Arqueogate. O poboado dos bronceiros

Velaquí reproduzo o texto dun artigo de opinión publicado hoxe no Galicia Hoxe:

Vista aérea do castro de Punta Langosteira. Tomada de Capítulo Cero

Vista aérea do castro de Punta Langosteira. Tomada de Capítulo Cero

O pasado mércores, 03 de novembro saltaba a lebre cando o xornalista e amigo Manuel Gago, publicaba un post no seu blog Capítulo Cero, no que falaba da destrución dun importantísimo xacemento arqueolóxico por mor da construción do Porto Exterior en Arteixo. En realidade publicouno despois de que nunha revista especializada de Cádiz publicase un artigo do empresario encargado das escavacións arqueolóxicas e un profesor da Universidade da Coruña no que analizan a metalurxia deste xacemento. Ás poucas horas xa había multitude de comentarios no blog que daban conta da relevancia do tema. Pola noite, Galicia Confidencial completaba a información. O seguimento social foi enorme, polo que algúns xa alcuñamos o suceso coma o Arqueogate. Tanto en Capítulo Cero como en Galicia Confidencial atoparedes abondosa información, precisa e baseada en fontes escritas citadas, do proceso de asasinato deste singular castro.

Resumindo moito, a historia é a que segue: Sábese que en Punta Langosteira hai un castro. Encárgase unha escavación de urxencia para liberalizar os terreos e poder continuar coas obras do Porto Exterior. O xacemento xa estaba sentenciado, seguramente daba igual o que se atopase. Contaban cun castro costeiro máis ou menos normal, na liña dos xa coñecidos.

O que apareceu foi todo o contrario. Un xacemento único en Galicia e en España e que sería vital para entendermos a importancia do Noroeste peninsular no crepúsculo da Idade de Bronce. As relacións co Atlántico, co Mediterráneo, etc…

Haberá quen pense que esaxeramos, pois ben, polo pouco que sabemos, co que se atoparon os arqueólogos foi cun xacemento illado, practicamente incomunicado visualmente. No seu interior apareceron múltiples cabanas, mais non as típicas circulares dos castros, que de calquera xeito serían posteriores ás cronoloxías de Punta Langosteira. Eran cabanas de gran tamaño, rectangulares e alongadas. Todas máis ou menos iguais e seguindo unha mesma dirección. Isto en si xa mosquea.

Hai máis. A cultura material non daba pé a imaxinar xente vivindo nese lugar, non saían apenas materiais cotiás, de cociña, de servizo ou de almacenaxe. Tampouco aparecían materiais relacionados cos traballos agrícolas ou mesmo pesqueiros. Que aparecía entón?

Restos de metalurxia. Case cada cabana tiña un forno. O poboado estaba organizado en función dos procesos do bronce. É máis, detectáronse dous sistemas de produción, con dous tipos de aleacións, destinados a diferentes tipos de obxectos.

A única actividade que se levaba a cabo no poboado era o traballo do bronce. Era un centro de I+D, un centro de alto rendemento de bronceiros da época. Pero aínda hai máis, xa que contra o que se podería pensar, non hai materiais que o vinculen ao mundo mediterráneo. Trátase dun proceso endóxeno. Ou iso semella, á vista dos poucos datos que temos.

 

Que pasou co sitio?

Mentres se escavaba, en área e durante sete meses, xa se sabía a importancia do sitio. As institucións (i)rresponsábeis calaron. Remataron as escavacións e os buldozer fixeron o seu traballo. Isto é algo que pasa deseguido, é o habitual cando se fai un control arqueolóxico de urxencia. Chégase, escávase, documéntase e destrúese. O sistema é máis ou menos coherente, hai milleiros de xacementos no país e non se poden conservar todos. O obxectivo polo menos é documentalos e rexistralos e que queden para a posteridade en papel e foto. Ademais, as escavacións de obras públicas permiten en moitos casos escavar lugares nos que doutro xeito non se escavaría, por exemplo, na contorna dos castros, camiños, etc. E permiten que os datos desa escavación poidan ser empregados con posterioridade

Evidentemente, isto ten problemas. Suponse que se o xacemento é excepcional, pode ser indultado. Vese que non. Se Punta Langosteira non o foi, que se pode salvar? Claro que quen pode contra un megalómano Porto Exterior de necesidade cando menos dubidosa?

Outro problema é a difusión e divulgación das memorias e informes. Os arqueólogos profesionais, no mellor dos casos, saturados de traballo non poden normalmente facer memorias moi extensas nin ocuparse de publicalas ou adaptalas para publicacións divulgativas. Aí debería entrar a Universidade. En vez de que os profesores se dediquen a predicar dende os seus académicos púlpitos o diabólica que é a arqueoloxía profesional, poderían mover os seus cus e os dos seus equipos de investigación e dedicarse a traballar man a man coas empresas. É moi doado criticar dende un soldo fixo e vitalicio.

 

Responsabilidades

Neste caso, a responsabilidade era do Ministerio por tratarse de Costas, mais seguramente sería o mesmo se a competencia fose da Consellería pois non debemos esquecer o case un ano de silencio administrativo da Secretaría Xeral de Patrimonio respecto do atentado de Neixón. E habendo denuncias.

O que temos é un problema institucional e político. Se eles non fan o seu traballo e non preservan o noso Patrimonio, quen o vai facer? Catro mataos? E xa non digo conservar, senón interesarse, valorar e divulgar.

Haberá tamén quen poida trousar sobre os arqueólogos. Penso que é un erro, e falo de arqueólogos, non de empresarios. No país temos persoas moi cualificadas traballando en arqueoloxía, polo menos falo dende a miña experiencia e de con quen me tocou compartir carretilla. O persoal que se ocupou desta intervención é do máis profesional e nada se lles pode reprochar. De feito, cando saia a memoria quedará claro que non é un problema arqueolóxico, senón político e doutro tipo de intereses.

Xa bastante fodida é a profesión, no sentido de salario, inseguridade e discontinuidade como para esixirlles aos profesionais que sexan eles os que corrixan os erros da Administración, que se nutre de xente con salarios fixos que, por certo, pagamos todos.

Escribimos isto a medias entre un avión de Ryanair e un pub inglés, porque (por fin) estamos uns días de vacacións. Supoñemos que cando volvamos, moito se terá falado sobre o tema e moita máis xente se pronunciaría.

Para rematar, recordar que todo é opinión persoal e por suposto, se cadra estamos equivocados e o poder económico deba arrasar con todo. Con Touriñán, coas Fragas do Eume, co Ézaro, con Punta Langosteira… Menos mal que a Catedral é unha fonte de ingresos, que se non…

A pregunta é clara: queremos seguir este rumbo

Advertisement

3 responses to “Arqueogate. O poboado dos bronceiros

  • Fran Alvarez

    Hai só uns días falaba aquí en Exeter cun matrimonio inglés que gostan moito de visitar España e, en particular, monumentos arqueolóxicos e os dous coincidían na falta de conciencia social (ao fin, é iso o que move os cús e as caras dos políticos) que existe na Península no tocante ao patrimonio histórico. Moi diferentes, inda que non perfectas, son as cousas aquí, onde numerosas organizacións públicas e privadas coidan do patrimonio de todos. Por existir até existe un programa de arqueoloxía en horario de máxima audiencia (e leva xa dende 1994!!).
    Agardemos que este tipo de ‘asasinatos’ sirvan para ir creando esa conciencia social, polo ben de todos.

    Aperta

    FA

  • deloreandebois

    Ola Fran:
    Lamentablemente é así. O certo é que nesta pequena vixe que fixen a Inglaterra puiden aproveitar para visitar algún xacemento arqueolóxico, xa postearei sobre o tema, mais a sensación xeral é de que se pon moito coidado na integración do elemento como parte da paisaxe cotiá dos habitantes da contorna.

    Por certo, nesta ocasión andiven polo Sur mais non tan ao Oeste, pero Devon tamén teño gañas de visitalo, e Exeter, será obrigado 😉

    Grazas e unha aperta!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: