Posteamos nesta ocasión o terceiro artigo do De Lorean. Quen seguise a sección no Galicia Hoxe, saberá que non foi a única vez que falamos deste xacemento. Somos teimudos, Neixón foi unha experiencia espectacular e, por desgraza, excepcional na arqueoloxía galega. Foi o berce da Décima Onda que este verán escavou na Lanzada e cuxa intervención seguimos semanalmente no De Lorean.
Moito cambiou dende este artigo en Neixón, e para mal. Relendo o artigo, o certo é que a reflexión sobre a divulgación en arqueoloxía está en plena vixencia logo do Arqueogate de Punta Langosteira.
Orixinalmente o artogo foi publicado no Galicia Hoxe 0 30-05-2009. O orixinal aquí

Obras de ampliación do Centro Arqueolóxico de Neixón, ao carón do castro e que deveu na destrución dun foxo. Actualmente a obra está parada por falta de cartos
De Res Arqueolóxica
A arqueoloxía, como ciencia que é, é susceptible de ser abordada dende distintos enfoques ou perspectivas. Máis aló de tendencias coma o procesualismo, o estruturalismo, o postprocesualismo… cada proxecto arqueolóxico depende en gran medida da perspectiva que teña cada director non só da arqueoloxía, senón tamén da sociedade e mesmo da vida.
Deste xeito, podemos atopar moi diversas “filosofías” en distintos proxectos que se realizan actualmente en Galiza. Deixando a un lado as intervencións de urxencia, temos unha serie de especialistas apoltronados nas súas vellas cátedras reladas pola couza, pedestais que os elevan por riba dos seus colegas e que ven a arqueoloxía coma un patrimonio persoal; non teñen necesidade de dar explicacións, de publicar, pois a información que sacan da terra perténcelles, é un saber-poder celosamente gardado nos departamentos, a sociedade debe manterse á marxe da arqueoloxía e viceversa, teñen arrepíos fronte a palabra divulgación e mesmo nas súas clases non tratan de formar arqueólogos, senón admiradores. Dan a menor información posíbel por medo a que alguén poida saber tanto coma eles sobre un tema concreto. Estes son os actores que provocan rexeitamento na sociedade pola laboura arqueolóxica.
Afortunadamente, no envés da moeda, existen profesionais apaixonados que levan a práctica arqueolóxica até as súas últimas consecuencias; que levan a cabo proxectos sociais, integradores, sen exclusións. A súa máxima é a de reverter na sociedade os cartos que esta inverte nos proxectos en forma de Coñecemento, de publicacións, de conferencias, de visitas… Desgraciadamente, este tipo de profesionais non encaixan no seo da Universidade, e a maior parte das veces pouco inflúen na formación de futuros arqueólogos.
Existen xacementos que exemplifican en boa medida este xeito de face-las cousas coma poden ser Castrolandín ou O Neixón, no que nesta semana recala o noso peculiar De Lorean despois de atravesa-las corredoiras do Barbanza.
O Neixón
O Neixón é un lugar especial, é unha lingua de terra que se mete no mar de Boiro, é unha punta na que se sitúa un xacemento que pola súa xestión é exemplar, pero o Neixón é algo máis que un contorno físico.
O Neixón como xacemento confórmano o Castro Pequeno, situado máis na punta, e o Castro Grande, ao seu carón; mais Neixón é tamén un fío condutor que nos fala da historiografía do noso país xa que se estudou dende épocas moi temperás até a última campaña do verán do 2008. Aínda que os traballos non foron continuos si quedan nel representados os estadíos e os persoeiros máis sobranceiros da arqueoloxía galega: Cuevillas, Ayán, Bouza Brey ou Acuña.
Trátase dun xacemento que nunca deixou de estar vivo. As distintas interpretacións que del se fixeron coma fito paisaxístico van dende as lendas, ás romarías coma a que se celebra no lugar cada nove de agosto ou á investigación arqueolóxica.
Moitos foron os achádegos importantes que nos achegou dos que destacamos os dous anacos de arybbalos; un deles achado na cascalleira durante os traballos de Acuña Castroviejo, hoxe en día desaparecido, e o outro atopado en contexto arqueolóxico nos últimos tempos pola equipa de Xurxo Ayán.
A importancia destes anacos de ungüentario radica en que proban unha temperá relación comercial co mundo púnico. Mais as sorpresas que nos depara a terra son moitas, xa que cando un investigador deu por esgotado o Castro Pequeno, anos despois volveuse escavar nel ofrecendo abundantísima información aínda pendente de publicación.
Cando sinalabamos o Neixón como paradigma de proxecto integrador non era en van. A última etapa de traballos levada a cabo dende 2003 deu lugar a múltiples publicacións, tanto especializadas como máis divulgativas, a conferencias para os habitantes da parroquia de Cespón na que se sitúa, a un importante blog onde ademias de atopar en descarga as publicacións pódense seguir en tempo real os traballos arqueolóxicos e as novidades relacionadas co Neixón e incluso un documental.
Pero o máis importante, tamén deu lugar a un continuo diálogo dende a igualdade cos veciños que van ó contorno do castro mariscar, apaña-lo pico do piñeiro ou as piñas, ou simplemente a pasear e visitar e que tamén teñen a súa visión, a súa interpretación do xacemento.
A equipa
Debemos sumar ás virtudes do Neixón o feito de que os seus traballos se artellan con base nun campo de traballo internacional no que mozos galegos e foráneos aprenden sobre a cultura castrexa, sobre metodoloxía arqueolóxica, e a respectar e valorar o patrimonio.
A equipa que ven traballando nos últimos tempos neste xacemento boirense é multidisciplinar: arqueólogos, edafólogos, antropólogos, malacólogos… Ademais dos campistas que cada un dende a súa visión aporta novos enfoques.
Sen dúbida, este carácter especial que ten Neixón é reflexo da personalidade da súa equipa que como dixemos non exclúe, aglutina, aceptando calquera visión cos brazos abertos, incluso a de teimudos estudantes que decepcionados coa visión universitaria da arqueoloxía intúen que hai algo máis aló.
![]() |
É imposíbel entende-lo significado do Neixón sen visita-lo lugar onde ademais do xacemento posto en valor atoparémolo Centro Arqueolóxico do Barbanza.
É tamén recomendábel visita-lo blog: neixon.blogspot.com e consulta-la produción científica que alí atoparemos e para os máis curiosos consulta-la bibliografía que apuntamos.
Bibliografía :
Os Castros de Neixón, Boiro, A Coruña: a recuperación dende a arqueoloxía dun espazo social e patrimonial. Ayán, Xurxo (coord.). Noia. Toxosoutos, 2005
Os Castros de Neixón II, Boiro, A Coruña:de espazo natural a paisaxe cultural. Ayán, Xurxo (coord.). Noia. Toxosoutos,2008.
Deixar unha resposta