Os nosos bois dirixen unha nova xeira. O outono, que este ano semella preguiceiro, comeza a albiscarse entre días solleiros. De feito, este, no que o noso De Lorean atravesa corredoiras das Terras da Ulloa, é dos primeiros días realmente outonizo. Ceo de chumbo, auga que cae a ratos, vento que zoa.
Porén, a paisaxe non é allea ás estacións. O outro día escoitabamos na radio que este ano as plantas están confusas, enganadas e algunhas especies están a botar flor, agardando unha inesperada primavera, coma un cincuentón que non acepta o seu outono e comeza a actur coma un rapaz de vinte anos.
Porén os castiñeiros son vellos sabios, impasibles testemuños do paso do tempo. Non hai máis que saírse das estradas principais e percorrer as corredoiras desta bisbarra do centro da nosa terra. Atravesando soutos daste de conta de que non fallan e sempre, unha manta de follas e ourizos da calor a un asfalto que comeza a coller as súas primeiras xeadas. Os soutos saben que é o seu momento, que a castaña é un dos nosos símbolos outonizos, e xa de ir apañalas, haberá que apañar tamén uns cogomelos, e xuntalo todo no prato cunha boa peza de xabarín,… Outono, tiñamos saudades, benvido.
Nova estación e nova serie. Deixamos A Lanzada e o verán atrás, mais mentres atravesamos a outoniza Ulloa no De Lorean, se miramos polo retrovisor aínda vemos imaxes estivais. Chichís, a orquestra Superfama, os debates a pé de escavación, a Moura dos Tesouros, Don Cipriano, a Casa das Canteiras,Don Hipólito,…
Empezamos pois unha pequena serie, e como xa adiviñariades, A Ulloa vai ser o escenario, esa comarca da Galiza Central con tantas riquezas e tan esquecida. Iniciamos esta serie que estará inzada de castelos, de mercados de orixe medieval, gastronomía, petróglifos, pazos, etc.
De feito non é casual que iniciemos hoxe esta nova serie, pois mañá,é o V Centenario da Feira de Santos de Monterroso. Temos pois cincocentos anos deste mercado de Santos que non é o único importante de Monterroso pois tamén xuntan moito produto e xente, os celebrados o día 1 de Xaneiro e o 1 de Agosto, tendo este último o poético nome de Mercado dos Bicos. Non por tratar de emular ao Festival das Apertas senón porque Agosto é o mes no que regresan os emigrados da Ulloa, pois nesta bisbarra, como na maioría das galegas deixou fonda pegada a emigración, nomeadamente a Guipúscoa. Por tanto, o Mercado dos Bicos é o mercado dos reencontros, da morriña por fin resolta.
O Sorriso de Daniel
Para este V Centenario da Feira de Santos, a Asociación “O Sorriso de Daniel”, organizará unha serie de actividades vinculadas ao Románico ulloano. Trátase dunha asociación recentemente creada por anteriores membros da estatal “Amigos del Románico”, ao decatarse os membros galegos que lles era máis operativo traballar a nivel nacional, tendo máis rapidez e liberdade de acción.
Tanto hoxe domingo como mañá luns, membros da asociación manterán abertas nove igrexas da comarca ofrecendo visitas guiadas nos días de máis afluencia de xente na bisbarra, ofrecendo asemade as súas explicacións .
Contarán por outra banda cun stand na “cúpula” da Feira onde informarán cómo chegar aos edificios e poñerán á venda a un prezo moi razoábel, uns almanaques de 2011 nos que cada mes está dedicado a unha das igrexas, a través dunha foto de Soledad Felloza, como a que ilustra este artigo e que amablemente nos cedeu.
O punto álxido das actividades terá lugar ás doce do mediodía, cando soen as campás da meirande parte das igrexas da Ulloa ao unísono. Faranse sentir, reivindicando un Patrimonio esquecido, o día do aniversario da Feira máis antiga e importante de Galiza, que como eles mesmos apuntan, naceu case cando estas igrexas acababan de levantarse.
Santa María de Marzá
O pasado domingo tivemos a sorte de que Carme Varela, secretaria do Sorriso de Daniel se subise ao noso De Lorean e visitamos con outros membros da asociación algunha das xoias da bisbarra.
A riqueza é enorme, mais nesta entrega queremos falar dunha igrexa en concreto, a de Santa María de Marzá, no Concello de Palas de Rei, limitando xa co de Monterroso.
Trátase dunha pequena igrexa rural, situada sobre un podio de terra, enriba dun outeiro dominando boa parte do val que ten ao carón.
Configúrase coma unha igrexa de nave única con ábsida semicircular, cun tramo recto do presbiterio bastante desenvolvido. Como elementos orixinais da fábrica Románica, amosa ao exterior as columnas das primitivas seteiras, hoxe ventás, e múltiples canzorros con diversos motivos.
A súa fachada é moi simple, reformada en época barroca, cando se coroa cunha espadana, mais hai un sillar que cabe destacar, sobre todo para quen gozamos cos misterios gravados nas pedras. Trátase dun sillar no que hai labrado o que semella algún tipo de animal, se cadra un león, rampante. Porén o sillar está volteado.
Mais o tesouro que agocha esta igrexa está no seu interior. Unha vez traspasado a solaina da porta que nos abriu o sancristán, os nosos ollos comezaron a dar voltas percorrendo as paredes. A igrexa está inzada de pinturas murais, non só na ábsida, tamén na nave.
Resulta abraiante o estado de conservación das pinturas así como a calidade e cantidade das mesmas, pois é algo moi pouco habitual na nosa terra. Por desgraza tamén é pouco frecuente que haxa bos estudos sobre este tipo de manifestación artística.
Polo pouco que puidemos saber. O autor, anónimo, toma o nome da igrexa: Mestre de Marzá, e relacionando estilos, sábese que tamén pintou outras igrexas próximas coma San Xurxo de Augasantas, San Martín de Curvián e San Esteban de Paderne. Nesta última, unha cartela cunha data permite certificar o que amosa o estilo das pinturas: Son de principios de Século XVI.
No tocante ao estilo, configúranse en Gótico Hispano-Flamengo, sendo este o estilo maioritario nos principios desta centuria, fronte a un Renacemento de carácter elitista que nunca chegará realmente a enraizar no noso territorio.
As figuras flotan entre motivos decorativos de orixe moi anterior ás pinturas que se explican pola inercia dos talleres populares, mais tamén porque continúan a ter importancia no imaxinario simbólico ou estético da época.
O repertorio de imaxes vai dende un enorme San Miguel Arcanxo ao carón de varias escenas da Paixón, no muro Norte, a varias escenas na que a protagonista é a Virxe na ábsida. Chama a atención a serenidade e pausa coas que se representa a unha María moi humana, que nunha das imaxes aparece incluso cun atrevido escote. Estas representacións da Virxe son, na nosa opinión, unha verdadeira xoia.
As pinturas da parede Sur conserváronse peor e aparecen algúns sillares reintegrados ao carón dela. A estas pinturas pertence a foto que acompaña este texto, que representa o martirio de San Sebastián.
A conclusión é que hai que aproveitar estes días que “O Sorriso de Daniel” está pola zona para poder ver esta xoia pictórica. Por suposto, por se alguén non pode ir estes días informarei sobre como se pode acadar a chave. Mais non o vou facer en Lecer.
Con esta nova serie tamén estreamos blog ( deloreandebois.wordpress.com ), onde penduraremos tanto os artigos anteriores desta sección, creando unha base de datos accesíbel, como os que vaian saíndo, uns días máis tarde da súa edición impresa.
O blog permitirá ampliar información que en ocasións por falla de espazo non podemos meter, e sobre todo, que podades aportar as vosas opinión e complementar información e detalles que escapan aos ollos dos nosos bois.
|
Para esta entrada, mañán, informaremos sobre como acadar a chave da igrexa e plantexamos unha pregunta, a ver se alguén ten a resposta ou coñece algo similar: Que pode ser o que se representa no sillar do que antes falamos?.
3 Novembro 2010 at 10:44 am
Fixen un googleo centrado na herádica de nobres vencellados a zona e atopei isto:
http://www.panoramio.com/photo/27893354
Polo que conta o autor da foto é un escudo dos Ozores en Paraños. O sillar de Marzá élle moi semellante pero sen espada que o espete e tamén coido que moito máis antigo…
un saúdo e parabéns polo blog
11 Novembro 2010 at 9:45 am
Ola Antón:
Grazas. A verdade é que non pensara nun motivo heráldico. Podería ser, mais en todo caso, como ben dis, o sillar de Marzá semella máis antigo. Se cadra un motivo que despois se recolle no escudo…non o sei. Seguirei pescudando.
Sinto non ter respostado antes. Unha aperta!
10 Febreiro 2011 at 10:00 am
[…] iniciativas máis complexas como a que fixeron para chamar a atención sobre o Románico ulloán, da que xa falamos no noso espazo en Lecer. Este domingo fixeron unha xeira ate o Pazo Arcebispal de Diomondi, riquísimo elemento do noso […]