Andainas polo Mar de Compostela. Castellum Honesti

Hoxe posteamos a que foi a nosa primeira colaboración no Galicia Hoxe. Moito choveu dende entonces e moito cambiamos nós tamén. Esta primeira entrega, dedicámoslla no seu momento a Montse, copiloto do De Lorean e a Xurxo, un dos motores. O texto foi publicado o 03 de Maio de 2009. Aquí podedes ver o artigo na hemeroteca virtual do Galicia Hoxe.

Os cormoráns negros voan baixo atravesando a escala de grises que supón o inverno galego reforzado polas torres graníticas, mudos testemuños da Historia. Cheiro da maré con algas putrefactas ó sol. Achámonos en Catoira, nas Torres de Oeste. Xelmírez, Rosalía Castro (de Murguía), ruínas, romanticismo. Precisamente, foi esta perspectiva histórica a que se empeñou en identifica-las torres arousás coas de Augusto citadas nas fontes clásicas.

O problema das fontes escritas é que podemos afogar nelas, dependen de moitas partículas interrogativas Quen? Cando? Como? Por que? Os obxectos, os materiais arqueolóxicos son máis obxectivos, teñen menos vocación de mentir aínda que tampouco representan verdades unívocas e dependen de como sexan interpretados; por esta razón lle agradecemos a X. L. Naveiro e á Deputación de Pontevedra a publicación de Las Torres de Oeste onde se recompilan os traballos e conclusións das escavacións dos anos 70. A información empregada para a redacción deste artigo está tirada deste interesante libro do que recomendámo-la súa lectura a aqueles visitantes que queiran afondar un pouco máis na Historia que se agocha baixo este promontorio arousán onde se xunta o doce e o salgado máis aló das báquicas romarías ou as anécdotas propias dos carteis informativos.

As Torres ó mesmo que a parroquia onde se sitúan reciben o nome de Oeste derivado de Honesti e non ten nada que ver a súa etimoloxía nada con forzados lazos que tratan de vencella-la a evolucións de Augusto e moito menos ó homónimo punto cardinal.

Cando se fala da historia das torres, o imaxinario popular recrea encarnizadas batallas entre os drakkars do invasor tocado con cornos e o exército autóctono tratando de repelelo. Isto probablemente foi así, é dicir, no momento das invasións viquingas, de seguro que o promontorio onde hoxe se erguen as ruínas das torres xogou un importante papel pola súa posición estratéxica onde a ría máis grande se fai máis pequena defendendo a entrada ó navegable río Ulla, saída natural de Compostela ó mar.

O que tamén é certo é que este non foi máis que outro episodio na longa vida histórica deste sobranceiro lugar, mais por algunha razón o viquingo é un excelente alimento para a imaxinación e a lenda, de aí que a vila de Catoira estea chea de referencias a drakkars, cascos con cornos e xigantes loiros trenzados nas súas tabernas, nas súas rotondas…o cal non resulta tan estraño se temos en conta que o rianxeiro casco de Leiro foi nun principio interpretado tamén como viquingo.

A primeira ocupación deste lugar segundo Naveiro produciuse na Idade do Ferro pola cultura dos castros, documentándose baixo a terra restos dun poboado destas características cos seus materiais asociados. Para Naveiro este primeiro uso corresponderíase co século I a.C., anque precisamente polos materiais exhumados en comparativa con outros xacementos próximos e seguramente de similares características coma os fertis e ben publicados castros do Neixón, Boiro, fan pensar na necesidade de revisar esas cronoloxías e facelas uns séculos máis antigas.

Todo apunta a que durante e trala conquista romana houbo contactos entrambos os pobos de tipo comercial, por ende culturais, non podéndose documentar se estes tamén se produciron con outras culturas coma a púnica,e pronto, esta lingua de terra que desafía o Mar de Arousa converteuse nun importante punto de control sobre o tráfico de mercadorías cara e dende Iria Flavia aínda que faltan estudos rigorosos noutros importantes xacementos da ría coma Alobre ou Cortegada para facermos una radiografía máis aproximada do comercio que tiña lugar nestas augas por aquel tempo.

Trala caída do Imperio, o lugar foi eventualmente ocupado ou remodelado nesa etapa de invasións á que faciamos alusión, para coñecer no século XIII o seu apoxeo arquitectónico ó que pertencen a meirande parte dos restos visíbeis na actualidade. Semella pois que tralo perigo viquingo a fortificación pétrea do lugar respostaba máis ó control do comercio e á seguridade das mercadorías que a repeler posíbeis invasións por mar.

Atendendo ó exposto hai dúas constantes que perseguen a este estratéxico punto da nosa xeografía: protección e comercio; ámbolos dous conceptos ligados ás relacións exteriores dos distintos habitantes do Noroeste peninsular.

Fóra das encrucilladas históricas, o visitante pode gozar dun contorno envexable tanto pola súa paisaxe, cociñada con río, ría, montaña e cons como polo seu ecosistema cenaguento que serve de hábitat a moi diferentes especies ornitolóxicas e vexetais. Recomendamos face-la visita en ferrocarril xa que poucos son os metros que separan á estación de Catoira, ademais de que o paseo paga a pena.

Deixando dun lado a observación do contorno histórico e natural podemos entregarnos nestas ruínas galegas á reflexión sobre un penedo coma os elegantes cormoráns que, tras entregarse en picado á pesca, perden a súa capacidade de voo mentres que non lle sequen as ás e observan como as ruidosas gaivotas fanse co control do ceo. Haberá que pensar que faremos cando sequen as nosas ás.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: