A Horta de Outono, abastece ao seu Dono

Seguimos co refrito. Desta volta, considerando o que para moitos é a “ponte de Decembro”, propoñemos nesta entrada unha ruta de “turismo cultural” pola Ribeira Sacra, espazo, que neste outono crepuscular é de obrigada visita. Ademais do Patrimonio histórico-artístico, poderemos desfrutar do seu patrimonio eno-gastronómico.

Seguriemos nas seguintes entradas coñecendo a Ribeira Sacra, xa que aínda despois da ponte, para quen dispoña duns días de vacacións é unha moi boa posibilidade de escapada. Este artigo publicouse no Lecer de Galicia Hoxe o 29-11-2009, hai pouco máis dun ano.

A Horta de Outono, abastece ao seu d0no

As estradas están cubertas polo outono e ó paso do noso De Lorean as follas acumuladas no asfalto arremuíñanse no ar para volver caer onde estaban. As abas das montañas que descenden case perpendiculares até toparse co río pobóanse dunha gama cromática dende o marrón ó marelo entre a que, sen moito éxito, trata de agromar o característico verde destas terras.

Xa pasou a vendima e as vides parecen ficar nostálxicas despois do abondoso tráfico de persoas e chimpíns nesta paisaxe que equilibra o natural e o antrópico, o salvaxe e o doméstico, para sacarlle o sangue á terra en forma de uva fermentada.

Esta semana, os nosos bois, dannos un paseo pola Ribeira Sacra. O outono é a mellor época para visitar estas terras, non só pola paisaxe, senón porque no prato tradúcese en castañas, caza, cogomelos e porcos acabados de sacrificar. Os bos produtos distinguen estas serras talladas polos nosos grandes ríos, non só no plano gastronómico senón tamén no histórico e artístico.

Partindo de Monforte, capital da Ribeira Sacra, visitarémo-los veciños concellos de Castro Caldelas, Montederramo, Xunqueira de Espadañedo e Esgos, grazas á hospitalidade de Ángeles e Rebeca, que nos acolleron na súa casa dando tamén teito e palla ós nosos incansábeis bois.

Castelo de Castro Caldelas: Interpretando a Ribeira Sacra

 Comezarémo-la andaina por Castro Caldelas xa que ó carón do seu sobranceiro castelo, topamos cun Centro de Recepción de Visitantes onde nos indicarán os monumentos máis salientábeis, lugares onde comer e durmir e a información que requiramos sobre a bisbarra.

A fortaleza de Castro Caldelas é un edificio defensivo que domina o espazo, sendo visíbel dende case toda a comarca. En 1949 obtivo a declaración de Monumento Histórico-Artístico. O seu estado de conservación actual é óptimo a pesar de que sufriu diversas destrucións parciais coas súas consecuentes reconstrucións.

Castelo de Castro Caldelas

O máis importante dos ataques foi consecuencia do movemento Irmandiño, do medieval, non do actual, provocando unha importante reconstrución no século XVI. Esta remodelación marca un fito na historia do edificio, xa que se adaptou ós novos usos da vida dos pazos malia que mantendo o seu aspecto de bastión.Asemade, a propiedade cambiou moitas veces de mans pasando finalmente do Condado de Lemos á Casa de Alba no século XVIII.

A día de hoxe é totalmente visitábel, ademais, dun xeito libre, sen guías ou percorridos marcados. Dende o seu patio de armas pódese acceder á Torre do Reloxo onde na súa parte baixa se exhibe unha exposición etnográfica permanente que acolle ferramentas dos diferentes oficios tradicionais así como paneis explicativos da arquitectura típica da zona.

Na parte alta atopámo-la maquinaria do antigo reloxo cuxas agullas continúan a percorre-la esfera marcando as horas. De aí que se diga que o castelo domina o espazo, máis tamén o tempo da comarca. A medida que ascendemos podemos contempla-la enorme paisaxe que domina, a través das abondosas fiestras con parladoiro que se abren nos seus espesos muros.

A Torre da Homenaxe tamén é accesíbel mediante as escadas orixinais con tramos reconstruídos en madeira. No seu cumio sentiremos o que os señores feudais vendo a grande extensión dos seus dominios. A panorámica abrangue a Serra de San Mamede, onde Romasanta lle ouveaba á Lúa.

Facendo camiño visitaremos dous mosteiros que, pese a seren moi diferentes entre si, póñennos en contacto coa importancia das ordes monásticas nesta zona e a súa relación co desenvolvemento do sector vitivinícola. A estas congregacións debe ademais a Ribeira, a súa condición de Sacra.

Santa María de Montederramo

O Mosteiro de Santa María de Montederramo logo do seu antigo esplendor caeu trala Desamortización de Mendizábal nun escuro estado de abandono que propiciou o espolio. Actualmente os seus espazos son aproveitados para daren cabida ó Colexio Público de Montederramo cuxos dezaseis alumnos fan os seus xogos no claustro Reglar ou Procesional do edificio.

Claustro-patio escolar de Montederramo

Este claustro, do século XVI, presenta elementos retardatarios, do mundo gótico de raíces manuelinas coma as tracerías dos seus arcos de medio punto.

De 1144 data unha carta de doazón de Afonso VII na que se menciona o mosteiro que entre 1155 e 1163 acóllese á reforma cisterciense tras pertencer ós monxes bieitos.

 O Mosteiro que vemos hoxe considérase o máis senlleiro do Renacemento galego pola súa unidade estilística de linguaxe herreriana. Grandes nomes como Juan de Tolosa, os irmáns Sierra ou Simón de Monasterio traballaron neste edificio construído dacabalo entre os séculos XVI e XVII. 

Da antiga fábrica románica, só se conservan dúas fiestras na parte alta da igrexa. Actualmente, os retábulos estanse a restaurar, proceso que xa sufriu o cadeirado de coro visíbel na parte alta do edificio.

Claustro da Hospedería

Conta cun segundo claustro, o da Hospedería, da década de 1570. Con elementos renacentistas máis puros, actualmente atópase en mans de diversos particulares o que dificulta un estado de conservación uniforme.Este claustro serviu de escenario para a rodaxe do exitoso filme Los girasoles ciegos.

Asemade, na súa parte baixa acolle unha cafetería onde se pode combate-lo frío cun café quente ó carón dunha estufa de leña.Tamén hai remedio para as fendas que provoca o frío nas mans cunha crema, producida por Óscar, fillo dos propietarios, con mel de abellas. O produto ten tódolos controis de calidade e pódese adquirir na barra a un prezo razoábel.

Xunqueira de Espadanedo

Seguindo coa nosa xeira, chegamos ó Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo. Dependente de Montederramo incorpórase a finais do século XII tamén á liña cisterciense.

Igualmente, trala Desamortización de Mendizábal, entra nun período e abandono. A diferenza de Montederramo, Espadanedo conserva a súa igrexa románica. A súa sobriedade arquitectónica responde ós postulados do Císter aínda que como a de Armenteira e San Clodio, presenta unha linguaxe cisterciense adaptada ás características do Románico local.

Xunqueira de Espadanedo

Presenta tripla ábsida semicircular na cabeceira e, no exterior da central, fanse patentes restos dunha porta que daba acceso a unha capela renacentista. Conserva un altar románico no interior que non puidemos contemplar por estarse a levar a cabo o oficio cando o noso De Lorean chegou á igrexa. O claustro comparte a austeridade da igrexa, aínda que é de factura renacentista e se atopa máis afectado polo tempo.

San Pedro, a chave dos cenobios

De calquera xeito, se o que queremos é coñece-las orixes congregacionais de Galiza, é visita obrigada o Mosteiro de San Pedro de Rocas, en Esgos. Trátase dunha igrexa rupestre, única de Galiza, que conta con tres ábsidas escavadas na rocha.

Nunha lápida recóllese a data de 573, que moitos autores manexan como a data de primeira ocupación do lugar por eremitas, mais esta orixe eremítica puido ser anterior. O que temos por certo é o seu abandono por mor das razzias musulmás no século VIII.

 Ó redor do 900, o cabaleiro Gemondo, de cacería polo lugar redescobre as instalacións e decide repoboalo sendo el abade e contando co favor de Afonso III.

No século XII, lévase a cabo unha reforma, en clave Románica, responsábel do aspecto actual do templo, xa que sabemos polas escavacións que en orixe presentaba unha nave dobre aberta na rocha. Nunha das súas paredes obsérvase o único resto de pintura mural románica de Galiza que, a pesar do seu mal estado de conservación, cónstanos que representa un antigo mapamundi coma os que podemos ver en moitos Beatos.

Asemade, chama a atención o grande número de sepulcros dos antigos inquilinos, algúns con lousas, pero os máis deles escavados directamente na rocha e antropomorfos.

Nalgún sitio afírmase que o valor deste edificio é máis antropolóxico ou histórico ca estético. Nós non estamos de acordo, do mesmo xeito que non o estarían Addison ou Kant.

Sartegos rupestres de Rocas

 

O poder de evocación deste lugar compensa con moito a visita, sobre todo no medio da paisaxe outoniza, cuberto de musgo e cos sartegos cheos de augas estancadas que favorecen a putrefacción das follas caídas, que dun xeito moi poético fálanos dos ciclos da vida.

Antes de que o inverno se apodere da vida desta Ribeira Sacra, agardamos que o nosos bois nos volvan conducir por estes camiños nos que atopan tan bo pasto para logo, na tranquilidade, regurxitar e rumiar paseniño.

Advertisement

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: