atraer a atención sobre este centro oleiro de obrigada visita, xa que se pode aproveitar a viaxe para visitar os veciños mosteiros de Xunqueira de Espadañedo, Montederramo ou San Pedro de Rocas dos que xa falamos en anteriores andainas dos nosos bois.

Advertisement

Coma un polbo nun garaxe

Velaí o artigo que publicamos hoxe no suplemento Lecer.Trátase da segunda entrega a serie Es-Pazos de Ulloa Aquí tendes o enlace.

Foto de Álex Bragaña

Normalmente o xornalismo está ligado á actualidade.Como se adoita dicir, actualidade manda. Nós non nos consieramos en absoluto xornalistas malia escribir nun xornal de cando en vez. É por iso que nos permitimos falar nesta xeira dun tema que se ben pode estar caducado, como acontece cos iogures, aínda non ten a tampa inchada polo que coidamos é apto para o consumo.

Ademais, malia estar caduco o tema, a esencia das reflexións que queremos transmitir, pódese dicir que son actuais ou, desgrazadamente, se cadra, atemporais.

A Feira

O pasado 1 de novembro, dentro da nosa andaina ulloá, os nosos bois conducíronnos cara á Feira de Santos de Monterroso. Había un par de anos que deveciamos por achegarnos ate aló, mais por diversas razóns aínda non puideramos. Se cadra, as nosas ganas, viñan dadas polas descricións e historias do tío Xosé Manuel, habitual deste gran sarao galaico.

A verdade é que a Feira nos impresionou tanto positiva como negativamente. É un gran acto de pangaleguidade posmoderna. É un luxo achegarse en soidade ou acompañado. Deixarse levar polos refluxos dunha gran marea humana que te leva acó ou acolá sen que se teña moito que dicir. Sen rumbo. Cheirar o arrecendo afumado duns chourizos acabados de facer ou o incienso dun posto de atrapasoños e camisolas de Touro Sentado.

A Feira de Monterroso é unha galería, unha viaxe, en ocasións grotesca pola Galiza actual, cos seus defectos e virtudes. Pola Galiza máis profunda mais tamén a máis globalizada. Postos de queixo, de ananos de xardín, de coitelos de ferreiro, de rañadores-calzadores, de matanza, de surrealistas artesanías ou de zapatillas deportivas de imitación, fan que ao carón dunha camisola do omnipresente Cristiano Ronaldo atopes unha cacheira de porco. Toda unha metáfora da realidade.

Na Feira de Monterroso atopas unha Galiza en proceso de mudanza, ou se cadra, xa mudada nalgúns trazos. Antigamente, a Fira realizábase no lugar coñecido agora coma Feira Vella, ao carón do que estaba o “Rego do Pulpo” onde agromaba unha fonte natural, onde se colocaban as Mestras Pulpeiras aproveitando a auga e a onde acudían vendedores e compradores unha vez “fixeran feira”. Agora, as carpas das pulpeiras, xa forman parte do horizonte da tradición. Mais en Monterroso dáse outro golpe de torca ao convertérense garaxes e baixos sen recebar en improvisados bistrós de polbo e churrasco, nun día no que todo vale.

Porén, está a outra cara da moeda. Pasado o furor inicial e co bandullo cheo de polbo, churrasco e viño de Chantada, comeza a reflexión, e nesta reflexión hai dous temas que cando menos, resultan preocupantes.

Vista dun posto nun pequeno mercado en Cambridge

Un agro estancado

O primero é o estancamento,a falta de imaxinación, do noso agro. Este tema, xa o apuntou Manuel Gago en Capítulo Cero, e coincidimos, non sei se por estar xuntos durante a feira e influírnos durante as conversas ou por se é algo que salta á vista. Máis ben o segundo. A maioría dos postos de produto eran calcamonías, podían dividirse en tres grandes grupos: Queixos, Matanza e Masas. A orixinalidade no produto ou na forma de presentalo era nula, polo que as poucas diferenzas as marcaban as calidades e os prezos.

Non se vían cogomelos, cando puidemos comprobar despois que as fragas estaban inzadas deles. Mais tampouco había verduras salvo un par de mancheas de grelos. Nin cenouras, nin cabazas, ou marmeladas. A Feira de Monterroso debería ser un escaparate da calidade dos nosos produtos. Acode moito público que demanda outro tipo de materia e que ten que acudir a supermercados mercar produtos importados, agricultura semielaborada ou agricultura ecolóxica que podiamos ter ao carón da casa.

Na nosa pequena viaxe a Inglaterra, puidemos pasear por un pequeno mercado en Cambridge. Nada que ver coas dimensións do de Monterroso, catro postos. Había un par de postos de vexetais impresionantes, unhas hortalizas ecolóxicas brillantes que te chamaban e diversas especies de cogomelos salvaxes que se deixaban comer cos ollos. Velaí a diferenza.

Fotografía da Feira nos anos vinte. Tomada de El País

Pasando de todo

A outra grande eiva da Feira é de carácter institucional. Sempre dá carraxe comprobar outra volta o pasotismo institucional. As institucións políticas hai tempo que non se decatan do que acontece fóra dos seus muros, son coma monxes ascetas ou catedráticos de Universidade, só existen no seu interior.

Monterroso naceu coa Feira e este ano cumpría cincocentos anos. Nin o Concello de Monterroso, nin a Deputación de Lugo promoveron ningún acto respecto disto. Xa non un acto, nin un triste cartel conmemorativo. Institucionalmente, o Aniversario pasou inadvertido.

No pasado Agosto presentouse o libro “A Feira de Santos e Monterroso”. En Agosto? Por que non agardar a presentalo na Feira? Nin un posto cos libros. Nada que recordase o Aniversario. De feito tratamos de conseguir o libro, editado polo Concello. Tras moito trafegar descubrimos que o libro non estaba á venda, fixeran unha curta tirada para agasallar. “Aínda queda media caixa, se vés pronto aínda che damos un”, –escoitei do outro lado do teléfono. Non fun.

Nunha librería de segunda man en Compostela atopei “Monterroso. Pasado e Presente” publicado pola Deputación de Lugo en 1987. Moito máis doado.

Unha vez máis son as propostas da sociedade civil, neste caso a da asociación “O Sorriso de Daniel” as máis orixinais xa que para conmemorar o Aniversario abriron diversas igrexas da Ulloa para facilitar a visita e puxeron á venda nun stand da Feira, un bonito almanaque con fotos de Soledad Felloza, das igrexas románicas da Ulloa. As institucións, de costas.

Non é a nosa intención desanimar a xente a ir á Feira, todo o contrario. Simplemente sinalar que é un evento que na Galiza do século XXI, ten moitas máis posibilidades.

A feira é unha experiencia. Un baile de pesas romanas e calculadoras do teléfono móbil, de gritos que convidan á venda e música de Camela de feirantes de sempre, coa chaqueta boa e o paraugas pendurado dela e magrebís que pasean vendendo serras eléctricas.

Nós dende logo, repetiremos o ano que vén e animamos a que a xente se anime a achegarse até a Ulloa, sempre recomendábel, e se apetece, a que se coma un polbo nun garaxe.


Andainas polo Mar de Compostela III. O Neixón

Posteamos nesta ocasión o terceiro artigo do De Lorean. Quen seguise a sección no Galicia Hoxe, saberá que non foi a única vez que falamos deste xacemento. Somos teimudos, Neixón foi unha experiencia espectacular e, por desgraza, excepcional na arqueoloxía galega. Foi o berce da Décima Onda que este verán escavou na Lanzada e cuxa intervención seguimos semanalmente no De Lorean.

Moito cambiou dende este artigo en Neixón, e para mal. Relendo o artigo, o certo é que a reflexión sobre a divulgación en arqueoloxía está en plena vixencia logo do Arqueogate de Punta Langosteira.

Orixinalmente o artogo foi publicado no Galicia Hoxe 0 30-05-2009. O orixinal aquí

Obras de ampliación do Centro Arqueolóxico de Neixón, ao carón do castro e que deveu na destrución dun foxo. Actualmente a obra está parada por falta de cartos

De Res Arqueolóxica

A arqueoloxía, como ciencia que é, é susceptible de ser abordada dende distintos enfoques ou perspectivas. Máis aló de tendencias coma o procesualismo, o estruturalismo, o postprocesualismo… cada proxecto arqueolóxico depende en gran medida da perspectiva que teña cada director non só da arqueoloxía, senón tamén da sociedade e mesmo da vida.

Deste xeito, podemos atopar moi diversas “filosofías” en distintos proxectos que se realizan actualmente en Galiza. Deixando a un lado as intervencións de urxencia, temos unha serie de especialistas apoltronados nas súas vellas cátedras reladas pola couza, pedestais que os elevan por riba dos seus colegas e que ven a arqueoloxía coma un patrimonio persoal; non teñen necesidade de dar explicacións, de publicar, pois a información que sacan da terra perténcelles, é un saber-poder celosamente gardado nos departamentos, a sociedade debe manterse á marxe da arqueoloxía e viceversa, teñen arrepíos fronte a palabra divulgación e mesmo nas súas clases non tratan de formar arqueólogos, senón admiradores. Dan a menor información posíbel por medo a que alguén poida saber tanto coma eles sobre un tema concreto. Estes son os actores que provocan rexeitamento na sociedade pola laboura arqueolóxica.

Afortunadamente, no envés da moeda, existen profesionais apaixonados que levan a práctica arqueolóxica até as súas últimas consecuencias; que levan a cabo proxectos sociais, integradores, sen exclusións. A súa máxima é a de reverter na sociedade os cartos que esta inverte nos proxectos en forma de Coñecemento, de publicacións, de conferencias, de visitas… Desgraciadamente, este tipo de profesionais non encaixan no seo da Universidade, e a maior parte das veces pouco inflúen na formación de futuros arqueólogos.

Existen xacementos que exemplifican en boa medida este xeito de face-las cousas coma poden ser Castrolandín ou O Neixón, no que nesta semana recala o noso peculiar De Lorean despois de atravesa-las corredoiras do Barbanza.

Reconstrución 3D da punta de Neixón feita por Pastor Fábrega

O Neixón

O Neixón é un lugar especial, é unha lingua de terra que se mete no mar de Boiro, é unha punta na que se sitúa un xacemento que pola súa xestión é exemplar, pero o Neixón é algo máis que un contorno físico.

O Neixón como xacemento confórmano o Castro Pequeno, situado máis na punta, e o Castro Grande, ao seu carón; mais Neixón é tamén un fío condutor que nos fala da historiografía do noso país xa que se estudou dende épocas moi temperás até a última campaña do verán do 2008. Aínda que os traballos non foron continuos si quedan nel representados os estadíos e os persoeiros máis sobranceiros da arqueoloxía galega: Cuevillas, Ayán, Bouza Brey ou Acuña.

Trátase dun xacemento que nunca deixou de estar vivo.  As distintas interpretacións que del se fixeron coma fito paisaxístico van dende as lendas, ás romarías coma a que se celebra no lugar cada nove de agosto ou á investigación arqueolóxica.

Moitos foron os achádegos importantes que nos achegou dos que destacamos os dous anacos de arybbalos; un deles achado na cascalleira durante os traballos de Acuña Castroviejo, hoxe en día desaparecido, e o outro atopado en contexto arqueolóxico nos últimos tempos pola equipa de Xurxo Ayán.

A importancia destes anacos de ungüentario radica en que proban unha temperá relación comercial co mundo púnico. Mais as sorpresas que nos depara a terra son moitas, xa que cando un investigador deu por esgotado o Castro Pequeno, anos despois volveuse escavar nel ofrecendo abundantísima información aínda pendente de publicación.

Cando sinalabamos o Neixón como paradigma de proxecto integrador non era en van. A última etapa de traballos levada a cabo dende 2003 deu lugar a múltiples publicacións, tanto especializadas como máis divulgativas, a conferencias para os habitantes da parroquia de Cespón na que se sitúa, a un importante blog onde  ademias de atopar en descarga as publicacións pódense seguir en tempo real os traballos arqueolóxicos e as novidades relacionadas co Neixón e incluso un documental.

Pero o máis importante, tamén deu lugar a un continuo diálogo dende a igualdade cos veciños que van ó contorno do castro mariscar, apaña-lo pico do piñeiro ou as piñas, ou simplemente a pasear e visitar e que tamén teñen a súa visión, a súa interpretación do xacemento.

Jorge, Xosé e Elena, membros da equipa, traballando en Neixón

A equipa

Debemos sumar ás virtudes do Neixón o feito de que os seus traballos se artellan con base nun campo de traballo internacional no que mozos galegos e foráneos aprenden sobre a cultura castrexa, sobre metodoloxía arqueolóxica, e a respectar e valorar o patrimonio.

A equipa que ven traballando nos últimos tempos neste xacemento boirense é multidisciplinar: arqueólogos, edafólogos, antropólogos, malacólogos… Ademais dos campistas que cada un dende a súa visión aporta novos enfoques.

Sen dúbida, este carácter especial que ten Neixón é reflexo da personalidade da súa equipa que como dixemos non exclúe, aglutina, aceptando calquera visión cos brazos abertos, incluso a de teimudos estudantes que decepcionados coa visión universitaria da arqueoloxía intúen que hai algo máis aló.

É imposíbel entende-lo significado do Neixón sen visita-lo lugar onde ademais do xacemento posto en valor atoparémolo Centro Arqueolóxico do Barbanza.

É tamén recomendábel visita-lo blog: neixon.blogspot.com e consulta-la produción científica que alí atoparemos e para os máis curiosos consulta-la bibliografía que apuntamos.

Bibliografía :

Os Castros de Neixón, Boiro, A Coruña: a recuperación dende a arqueoloxía dun espazo social e patrimonial. Ayán, Xurxo (coord.). Noia. Toxosoutos, 2005

Os Castros de Neixón II, Boiro, A Coruña:de espazo natural a paisaxe cultural. Ayán, Xurxo (coord.). Noia. Toxosoutos,2008.


O (re)Torno da Tradición. Buño

Continuamos a subir artigos do Lecer. Desta volta, para rachar un pouco a orde, subimos este publicado o 12-03-2010, algo máis recente. Este artigo foi o primeiro dunha serie sobre oleiros, que de feito aínda non rematamos. Recomendamos a quen lle interese o tema que faga unha visita a Buño e trate de meterse nun destes obradoiros, a cheirar a microhistoria que se agocha nos “cacharros” de barro. O artigo orixinal téndelo aquí ligado.

Fernando Cambón no seu torno

O (re)Torno da Tradición

Esta semana, os nosos bois lévannos outra vez de andaina pola nosa historia, e como noutras ocasións, viaxaremos ao pasado a través da terra, mais desta vez non a través da terra clasificada en unidades estratigráficas e retiradas, capa a capa polas pas dos arqueólogos senón da terra cocida; da arxila extraída nas barreiras e modelada nos obradoiros dos oleiros.

Esta entrega é a primeira dunha serie na que o noso De Lorean se coou nestes obradoiros para coñecer o labor destes artesáns coñecedores dun ancestral xeito de facer transmitido as máis das veces de pais a fillos dende a noite dos tempos e que forma parte da nosa herdanza. Non sei se debemos nomear esta herdanza, este patrimonio como inmaterial, xa que alguén dicía algo así como que o patrimonio inmaterial non é tal xa que por exemplo unha cantiga, no momento no que alguén a interpreta, materialízase. É dicir que malia que os coñecementos para realizar certa vasilla sexan inmateriais, a vasilla en si é material. Algo semellante expresou Deleuze falando de Francis Bacon. “É un erro crer que o pintor está fronte una superficie en branco, mais non é así…O pintor ten demasiadas cousas na súa testa, ao redor de si ou no seu obradoiro. Agora ben, todo aquilo que existe na súa testa ou ao redor del, está xa na tela, máis ou menos virtualmente, máis ou menos actualmente, antes de que comece o seu traballo”. Deixando estas reflexións que aburrirán até os meus bois, esta semana, visitamos o Obradoiro Cambón en Buño.

Fernando Cambón dando a forma inicial á peza

Buño: Os irmáns Cambón

Se cadra, Buño sexa o máis coñecido dos centros oleiros tradicionais aínda en activo, o que si é seguro é que se trata do de máis abondosa produción e o que conta con máis artesáns. Coñecemos a Fernando Cambón, grazas a Torrado, último soldado do Castelo de Vimianzo, lugar ao que Fernando traslada o seu obradoiro no verán para dar a coñece-lo seu labor aos visitantes. Fernando traballa xunta o seu irmán, David, que con trinta e tres anos, é o máis novo dos oleiros de Buño.

Este centro cerámico de Malpica é tachado por puristas de salón de ter abandonado a tradición, de facer pezas para turistas e soberbias deste tipo, o certo é que a maioría de oleiros, e os Cambón entre eles, combinan a tradición cunha continua procura da innovación pois cabe recordar que son artesáns, máis tamén empresarios e están suxeitos a esa lei que lle chaman da oferta e da demanda. O importante é que as formas tradicionais seguen a tornearse, non se perderon como ocorreu noutros centros e quen queira adquirir este tipo de pezas, vainas atopar.

Por outra banda, resulta curioso o concepto de tradición que se ten dende a posmodernidade, pois aos ollos de hoxe, pezas como as “queimadeiras” introducidas no século XX, considéranse tradicionais. É dicir, que a tradición que nos chega hoxe é froito de innovacións en distintos momentos. As pezas modernas, son tantas que xa a García Alén no seu La alfarería de Galicia, cústalle clasificalas pois en cada taller xorden ideas, ou máis ben, en moitos obradoiros, xorden ideas e noutros cópianse.

 

A cocedura e as feiras

Mais non son as formas o único que cambia, falando con Fernando, contábanos como recordaba ver cocer, de neno, nos antigos fornos comunais de leña, o que supuña todo un rito. A preparación do lume que adoitaba ser tarefa de mulleres, a colocación das pezas para o aproveitamento do espazo e conseguir unha cocción uniforme no que había verdadeiros expertos. Logo pasouse á colocación de fornos individuais nos propios obradoiros de tipo árabe, con característica forma de botella. Na actualidade cócese en fornos de propano ou eléctricos co aforro de tempo que supón.

De tódolos xeitos, na Feira de Olería Tradicional faise unha fornada á antiga usanza nun forno rehabilitado. Cambiou tamén a recollida do barro, antes da man dos mesmos artesáns, con pás e co procesamento posterior tamén de xeito manual, agora, unha telleira situada na barreira, encárgase de extraer, procesar e distribuír o barro, tanto o escuro, máis habitual coma o máis claro, chamado “lista”, empregado para as decoracións. Por suposto, tamén a distribución das pezas cambiou, antes, de feira en feira, cos burros cargados, agora, normalmente a través de encargos de tendas ou algunha feira especializada coma Alfaroleiros, no Concello de Oleiros.

Neste senso, os artesáns cos que falamos para a realización desta serie de artigos, sinaláronnos a importancia que tería a celebración dunha feira de olería tradicional en Compostela, sobre todo neste Ano Santo para dar a coñecer o seu oficio tanto a autóctonos como a visitantes. Dende aquí queremos animar as institucións á organización desta feira que con moi poucos cartos, daríalle asemade un valor engadido á visita a Compostela.

Tamén funcionaba moito un trazo propio de economías de subsistencia como é troco, tanto nas propias feiras como polas casas, cambiándose pezas por produtos do agro ou da matanza. Normalmente era a muller quen se encargaba da distribución. A muller tiña moita importancia na olería pese a que non torneaba, mais si realizaba tarefas”secundarias” ás veces moi duras. Esta situación tamén cambiou dende hai uns trinta anos da man de Carme Isabel, primeira muller de Buño que sentou no torno.

Algo que tamén cambiou é a solidariedade entre os artesáns pois, tal como nos contaban David e Fernando, cando se cocía nos fornos comúns, as fornadas eran individuais mais se a alguén lle ía para abaixo a fornada rompendo as pezas, algo que ocorría dun xeito máis ou menos cotián, entre os outros obradoiros, facíase unha colecta de pezas para que o que a perdera puidese facer outra fornada. Agora, as envexas agroman e malia que existe unha asociación, hai que andar con ollo, pois moitos viven de copiar pezas aos outros cando ven que funcionan.

Como vemos, Buño está dacabalo entre a innovación e a tradición, entre o “cacheleiro” e o “baleirapetos”. Mais certamente, a maxia de pousar un anaco de terra húmida nun torno e ver como a man do oleiro a vai subindo e modelando até darlle forma a unha xerra é a mesma hoxe que hai douscentos anos.


Andainas polo Mar de Compostela (II). Corticata

Continuamos a postear artigos publicados no Galicia Hoxe hai tempo co gallo de facelos máis accesíbeis.

Neste segundo artigo, despois de parar nas Torres de Oeste, achegámonos á illa de Cortegada.

O artigo foi orixinalmente publicado no Suplemento Lecer do 17-05-09. Velaía vai tamén a ligazón.

A Canle, entre Cortegada e Carril. Foto de Luis Moyano Quiroga, tomada de panageos

A Canle, entre Cortegada e Carril. Foto de Luis Moyano Quiroga, tomada de panageos

Corticata

Nesta segunda andaina polo Mar de Compostela, o noso De Lorean detense na illa de Cortegada, esa illa que nos agarda trala última curva antes de Carril, tanto pola estrada como por tren.

Se vas a Carril/ nada máis chegar/ verás Cortegada/ deitada no mar.

Moitos son os motivos que nos achegan a este afloramento rochoso que os sedimentos levados polo Ulla e o devir do tempo converteron nunha fértil illa na que paseniño agromou o que hoxe en día é un ecosistema riquísimo tanto marítimo como terrestre.

Na porción de mar e area que a separa dese Concello negado de municipalidade que é Carril e que en marea baixa se fai transitable polo Camiño do Carro, nacen as que segundo os expertos son as máis saborosas ameixas seguramente de Europa. Esta vía de comunicación é a que dá nome a O Carril segundo noticia de Jerónimo del Hoyo en 1607.

fraga de loureiros en Cortegada

En canto ó terrestre, posúe Cortegada o bosque de loureiro de maiores dimensións do noso continente e que supón a monumentalización física dese dúo que ancestralmente fai as ledicias dos nosos padais: os produtos do mar e o loureiro.

A existencia deste prezado bibalvo dálle un valor engadido á contorna: o etnográfico, xa que o enxeño humano, co gallo de facerse con el, estableceu viveiros de cultivo onde se sementan as pequenas ameixas para colleita-las unha vez que non caiban na cuncha; deste xeito, a Canle énchese de gamelas, rastros e panelas e os paus que marcan os lindes de cada viveiro, ademais de racha-la horizontalidade desta paisaxe, denotan o antrópico da mesma.

Máis aló de que a insularidade é dende sempre un excelente caldo de cultivo para as lendas e fogar de mitos e sociedades idílicas, é habitada Cortegada por unha egua branca que a percorre impaciente até topar cos seus límites sabéndose atrapada. Mais non é a egua, nin as cabras, nin tan sequera os múltiples coellos que pululan pola illa os únicos indicios dun pasado poboado por colonos xa que mesmo dende Carril son apreciables os evocadores restos da aldea abandonada en 1907, momento no que a illa foi cedida á Casa Real para que construíse unha residencia estival. Afortunadamente, esta construción, non foi levada a cabo aínda que xa estaba proxectada por Ripollés, o mesmo arquitecto que debuxou o si realizado palacio da Magdalena en Santander. Posteriormente, a illa foi vendida á construtora Cortegada S.A. que deseñou unha urbanización que tampouco se chegou a realizar grazas á vila de Carril que, coma un pai, gardou con celo a virxindade da illa, evitando a “toxificación” de Cortegada. Tras anos de loitas, a illa foi adquirida polo Estado sendo hoxe unha das doas que conforman o colar do Parque Natural das Illas Atlánticas, mais agardemos que quede a salvo de ousados criterios de posta en valor e que tanto a antiga aldea, coma o seu Santuario, o seu Hospital do S.XVI, posteriormente lazareto, ou o seu cruceiro, continúen a se-lo que son: ruínas, vestixios dun pasado e non pasen a ser arquitecturas recrecidas para que queden máis xeitosas nas fotos dos futuros visitantes.

O Pecio

Mais se os bois quixeron atraca-lo noso De Lorean nesta verde illa é por un naufraxio. Temos datos suficientes para supoñer que nas inmediacións da Punta Fradiño, aló polo cambio de Era, afundiu unha nave oneraria romana.

Os primeiros achados, antes de que os arqueólogos e homes-ra profesionais fixesen un exhaustivo peiteado da zona en 1982, foron de carácter casual e derivados das propias técnicas pesqueiras de arrastre coma o “can”.

Plano coas zonasprospectadas en 1982. Imaxe tomada de "A Pedra do Encanto"

As pezas extraídas en 1982 foron abondosas, destacando os restos de ánforas, algunha delas practicamente completas sendo das mellor conservadas de Galicia, aínda que a meirande parte tiñan tronzados os pivotes con fractura moderna derivada case de seguro de estar apoiadas no propio estante no que eran transportadas ou por estaren engachadas, rachando ó ser arrastradas polas artes de pesca. Actualmente a peza máis completa está exhibida no Museo Etnográfico do viño de Cambados.

As pezas achadas correspóndense a un total dunhas vinte e cinco ou trinta ánforas pertencentes, a maioría, á forma Haltern-70, habitante común dos nosos xacementos, respostando algunha á forma Dressel-10. Ditas ánforas, segundo Naveiro estarían feitas no Sur da Península Ibérica e traerían viño á nosa terra antes de que esta deviñera nunha potencia viticultora.

Ademais das ánforas, a nave traería louza fina, do tipo coñecido como “terra sixillata” que aínda conserva a sinatura do oleiro: Dasai, probablemente dun taller do val do Po.

De novo baseándonos en Naveiro, o afundimento tería lugar no Século I d. C. , confirmando a importancia da Ría de Arousa como vía de comunicación co interior da Gallaecia.

O presuposto destes traballos foi limitado, quedando o proxecto en certa maneira inconcluso, sen chegar a constatarse a existencia física do pecio que polo de agora só existe nas nosas conxecturas; agardemos que a adquisición da illa por parte do Estado signifique un correcto estudo arqueolóxico da mesma e da súa contorna, do mesmo xeito que agardamos que a súa xestión de cara ó turismo provoque o mínimo impacto nestas augas das que viven numerosas familias.

Viaxando cara ó futuro no noso De Lorean, é a nosa esperanza non ver nunca unha ponte que comunique Cortegada co continente como aquela que ideara J. Eugenio Ribera en 1908, e que os limitados visitantes que pode acolle-la illa dunha soa vez accedan a ela nunha frotiña de dornas disposta para tal fin.

Deitada no mar/ vogando por ela/ van os mariñeiros/ nun barco de vela.

Citando a Plinio

Os célticos de sobrenome Nerios e os Supertamáricos na península na que se dedicaron a Augusto tres aras Sestianas, os Coporos, a Cidade de Noeta, os céltics de sobrenome praestamarcos, os Cilenos. Das illas deben nomearse Corticata e Aunios.

Plinio, Historia Natural, IV, 111.Tradución tomada de Galicia nos textos clásicos, Romero Masia, Ana María e Pose Mesura, Xose Manuel. O Castro.
Sada. 1988.


Arqueogate. O poboado dos bronceiros

Velaquí reproduzo o texto dun artigo de opinión publicado hoxe no Galicia Hoxe:

Vista aérea do castro de Punta Langosteira. Tomada de Capítulo Cero

Vista aérea do castro de Punta Langosteira. Tomada de Capítulo Cero

O pasado mércores, 03 de novembro saltaba a lebre cando o xornalista e amigo Manuel Gago, publicaba un post no seu blog Capítulo Cero, no que falaba da destrución dun importantísimo xacemento arqueolóxico por mor da construción do Porto Exterior en Arteixo. En realidade publicouno despois de que nunha revista especializada de Cádiz publicase un artigo do empresario encargado das escavacións arqueolóxicas e un profesor da Universidade da Coruña no que analizan a metalurxia deste xacemento. Ás poucas horas xa había multitude de comentarios no blog que daban conta da relevancia do tema. Pola noite, Galicia Confidencial completaba a información. O seguimento social foi enorme, polo que algúns xa alcuñamos o suceso coma o Arqueogate. Tanto en Capítulo Cero como en Galicia Confidencial atoparedes abondosa información, precisa e baseada en fontes escritas citadas, do proceso de asasinato deste singular castro.

Resumindo moito, a historia é a que segue: Sábese que en Punta Langosteira hai un castro. Encárgase unha escavación de urxencia para liberalizar os terreos e poder continuar coas obras do Porto Exterior. O xacemento xa estaba sentenciado, seguramente daba igual o que se atopase. Contaban cun castro costeiro máis ou menos normal, na liña dos xa coñecidos.

O que apareceu foi todo o contrario. Un xacemento único en Galicia e en España e que sería vital para entendermos a importancia do Noroeste peninsular no crepúsculo da Idade de Bronce. As relacións co Atlántico, co Mediterráneo, etc…

Haberá quen pense que esaxeramos, pois ben, polo pouco que sabemos, co que se atoparon os arqueólogos foi cun xacemento illado, practicamente incomunicado visualmente. No seu interior apareceron múltiples cabanas, mais non as típicas circulares dos castros, que de calquera xeito serían posteriores ás cronoloxías de Punta Langosteira. Eran cabanas de gran tamaño, rectangulares e alongadas. Todas máis ou menos iguais e seguindo unha mesma dirección. Isto en si xa mosquea.

Hai máis. A cultura material non daba pé a imaxinar xente vivindo nese lugar, non saían apenas materiais cotiás, de cociña, de servizo ou de almacenaxe. Tampouco aparecían materiais relacionados cos traballos agrícolas ou mesmo pesqueiros. Que aparecía entón?

Restos de metalurxia. Case cada cabana tiña un forno. O poboado estaba organizado en función dos procesos do bronce. É máis, detectáronse dous sistemas de produción, con dous tipos de aleacións, destinados a diferentes tipos de obxectos.

A única actividade que se levaba a cabo no poboado era o traballo do bronce. Era un centro de I+D, un centro de alto rendemento de bronceiros da época. Pero aínda hai máis, xa que contra o que se podería pensar, non hai materiais que o vinculen ao mundo mediterráneo. Trátase dun proceso endóxeno. Ou iso semella, á vista dos poucos datos que temos.

 

Que pasou co sitio?

Mentres se escavaba, en área e durante sete meses, xa se sabía a importancia do sitio. As institucións (i)rresponsábeis calaron. Remataron as escavacións e os buldozer fixeron o seu traballo. Isto é algo que pasa deseguido, é o habitual cando se fai un control arqueolóxico de urxencia. Chégase, escávase, documéntase e destrúese. O sistema é máis ou menos coherente, hai milleiros de xacementos no país e non se poden conservar todos. O obxectivo polo menos é documentalos e rexistralos e que queden para a posteridade en papel e foto. Ademais, as escavacións de obras públicas permiten en moitos casos escavar lugares nos que doutro xeito non se escavaría, por exemplo, na contorna dos castros, camiños, etc. E permiten que os datos desa escavación poidan ser empregados con posterioridade

Evidentemente, isto ten problemas. Suponse que se o xacemento é excepcional, pode ser indultado. Vese que non. Se Punta Langosteira non o foi, que se pode salvar? Claro que quen pode contra un megalómano Porto Exterior de necesidade cando menos dubidosa?

Outro problema é a difusión e divulgación das memorias e informes. Os arqueólogos profesionais, no mellor dos casos, saturados de traballo non poden normalmente facer memorias moi extensas nin ocuparse de publicalas ou adaptalas para publicacións divulgativas. Aí debería entrar a Universidade. En vez de que os profesores se dediquen a predicar dende os seus académicos púlpitos o diabólica que é a arqueoloxía profesional, poderían mover os seus cus e os dos seus equipos de investigación e dedicarse a traballar man a man coas empresas. É moi doado criticar dende un soldo fixo e vitalicio.

 

Responsabilidades

Neste caso, a responsabilidade era do Ministerio por tratarse de Costas, mais seguramente sería o mesmo se a competencia fose da Consellería pois non debemos esquecer o case un ano de silencio administrativo da Secretaría Xeral de Patrimonio respecto do atentado de Neixón. E habendo denuncias.

O que temos é un problema institucional e político. Se eles non fan o seu traballo e non preservan o noso Patrimonio, quen o vai facer? Catro mataos? E xa non digo conservar, senón interesarse, valorar e divulgar.

Haberá tamén quen poida trousar sobre os arqueólogos. Penso que é un erro, e falo de arqueólogos, non de empresarios. No país temos persoas moi cualificadas traballando en arqueoloxía, polo menos falo dende a miña experiencia e de con quen me tocou compartir carretilla. O persoal que se ocupou desta intervención é do máis profesional e nada se lles pode reprochar. De feito, cando saia a memoria quedará claro que non é un problema arqueolóxico, senón político e doutro tipo de intereses.

Xa bastante fodida é a profesión, no sentido de salario, inseguridade e discontinuidade como para esixirlles aos profesionais que sexan eles os que corrixan os erros da Administración, que se nutre de xente con salarios fixos que, por certo, pagamos todos.

Escribimos isto a medias entre un avión de Ryanair e un pub inglés, porque (por fin) estamos uns días de vacacións. Supoñemos que cando volvamos, moito se terá falado sobre o tema e moita máis xente se pronunciaría.

Para rematar, recordar que todo é opinión persoal e por suposto, se cadra estamos equivocados e o poder económico deba arrasar con todo. Con Touriñán, coas Fragas do Eume, co Ézaro, con Punta Langosteira… Menos mal que a Catedral é unha fonte de ingresos, que se non…

A pregunta é clara: queremos seguir este rumbo