O Castelo no Presente
Saímos en dirección Palas de Rei. O punto de partida é Guísamo, en concreto o Mesón O´Carro, polo que levamos o bandullo ben quentiño cos seus afamados callos, dos mellores da provincia.
O punto de destino: o Castelo de Pambre. Continuamos cunha xeira máis pola nosa benquerida Ulloa, desta volta para visitar o que está chamado a ser un dos monumentos máis visitados do país.
E digo “está chamado” porque malia levar moitos anos ergueito, o Castelo reabriuse este verán despois de moitos anos pechado en si mesmo.
Actualmente o Castelo é propiedade duns irmáns residentes en Vigo e a súa adquisición está en proceso de negociación por parte da Xunta, todo apunta a que non ha tardar moito en cambiar de mans.
Polo de agora, o Concello de Palas acadou a sinatura dun convenio cos propietarios para poder realizar visitas, mais hai moito traballo por facer e se cadra tería sido mellor agardar un pouco en abrilo para facelo en mellores condicións.
Porén as présas son comprensíbeis, pois este Castelo está chamado a ser o gran elemento artellador do turismo dunha bisbarra avellentada e ausente como é a Ulloa. De feito, o día que o visitamos, ficamos abraiados coa cantidade de xente que estaba a visitar o Castelo.
Malia non ter infografías, malia estar inzado de entullo, malia non poder acceder ás torres…o Castelo chama, e o feito de ir visitalo, pese a ausencia de xestión, tórnase nunha especie de rebelión popular. De reivindicación do noso Patrimonio esquencido.
Antes de chegar a Palas, á cabeza municipal, un sinal no que se le “Castelo de Pambre” desvía ao noso De Lorean. Será unha trampa atrapaturistas? Non. Tras encadear tres ou catro sinalizacións(todo un récord), nunha curva comezamos a albisacar as enormes torres do Castelo.
O Castelo na Historia
A medida que os nosos bois nos achegan, a poderosa e masiva arquitectura váisenos aclarando e vamos entendendo que servise de inspiración a López Ferreiro para unha das primeiras novelas históricas do país “O Castelo de Pambre”, de 1895, no que relata as aventuras do seu promotor, D. Gonzalo Ozores de Ulloa, e as súas loitas para recuperar as súas posesións, aló pola segunda metade do século XIV.
Por suposto chama moito a atención, neste país no que tan poucos castelos sobreviviron aos Irmandiños, este gran Castelo, case inatacto, que se salvou das Revoltas pola cobardía do seu señor, nun tempo de machitos e fanfarróns.
A arquitectura defensiva é impresionante coa súa gran muralla que integra unha torre por ángulo, máis unha gran torre central da Homenaxe. Pero percorrendo coa vista a cara interna dos muros, desvélasenos a feble liña entre a vida pacega e a dos castelos, entre os señores da guerra e os fidalgos. Por exemplo, unha delicada cambota de lareira decorada que apoia sobre sendas cabezas, imbricada na cara interna dun muro claramente defensivo, indícanos ese paso do militar ao doméstico, da rudeza ao refinamento.
Máis aló do militar ou do domestico, está o espiritual, neste caso en forma de igrexa aos pés do Castelo. Esta igrexa resulta enormemente evocadora polo seu estado de ruínas que denota máis dunha fase construtiva e de reformas. A través de diversos elementos como a propia porta de acceso ou os canzorros que artellan o seu aleiro, pódeselle outorgar unha orixe románica e polo tanto, seguramente, anterior á construcción do Castelo propiamente dito.
Como xa comentamos, durante toda a visita temos que sortear o entullo do chan así como grandes desniveis que poden acabar coa caída dalgún visitante contemplativo.
A Xestión
A imaxe que un leva do Castelo é case coma a de despois dun ataque. Entullo, trabes caídas, portas cegadas a correr con acumulación de cachote, antigas sinalécticas esmorecidas, chemineas de ladrillo sen recebar…
Malia todo, recomendamos a visita, porque é moi difícil que todo isto desmereza a maxestosa arquitectura deste Castelo. O horario de visita(que non aparece na páxina do Concello de Palas de Rei) é de luns a domingo de 11:00-13:00 e 16:00-20:00. Ademais existe a posibilidade de formar grupos aos que se lle dará unha visita guiada de carácter gratuíto.
Neste senso, cabe recordarlle ao Concello de Palas de Rei, que o Castelo ten unha declaración de BIC, polo que quen faga as visitas guiadas ha de ser Guía Oficial de Galicia e asemade debe ir debidamente identificado. Comentámolo porque ao saber que facía as visitas unha persoa que non levaba a acreditación recordámoslle a obrigatoriedade de ir identificado. Contestounos que si que tiña a licenza mais que dende o Concello non lle dixeran que tiña que levar a plaquiña.
É todo moi raro. Curiosamente en Monterrei, outro dos nosos grandes castelos, a guía tampouco puido acreditar ter a licenza de Guía Oficial de Galicia. Se nós tivesemos a licenza e estivese a traballar, levariámola posta, xa que cando a sacas sabes que é obrigatorio levala e non é máis que unha chapiña no peito.
Pero é que ademais , a propia Xunta convoca os exames, aposta pola súa obrigatoriedade, mais logo non vela porque se cumpra a propia lei que promove, mais porén no caso dos farmacéuticos, por exemplo si que é algo que vixía teimudamente.
Igual ao lector parécelle pouco importante a acreditación ou non do guía, mais a imaxe que proxectamos de país, baséase en boa medida en asegurarnos que a xente que traballe en turismo, sexa profesional, ou cando menos poida acredítalo.
Pero máis curioso aínda é que aos propios guías, con asociacións pre-colexiais, non lles importe que en Pambre ou Monterrei o persoal non vaia acreditado. Sobre todo tendo en conta que se lle explicas un tímpano da Catedral compostelá a un amigo, corres o risco de que te aticen cos seus Paraugas Amarelos por non iren acreditado.
Paseando por Pambre, recordamos un recente post de Capítulo Cero, no que Manuel Gago se laiaba, porque no propio Castelo, nun panel infográfico, fusiláranlle sen citalo unha planta que el mesmo recoñecía como hipotética, acientífica e feita ás présas para ilustrar unha entrada do blog. O problema xa non é o plaxio por parte dunha institución a un particular, senón a carencia de rigor nos contidos que poñen nun panel. O panel xa non está.
Por desgraza non é o único exemplo de plaxio chabacano do que temos noticia nos últimos tempos.Vén de editarse recentemente a “Guía Breve del complejo arqueológico de Neixón”(pdf) editada polo Concello de Boiro e coordinado por Víctor Barbeito.
Quen teña lido as publicacións existentes sobre Neixón e siga o blog arqueoneixon.blogspot.com, decatarase de que a guía está feita coas famosas ferramentas “corta e pega” e aínda por riba, con “tradución instantánea”, só así se explican as faltas.
O máis curioso é que segundo o discurso do Concello de Boiro-Centro Arqueolóxico do Barbanza, ate agora, a equipa arqueolóxica que actuara entre 2004 e 2008 en Neixón non publicara nada. Porén logo emprega os libros e posts do blog, que resulta que si publicaran si, plaxiándoos, para a edición desta guía. Todo isto por suposto sen citar en ningún intre as fontes das que beben, ou máis ben, rouban a auga.
Nada máis vendo a portada un dáse de conta de que nin sequera leron as publicacións, só cortaron e pegaron, só así se explica que na reconstrución do poboado que a ilustra, apareza Neixón inzado de choupanas, cando os resultados das escavacións indican que só nunha ocupación tardía e residual, houbo habitacións no Castro Grande.
Un lendo a guía síntese como escoitando unha mala versión dunha boa canción. Como escoitando a tan comentada na Rede versión de Ramoncín do tema de Nirvana. O rei do polo (re)fritido.