Coma un polbo nun garaxe

Velaí o artigo que publicamos hoxe no suplemento Lecer.Trátase da segunda entrega a serie Es-Pazos de Ulloa Aquí tendes o enlace.

Foto de Álex Bragaña

Normalmente o xornalismo está ligado á actualidade.Como se adoita dicir, actualidade manda. Nós non nos consieramos en absoluto xornalistas malia escribir nun xornal de cando en vez. É por iso que nos permitimos falar nesta xeira dun tema que se ben pode estar caducado, como acontece cos iogures, aínda non ten a tampa inchada polo que coidamos é apto para o consumo.

Ademais, malia estar caduco o tema, a esencia das reflexións que queremos transmitir, pódese dicir que son actuais ou, desgrazadamente, se cadra, atemporais.

A Feira

O pasado 1 de novembro, dentro da nosa andaina ulloá, os nosos bois conducíronnos cara á Feira de Santos de Monterroso. Había un par de anos que deveciamos por achegarnos ate aló, mais por diversas razóns aínda non puideramos. Se cadra, as nosas ganas, viñan dadas polas descricións e historias do tío Xosé Manuel, habitual deste gran sarao galaico.

A verdade é que a Feira nos impresionou tanto positiva como negativamente. É un gran acto de pangaleguidade posmoderna. É un luxo achegarse en soidade ou acompañado. Deixarse levar polos refluxos dunha gran marea humana que te leva acó ou acolá sen que se teña moito que dicir. Sen rumbo. Cheirar o arrecendo afumado duns chourizos acabados de facer ou o incienso dun posto de atrapasoños e camisolas de Touro Sentado.

A Feira de Monterroso é unha galería, unha viaxe, en ocasións grotesca pola Galiza actual, cos seus defectos e virtudes. Pola Galiza máis profunda mais tamén a máis globalizada. Postos de queixo, de ananos de xardín, de coitelos de ferreiro, de rañadores-calzadores, de matanza, de surrealistas artesanías ou de zapatillas deportivas de imitación, fan que ao carón dunha camisola do omnipresente Cristiano Ronaldo atopes unha cacheira de porco. Toda unha metáfora da realidade.

Na Feira de Monterroso atopas unha Galiza en proceso de mudanza, ou se cadra, xa mudada nalgúns trazos. Antigamente, a Fira realizábase no lugar coñecido agora coma Feira Vella, ao carón do que estaba o “Rego do Pulpo” onde agromaba unha fonte natural, onde se colocaban as Mestras Pulpeiras aproveitando a auga e a onde acudían vendedores e compradores unha vez “fixeran feira”. Agora, as carpas das pulpeiras, xa forman parte do horizonte da tradición. Mais en Monterroso dáse outro golpe de torca ao convertérense garaxes e baixos sen recebar en improvisados bistrós de polbo e churrasco, nun día no que todo vale.

Porén, está a outra cara da moeda. Pasado o furor inicial e co bandullo cheo de polbo, churrasco e viño de Chantada, comeza a reflexión, e nesta reflexión hai dous temas que cando menos, resultan preocupantes.

Vista dun posto nun pequeno mercado en Cambridge

Un agro estancado

O primero é o estancamento,a falta de imaxinación, do noso agro. Este tema, xa o apuntou Manuel Gago en Capítulo Cero, e coincidimos, non sei se por estar xuntos durante a feira e influírnos durante as conversas ou por se é algo que salta á vista. Máis ben o segundo. A maioría dos postos de produto eran calcamonías, podían dividirse en tres grandes grupos: Queixos, Matanza e Masas. A orixinalidade no produto ou na forma de presentalo era nula, polo que as poucas diferenzas as marcaban as calidades e os prezos.

Non se vían cogomelos, cando puidemos comprobar despois que as fragas estaban inzadas deles. Mais tampouco había verduras salvo un par de mancheas de grelos. Nin cenouras, nin cabazas, ou marmeladas. A Feira de Monterroso debería ser un escaparate da calidade dos nosos produtos. Acode moito público que demanda outro tipo de materia e que ten que acudir a supermercados mercar produtos importados, agricultura semielaborada ou agricultura ecolóxica que podiamos ter ao carón da casa.

Na nosa pequena viaxe a Inglaterra, puidemos pasear por un pequeno mercado en Cambridge. Nada que ver coas dimensións do de Monterroso, catro postos. Había un par de postos de vexetais impresionantes, unhas hortalizas ecolóxicas brillantes que te chamaban e diversas especies de cogomelos salvaxes que se deixaban comer cos ollos. Velaí a diferenza.

Fotografía da Feira nos anos vinte. Tomada de El País

Pasando de todo

A outra grande eiva da Feira é de carácter institucional. Sempre dá carraxe comprobar outra volta o pasotismo institucional. As institucións políticas hai tempo que non se decatan do que acontece fóra dos seus muros, son coma monxes ascetas ou catedráticos de Universidade, só existen no seu interior.

Monterroso naceu coa Feira e este ano cumpría cincocentos anos. Nin o Concello de Monterroso, nin a Deputación de Lugo promoveron ningún acto respecto disto. Xa non un acto, nin un triste cartel conmemorativo. Institucionalmente, o Aniversario pasou inadvertido.

No pasado Agosto presentouse o libro “A Feira de Santos e Monterroso”. En Agosto? Por que non agardar a presentalo na Feira? Nin un posto cos libros. Nada que recordase o Aniversario. De feito tratamos de conseguir o libro, editado polo Concello. Tras moito trafegar descubrimos que o libro non estaba á venda, fixeran unha curta tirada para agasallar. “Aínda queda media caixa, se vés pronto aínda che damos un”, –escoitei do outro lado do teléfono. Non fun.

Nunha librería de segunda man en Compostela atopei “Monterroso. Pasado e Presente” publicado pola Deputación de Lugo en 1987. Moito máis doado.

Unha vez máis son as propostas da sociedade civil, neste caso a da asociación “O Sorriso de Daniel” as máis orixinais xa que para conmemorar o Aniversario abriron diversas igrexas da Ulloa para facilitar a visita e puxeron á venda nun stand da Feira, un bonito almanaque con fotos de Soledad Felloza, das igrexas románicas da Ulloa. As institucións, de costas.

Non é a nosa intención desanimar a xente a ir á Feira, todo o contrario. Simplemente sinalar que é un evento que na Galiza do século XXI, ten moitas máis posibilidades.

A feira é unha experiencia. Un baile de pesas romanas e calculadoras do teléfono móbil, de gritos que convidan á venda e música de Camela de feirantes de sempre, coa chaqueta boa e o paraugas pendurado dela e magrebís que pasean vendendo serras eléctricas.

Nós dende logo, repetiremos o ano que vén e animamos a que a xente se anime a achegarse até a Ulloa, sempre recomendábel, e se apetece, a que se coma un polbo nun garaxe.

Advertisements

5 responses to “Coma un polbo nun garaxe

  • Fran Alvarez

    Parabens polo artigo. Máis aló de morrer coa envexa polo ‘polbo na garaxe’ (con perdón), concordo completamente coa crítica (positiva) ao estado dos nosos mercados e feiras (non só o de Monterroso). Xa que somos parte de Europa (para o bo e o malo) igual sería interesante que os nosos dirixentes fixesen algo por levar o agro galego ao século XXI.

    Saúdos.

  • zeltia

    Eu hai anos devecía por ir á feira de Monterroso, e funo deixando, funo deixando… Despois de pasarme por outras feiras da miña comarca, e ver que son todas calcamonías unhas das outras, perdín algo de intere´s.
    Mais volvíchesme a abir o apetito polo polbo no garaxe, polo carís do século XXI, magrebís incluídos.
    Os puntos que escolles para mellorar, paréceme que levas razón.

  • zeltia

    O enlace a Capítulo Cero me parece que non furrula

  • deloreandebois

    Ola Fran,moitas grazas. En realidade, considero que a administración é a gran culpábel, mais tamén, os agricultores e gandeiros son os que teñen que coller un tren que pode pasar de longo.
    Pódese empezar a facer cousas sen demasiado investimento. Non debemos caer nos males da cultura de subvención. Sei que é complicado arriscarse e non falo de correr grandes riscos.
    Por outra banda hai empresas como Arqueixal, que fai uns produtos lácteos ecolóxicos de excelente calidade e ademais son da Ulloa.
    Botei en falta que non tivesen presenza na Feira, polo que supoñería de renovador para a propia Feira e de escaparate coma eles.
    Non quero facer unha crítica concreta a esta empresa e dende logo, xa digo que os queixos están boísimos
    Somos nós os que temos que bulir e non estar sempre agardando a que veñan empurarnos.

    Bueno, aló non terás polbo á feira, mais dende logo tendes uns mercados envexables, que entra fame nada máis miralos 😉

    Saúdos!

  • deloreandebois

    Ola Zeltia. Grazas, alédome de que o artigo che volvese incitar ir a Monterroso. A verdade é que paga a pena aínda que só sexa por dar unha volta e tomar ese riquísimo polbo (tamén había cocido mais o vimos tarde :))

    Por certo, creo que xa arranxei o enlace. Grazas por avisar.

    Saúdos!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: