Arquivos mensuais: Xaneiro 2011

Acendemos Facho dende o De Lorean

Únete á iniciativa de acender fachos blogueros…

Os blogues crean redes de comunicación, como os fachos.

Xa enviado o sinal dende A Lanzada, ben podíamos seguir acendendo fachos dende Arousa ate a A Rocha…e a onde chegue… e comunicarnos máis no mundo da arqueoloxía.

Ou non?

Si te unes á iniciativa, copia o gif e colócao no teu blogue, titulando: Acendemos facho dende

Así puña hai uns meses Bea Comendador no seu blog A Pedra do Encanto. No seu momento, acendimos o facho dende a nosa sección no Lecer, agora, acendémolo dende o noso blog. Por suposto o noso é un facho móbil, sen localización específica.

É un bo momento para acender o facho, e fomentar a comunicación entre blogs. Os fachos dos blogues sobre patrimonio, están a prender verdadeiro lume na expectativas dos políticos, acadando unha democracia máis participativa, na que a xente pode opinar sobre que se fai coa súa herdanza cultural. É a fin da Arqueoloxía Draconiana, ou polo menos está a deixar de ter senso nestes días.

O que contabamos hai pouco sobre os bancos de Ravella e a Comisión Cidadá de Patrimonio, está a dar froitos. Recentemente apareceu en Vilagarcía un anaco dunha pasarela que unía dous sectores da vila, facendo patente o carácter marismeño da contorna, do que semella que só nos acordamos cos asolagamentos. A Comisión Cidadá empezou a emprender accións e xa ten máis de catrocentos apoios en Facebook. Búscaos e apóiaos, se é que estás interesado.

Por outra banda xa que temos os fachos acesos, vencellamos aquí o post de Bea Comendador sobre este particular.

Continuando co tema da comunicación interblogueira, queremos dedicar un espazo a un blog que nos gusta moito. Vilagarcía está a converterse nun viveiro de boas ideas, e unha delas é o blog do Faiado da Memoria

Trátase dun blog moi interesante que pretende recuperar a Memoria a través da fotografía. Mais a pesar disto, non estamos dacordo co que dicía o outro día un usuario nun fío do blog  “O Faiado vai de fotos…” -aseveraba, facendo alusión a que debía estar fóra de polémicas, ou iso interpreteamos.

O Faiado igual vai de fotos, mais as fotos van sobre a vida, sobre a memoria, sobre o esquecido. É por isto que todo debe ter cabida nun blog coma ese, porque as fotos fan recordar e do recordo pode agromar conciencia crítica. As fotografías foron un dos grandes mobilizadores no tema dos Bancos de Ravella.

O Faiado da Memoria está levar a cabo unha base de datos inxente, pero é moito máis que iso. Está a levar a cabo unha laboura que ningún arquivo gráfico institucional fixo xamáis, se cadra porque non pode, porque se escapa aos seus obxectivos.

Grazas ás fotos que a xente pendura no Faiado, agroma a Historia. A pequena gran Historia individual, que nun momento se torna colectiva. A Historia cotiá. A Historia dos xogos. A Historia dos Bicos.

A xente comenta  e dase conta de que pertence a algo, a unha comunidade, a un colectivo, e ese é o primeiro paso para mobilizarse, a unidade. A unidade dende a Diversidade.

Parabéns!

Advertisement

Un raposo no Galiñeiro

Artigo que publicamos hoxe na sección de opinión do Galicia Hoxe

Non é a primeira vez que denunciamos, ou amosamos rexeitamento, tanto no noso blog como nas nosas prédicas dominicais, a diversos atentados contra o noso Patrimonio.Os máis soados, o da ampliación do Centro Arqueolóxico do Barbanza destruíndo parte do xacemento que interpreta, o do castro de Punta Muros, asoballado polo Porto Exterior de Arteixo, ou ultimamente, o tema dos bancos de Ravella, derrubados polo Concello de Vilagarcía, teñen un elemento común. Todos estes casos, e tantos outros, desgrazadamente, puidéronse constatar e criticar unha vez feito o mal. Agora está a tramarse un novo atentado, xa non só arqueolóxico, senón tamén paisaxístico, biolóxico e mesmo etnográfico.

A Xunta acaba de aprobar o anteproxecto dun parque eólico na Serra do Galiñeiro. Este lugar reúne todos os valores citados anteriormente, e para quen non o coñeza, recomendo unha excursión (non vaia ser que se lle faga tarde), malia que só sexa por contemplar as vistas sobre a Depresión Meridiana ou a Ría de Vigo.

Dende o punto de vista arqueolóxico, o que a nós nos toca, o Galiñeiro posúe tres elementos destacábeis, por non dicirmos únicos:

En primeiro lugar, o Petróglifo de Auga da Laxe. Trátase dun espectacular petróglifo, que causou grande impacto cando foi descuberto, hai pouco máis de 25 anos. Trátase de varias laxes insculturadas, nas que se representan diversos tipos de armas, resultando un dos petróglifos de armas máis representativos do noroeste peninsular.

De feito, Vázquez Varela, na súa clasificación dos petróglifos de armas, considérao o máis representativo en Galicia dun dos subtipos que establece. Segundo este autor, o petróglifo foi pensado e realizado, probablemente, nun único momento. Ademais, a laxe no que se realizou está nun lugar que permite a reu- nión dun grupo grande de persoas diante de si.

Foto: Soledad Felloza. Vista da muralla da fortaleza coa panorámica que ofrece este monte.

En segundo lugar, a Fortaleza do Galiñeiro. Tivemos a sorte de acompañar a Manuel Gago nalgunha das súas xeiras para a serie Repúblicas dos Homes Libres, da que seguro moitos, xa lestes algo. Unha das fortalezas que máis nos impresionou foi sen dúbida a do cumio do Monte Galiñeiro, que se verá totalmente afectada polo parque. Trátase dun gran recinto que fortifica unha penedía ateigada de acubillos naturais e algunha estrutura artificial. O máis importante é que nos fala dun momento pouco coñecido da nosa Historia como é o contacto entre a caída do Imperio Romano e a Alta Idade Media.

Deste período sabemos pouco, en parte porque a historiografía, ou arqueografía, nunca amosou interese por este tipo de grandes fortalezas baleiras. Agora están comezando a ser valoradas, se permitimos a súa destrución, estaremos destruíndo valiosa información para nós, e para os que están por chegar.

En terceiro lugar, unha misteriosa cova. Este é o elemento menos coñecido por nós, xa que aínda non puidemos exploralo. Trátase dunha cova que posúe petróglifos de coviñas no seu interior e na que apareceu un pote enteiro, así coma múltiples muíños (de man, non de vento, como os que aprobou a Xunta).

A crise dos bancos de Ravella en Vilagarcía vén amosar que as cousas se poden parar se hai determinación e unión. Vivimos nun tempo no que os grandes xornais(ou os que van de grandes) son un brazo máis do poder político. Porén na rede agroman movementos, individuais ou colectivos de denuncia, que ás veces ante a repercusión que acadan, chegan a La Voz, El País ou laSexta. Vallan os casos citados de Punta Muros, os Bancos de Ravella ou recentemente o tema da escultura do Parlamento de Galiza.

Como dixemos ao principio deste artigo, o atentado estase tramando. Estamos a tempo de paralo. Diversos blogs xa puxeron as pilas e estanse a organizar diversas mobilizacións. No noso blog Deloreandebois.wordpress , temos vencellos aos diversos blogs que están a organizarse así como a distintos lugares que ofrecen información sobre o Galiñeiro. A rede está lista, e hai que empregala para cazar este raposo que se coou no Galiñeiro.

Algúns links sobre o tema:

E n Capítulo Cero , onde hai outro tamén

En Valminorarqueológico sobre o petróglifo

No blog da Urdinheira

No blog do compañeiro Fran P. Lorenzo

Na edición galega de El País

E para que no digan… tamén na de El Mundo

Iremos engadindo links a medida que se vaian xerando novas.

Comparte en Comparte en Facebook Comparte en Twitter Comparte en Google Bookmarks

Un Museo Musealizado

Penduramos o artigo publicado onte en Galicia Hoxe. Pola tarde, penduraremos máis fotos. Agardamos que vos guste.

Nova serie: Andainas pola pérfida Albión

Iniciamos unha nova serie neste espazo que nos reservan cada dous domingos os amigos do Lecer. Nesta serie trataremos de recoller impresións dunha recente viaxe por Inglaterra.

Tras dunha ardua tarefa de negociación, animamos os nosos bois a emprender o voo co De Lorean ate Reino Unido. Un dos nosos argumentos de máis peso foi que se os renos de Papa Noel podían voar, eles tamén poderían.

A tarefa de convencemento tamén tivo que ser para o piloto debido á inexplicábel preguiza á hora de saír dos limes da nosa terra. En calquera caso, volvemos moi satisfeitos e engaiolados deste país tan atlántico e con ganas de volver, se é posíbel, por unha boa tempada.

Cruzar os limes, si. Ir a grandes cidades, non. O turismo urbano si que é algo polo que os nosos bois non pasarían. Xa lles era bastante andar pola dirección oposta á habitual. Tendo isto en conta trazamos un roteiro con primeira parada en Cambridge onde nos agardaba a nosa copiloto.

Cambridge

Cambridge é o que cabe agardar da cidade universitaria por excelencia de Europa. Unha cidade inzada de multiculturalismo e xuventude, de dinamismo e bicicletas, de Bed and Breakfasts e comidas rápidas.

É polo tanto unha cidade agradábel de patear, moi chaira e de tamaño asumíbel . A un galego chamaralle por suposto a atención o respecto ás alturas dos edificios, de non máis de tres plantas. Crecemento urbano extensivo, fronte ó intensivo das torres de vivendas que viñeron cargarse as facianas das nosas vilas. Sei que é un tema manido, pero en serio, chama a atención, porque non é que vexas un par de monstros, é que non ves ningún, e isto en todas as vilas que visitamos.

Ademais das alturas, todas as casas con esa estética común de casas “industrialoides” de tixolo visto e tellados altos e negros, nos que case podías ver a Merry Poppins marcándose un baile polas chemineas acompañada dos desfeluxadores.Dicimos estética “industraloide” porque vendo ese edificios non podiamos deixar de pensar nas ilustracións dos manuais escolares de Historia dos temas da Revolución Industrial e o luddismo.

Por outra banda están os míticos College co seu decimonónico neogótico. Calquera edificio medianamente oficial está inzado de ergueitos pináculos, canto máis grandes mellor, o que será preferíbel non analizar con criterios freudianos.

Lonxe de deostar este estilo e de consideralo falso histórico, pensamos que é un testemuño histórico. Un testemuño da creazón dos Estado- Nazón e do mundo contemporáneo. Dunha primeira valoración do pasado para proxectarse caro o futuro.

Outro síntoma de multiculturalidade é a enorme mestura de cheiros que dende primeira hora da mañá sae dos fogóns dos restaurantes turcos, árabes, nepaleses, chineses, italianos, kurdos ou de todos estes lugares a un tempo. Pero o máis curioso son as sensacións deste eclecticismo olfactivo que á mañanciña, co bandullo cheo de almorzo inglés a base de touciño, ovos, salchichas, torradas e café, repugna, mais que a medida que pasa o tempo e a andaina empeza a accionar a tectónica estomacal, resulta gorentoso. Da gastronomía inglesa xa falaremos noutra entrega.

O Museo Musealizado

Ademais de camiñar polas quellas de Cambridge, o noso outro gran obxectivo, aparte tamén da cervexa inglesa, era visitar o Museo Arqueolóxico de Cambridge. A nosa sorpresa foi atopalo pechado por reformas, o cal tampouco nos cabreou tanto, tendo en conta que o de Ourense leva pechado por reformas dende tempos antediluvianos. Ademais o anexo dedicado á Antropoloxía cultural si que estaba aberto e serviu para facernos unha idea da necesidade da reforma non tanto estrutural coma conceptual á que se estaba a someter o conxunto.

Tratábase do clásico modelo de Museo do XVIII, configurado coma un Gabinete de Antigüidades, ou neste caso, de “curiosidades artificiais”. Por suposto, este tipo de gabinetes, cerne dos Museos actuais, está moi ligado ao pasado colonialista das grandes potencias invasoras, e a exhibición dos obxectos das culturas colonizadas tiñan como un dos principais obxectivos amosar o seu salvaxismo, xustificando deste xeito o “proceso civilizador” levado a cabo pola metrópole.

Vista xeral do Museo de Antropoloxía de Cambridge

Vista xeral do Museo de Antropoloxía de Cambridge

Dende o punto de vista científico, ou protocientífico, non interesaba a Cultura ou a análise do obxecto dende un punto de vista cultural,senón unicamente o Obxecto.

Dende un punto de vista histórico, este tipo de gabinetes, foron adquiridos polos primeiros Museos, conformando a columna vertebral dos seus fondos. Os gabinetes, e primeiros Museos, son pois, consecuencia directa do colonialismo, non só os de Antropoloxía, senón tamén os de Historia Natural, coas súas especies exóticas disecadas ou os de Arqueoloxía, non hai máis que pensar na cantidade de pezas exipcias, gregas ou mesopotámicas que poboan os museos das grandes cidades europeas.

Actualmente tras o proceso descolonizador, e acadar os países sometidos á súa soberanía, estase a dar un proceso no que reclaman, lexitimamente, o que lles foi espoliado. Este feito dá lugar a episodios delirantes coma o do “Negro de Bañolas”. Trátase dun bosquimano disecado, exhibido ate o ano 2000 no Museo Darder, en Bañolas. O feito de expoñer “pezas humanas”, faime pensar no Planeta dos simios, na clásica. No 2007, foi devolto, previa reclamación, a Botsuana, onde foi recibido e enterrado con honores de Heroe Nacional. Iso si, os ollos, pelo e xenitais quedaron en Madrid.

Volvendo ao Museo de Antropoloxía de Cambridge, é un “horror vacuii” de vitrinas de madeiras nobres ateigadas de pezas orixinarias de diversos gabinetes. Cando menos, o discurso actual do museo, explica a orixe dos diversos gabinetes que configuran a mostra así como as aventuras e desventuras dos coleccionistas, musealizando deste xeito un plantexamento museístico superado.

Asemade, na planta superior,había unha exposición moi posmoderna, co corpo humano como fío condutor onde se exhibían dende furnas funerarias protohistóricas ate primitivos brazos ortopédicos. Todo dun xeito coherente pero sen excesiva rixidez. Ademais fomos quen de botar un ollo ás adaptacións didácticas e tiñan moi boa pinta

Saíndo, pensamos, que cando menos, agardando pola reforma na que xa estaba inmerso o arqueolóxico, souberon neste museo, con imaxinación, dotar de nova vida a un tipo de museo obsoleto. Museos musealizados. As musas disecadas. Por desgraza, o que temos nós en Galicza, son directores de Museo musealizaos.

O altar de Pérgamo en Berlín. Tutankamón en Inglaterra. A Pedra Roseta cabalgando polos Museos. Ollos e xenitais dun bosquimano, perdidos no caixón dun museo. Toda unha metáfora da castración imperialista.

Na próxima entrega visitaremos outras pequenas vilas inglesas, continuando co noso ánimo de divulgar e reflexionar sobre Patrimonio. Os nosos bois, pola esquerda, conducirannos cara o Sur do país, por onde propoñeremos un pequeno roteiro, dun par de días, moi interesante.

Por certo que a Cambridge chégase moi ben e resulta un destino de fin de semana tan realizábel como achegarnos á Fonsagrada. Ryanair comunica Lavacolla con Stansted e dende este aeroporto, nunha hora escasa de tren estamos fronte ó Trinity College. Por unhas cincuenta libras temos cama e almorzo (inglés),así que xa sabedes… ollo ás ofertas.


Unha santa, unha cidade e tres guerreiros

Penduramos hoxe o artigo publicado no Galicia Hoxe o 27 de Decembro de 2009. Incluímos abaixo bibliografía, como xa fixemos no artigo orixinal, salientando que aquí o que nós facemos é divulgar o que outros autores escriben, non sacamos coellos de chisteiras.

A Lenda

Na presente edición da nosa sección , o noso De Lorean percorrerá a parroquia de Santa Mariña de Augas Santas do Concello de Allariz. Trátase dun lugar que pola súa maxia e beleza hai tempo que queriamos visitar na queda compaña dos nosos bois. Sobre todo despois da lectura do relato de Florentino Cuevillas, pai da arqueoloxía científica galega, do que collemos emprestado o título para o noso artigo de hoxe.

 O relato atopámolo nunha das súas obras menos coñecidas, Prosas galegas que tras adquirilo de segunda man é unha das xoias da nosa pequena pero crecente biblioteca. Nesta obra o ilustre e ilustrado ourensán dá a coñece-la súa faceta máis literaria, eclipsada pola calidade das súas obras científicas pero digna de ser descuberta. No libro podemos atopar outros relatos cheos de lirismo e amor a Galiza coma ‘Muiñeira’ ou ‘Como naceu a cidade de Ourense’.

A lenda de Santa Mariña recollida por Cuevillas é unha das varias versións que existen sobre ela derivadas de diferentes manuscritos medievais, mais todas amosan unha serie de elementos comúns.

Imaxe da Santa. Tomada de Panoramio, do usuario o0_oscar_0o

Semella que Mariña foi filla dun importante romano, tal vez dun gobernador chamado Teudio; ó morrer a súa nai durante o parto foi criada por unha escrava que adoutrinou á nena na fe cristiá. Segundo a tradición, ós quince anos, cando xa realizara varias milagres, pasou polo lugar Olibrio, prefecto romano que ó vela, prendido da súa beleza ordenou que a levaran onda el.

A rapaza non cedeu ante os lascivos desexos do poderoso home que deste xeito decidiu somete-la a castigo. Tras recibir azoutes e outras torturas, a santa recuperouse das feridas de xeito instantáneo. Segundo algunhas tradicións, nese momento, o prefecto ordena que lle dean morte afogándoa nun estanque, condena da que Mariña sae ilesa. Ante esta situación manda queimala viva mais doutra volta sae indemne ó ser rescatada por San Pedro das lampas. Por último, Olibrio manda decapitala e ó corta-la súa testa, esta pega tres chimpos no chan dos que agroman tres mananciais que aínda manan nos arredores da basílica medieval e ó que se lles atribúen propiedades salutíferas.

Os lugares da lenda. O Forno da Santa

Así se pode resumi-la lenda da santa mártir de Augas Santas. Co decorrer dos séculos, a sociedade tradicional identificou diversos fitos da paisaxe con lugares relacionados coa vida e martirio da santa. O grande escenario sería o Castro de Armea do que aínda se observan os restos das súas defensas e que foi escavado nalgunha ocasión mais nunca dun xeito sistemático. A “Pioca da Santa” e o “Carballo da Santa” identifícanse, respectivamente, co lugar onde tratou de ser afogada e onde foi azoutada. O carballo hoxe en día non existe mais os vellos do lugar recordan a súa posición exacta. A “santa de Pedra” é o lugar onde a santa sentaba a coida-lo gando quedando  a súa pegada na rocha. No lugar onde foi sepultada , sobre o seu sartego é onde hoxe se ergue a igrexa parroquial que acolle un camarín cos restos da mártir.

Mais sen lugar para as dúbidas, o máis interesante destes lugares míticos é o que se coñece como Forno da Santa que actualmente serve de cripta a unha capela construída polos Templarios mais que nunca foi rematada.

Vista do interior do Forno da Santa. Tomada de Karkallon.blogspot

Pese ás evidentes remodelacións desta estrutura, pódese identificar cun elemento da cultura castrexa dos que máis discusión suscitan entre os investigadores desta etapa da nosa historia, é o que coñecemos como monumentos con forno ou saunas castrexas. Trátase dunhas estruturas propias do noroeste céltico que atopamos tanto en Asturias coma en Galiza coma no Norte de Portugal. Estas estruturas presentan unha serie de elementos repetitivos aínda que tipoloxicamente podemos diferenciar dous subtipos: o da zona lucense e o da bracarense.

Sendo o bracarense o que interesa neste caso sinalaremos que se atopan na parte baixa dos castros, son estruturas parcialmente escavadas para preserva-la calor e presentan unha organización repetitiva de adro, antecámara, cámara e forno. Segundo as últimas interpretacións esta diferenciación de espazos viría dada por un  uso como salas de baños a diferentes temperaturas como ocorre nas termas romanas co caldarium, tepidarium e frigidarium.

Aínda que nun primeiro momento foron interpretadas como fornos crematorios ou simplemente fraguas, hoxe, en base ós datos semella clara que a súa función era termal.

Pedras Formosas e Monumentos con Forno

Á hora de establecer a súa cronoloxía ou significación social hai, como non, división entre os investigadores. Por unha banda, os “romanistas”, coma Calo Lourido, consideran que estas estruturas, como calquera elemento medianamente complexo, non é propio da cultura castrexa senón que sería unha adaptación indíxena das termas romanas polo que a súa función sería unicamente práctica, sen ningún tipo de simbolismo.

Reconstrución de monumento con forno de Briteiros, Portugal, segundo Cardozo

Reconstrución de monumento con forno de Briteiros, Portugal, segundo Cardozo

Para outra serie de autores coma Armada Pita ou Almagro Gorbea a súa cronoloxía é prerromana e a súa función responde a unha finalidade simbólica relacionada cos ritos de iniciación das fratrías de guerreiros ou outras celebracións solemnes. Nesta interpretación xogaría un sobranceiro papel simbólico-relixioso a importancia da auga como elemento artellador entre as deidades celestes e as ctónicas e os fortes contrastes de temperatura como probas de valía e forza.

O xeógrafo grego Estrabón parece querer darlles a razón ós “prerromanistas”, xa que na súa Xeografía (III,3,6) afirma: “Din que algúns (lusitanos) que habitan xunto ó río Douro viven como espartanos, unxíndose dúas veces con graxa e bañándose de suor que obtiñan con pedras candentes, bañándose en auga fría e tomando unha vez ó día alimentos puros e simples”.

Existe un elemento que aparece asociado a estas saunas castrexas, as “pedras formosas”. Trátase de grandes laxes xeralmente decoradas e que amosan  un burato na parte inferior que dá acceso á cámara do monumento. As propias decoracións destas pedras semellan levarnos a un simbolismo astral e as súas formas hai que relacionalas coas dalgunhas cerámicas prerromanas polo que afondan nunha significación relixiosa e unha cronoloxía anterior á conquista romana.

Por razóns de espazo non profundamos máis neste tema, desexando que o lector coñeza in situ a sauna castrexa de Santa Mariña de Augas Santas,así coma o resto de elementos relacionados co seu martirio.

Na nosa seguinte entrega, os nosos bois, volverán conducirnos por estes camiños para descubrir por que Cuevillas, no seu título alude a tres guerreiros.

Bibliografía
Prosas Galegas, Florentino López Cuevillas
Santa Mariña de Augas Santas, Francisco Fariña Busto
O monumento tipo sauna da “Cibdá” de Armea en Santa Mariña de Augas Santas, Natalia Estévez Cruz
Monumentos termais castrexos: Unha contribución á súa interpretación, Xosé Lois Armada Pita       


Andaina pola Terra de Melide

Artigo publicado no Galicia Hoxe o 26 de Xullo de 2009. Reléndoo, semella que fai un mundo que o escribimos, mais a penas pasou ano e medio. Non sabemos o estado actual de Forno dos Mouros ou se o Museo segue tan ben atendido por Cristina, mais sen dúbida a Terra de Melide é un bo destino para esta fin de semana (ou calquera outra).

A Terra de Melide

A Terra de Melide sitúase no límite oriental da provincia da Coruña, enclavada na fronteira entre esta e a de Lugo. A comarca da Terra de Melide fórmana catro Concellos: Santiso, Sobrado dos Monxes, Toques e a súa capital, Melide.

Ó pouco de percorrela, o visitante decátase da súa peculiar orografía dominada pola Serra do Bocelo e imprégnase da súa exuberante vexetación, que non conforme coas barreiras que lle puxo o Home trata de excedelas, invadindo as estradas e dando lugar a bóvedas botánicas que peneiran a luz e nos acompañan no noso percorrido.

Conta ademais esta bisbarra, entre outros moitos atractivos, cunha gran riqueza no que atinxe ó Patrimonio, tanto arqueolóxico como artístico, mais se cadra, o que motivou que os nosos bois quixesen parar nesta terra non foi a súa fermosura ou a súa riqueza patrimonial, senón as súas belísimas vacas amarelas que fan camiño con nós e que logo á hora de comer farán as nosas delicias no prato.

Recomendamos á hora de facer a visita comezar polo principio e xa que Melide conta cun excelente Museo comarcal, deixar que el sexa quen artelle a nosa ruta. No museo poderemos observar dende as pezas extraídas dos distintos xacementos da comarca coma o Castro Leboreiro ou o da Graña, até fotografías das distintas igrexas coas súas pinturas murais ou dos seus sartegos que nos animan a querer coñecer máis polo miúdo esta fértil comarca.

Asemade, no Museo poderemos recibir grande información sobre os lugares a visitar e como chegar até eles xa que alí acharemos a Cristina, a responsábel do Museo, que suple con intelixencia a carencia de trípticos e folletos que lle deberían ser enviados dende os concellos e Deputación e que ela mesma ten que esmolar pola Xunta e Turgalicia. Responderanos ademais en viva voz calquera dúbida que teñamos sobre o itinerario a seguir ou sobre os elementos que atoparemos.

O Castro da Graña

Outra vez en ruta non podemos deixar de achegármonos até o Castro da Graña, situado no lugar coñecido polo evocador topónimo de Mourelos. O castro foi escavado entre o ano 1987 e 1983 por Acuña Castroviejo, e actualmente, e case de casualidade, atópase rozado para que o visitante se poida facer unha mellor idea do xacemento.

Bestas pacendo diante do parapeto monumental da Graña. Tomada de castrosgalaicos.blogspot

Cabe salientar que aínda que o terreo que ocupa o castro sexa de carácter privado se pode visitar sen ningún tipo de problema sempre que se deixe a cancela outra vez pechada. Son os propietarios do terreo os que se encargan do seu coidado e sinalización.Todo un exemplo de xestión non institucional.

 O primeiro que chamará a nosa atención será o enorme parapeto de terra que lle servía de protección. Escavouse no castro a súa estrutura de acceso, polo de agora única na antiga Gallaecia, xa de época romana, e que consiste nun camiño escavado directamente sobre a rocha no que aínda se fan patentes as rodeiras e as marcas dunha antiga porta. Unha vez dentro da croa pódense observar os alicerces dun antigo torreón de vixilancia anexo ó acceso. Asemade hai diversas estruturas escavadas e visíbeis, todas elas xa de época romana.

Por outra banda, débese salientar a aparición durante o transcurso dos traballos arqueolóxicos dunha cabeza de pedra do grupo tipolóxico coñecido coma cabezas castrexas que teñen unha clara vocación simbólica e talvez vinculábeis coas “tete coupees” dos celtas galos que derivarían dunha tradición que lle outorgaría poderes ás cabezas cortadas dos inimigos. Mais  para moitos investigadores semellan ser como a Cabeza perdida de Damasceno Monteiro, cabezas sen corpo que se reparten polos museos e por apareceren na súa meirande parte “descontextualizadas” non merecen seren consideradas obxecto de estudo.

Forno dos Mouros

Seguindo coa ruta, e despois de comer algo nas Fervenzas das Brañas nunha idílica paisaxe, pódese visitar o dolmen do Forno dos Mouros que se ergue nun lugar rodeado dunha rica toponimia, a Moruxosa, Castro de Lobos, Pena da Moura… e tamén rodeado de mámoas que o ollo adestrado pode detectar dende o camiño.

Vista xeral do dolmen de Forno dos Mouros coas súas trabes

 

Actualmente e até finais de xullo estase a realizar unha intervención no dolmen por parte do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe da USC cunha equipa dirixida por Roberto Aboal na que se combinan os traballos arqueolóxicos con traballos de Restauración a cargo da Escola de Restauración de Pontevedra, quen se centran na recuperación das pinturas que decoran a estrutura, en moi mal estado por mor de estar ó descuberto dende as anteriores escavacións levadas a cabo por Vaquero. Tamén se retirarán unhas trabes que na teoría sosteñen o dolmen mais que non cumpren función tectónica algunha. Unha vez rematados os traballos, a intención que se ten é a de cubrir o dolmen de terra case na súa totalidade co obxectivo de preservalo.

No que atinxe ás escavacións cabe salientar a dificultade que a estratigrafía formula na súa interpretación neste xacemento, xa que foi escavado con anterioridade mais non se fixo no seu momento (como tantas veces) un bo informe do escavado. Ademais durante a súa Historia foi “molestado” en diversas ocasións co gallo de facilitar a existencia de camiños tradicionais para o gando, facendo gabias que o tocan levemente.

Por último cabe salientar a proximidade dun Camiño Real que hoxe soamente podemos intuír baixo a vexetación.

Percorrimos desta volta co noso De Lorean algúns dos atractivos que a Terra de Melide nos ofrece, mais existen moitos máis como o Mosteiro de Sobrado, o campamento romano de Ciudadela ou a igrexa prerrománica de Santo Antoniño de Toques. Talvez en futuras andainas volvamos por esta verde Terra de Melide para coñecelas máis polo miúdo.


A crise dos bancos

Subimos o artigo da nosa autoría pulicado hoxe no Suplemento Lecer

A Crise dos Bancos

Lendo o título, haberá quen pense que neste artigo, imos mergullarnos no mundo da economía e analizar a crise na que estamos envoltos e seguiremos por bastante tempo. Nada máis lonxe. Zapateiro aos teus zapatos. Hai grandes economistas, que tamén escriben nestas páxinas, que terán unha visión máis lúcida e certeira que a nosa nestas cuestións.

O noso é o Patrimonio polo que efectivamente imos falar da crise dos bancos, mais duns bancos concretos. A crise dos Bancos de Ravella. O gran episodio do crepúsculo do 2010 na política vilagarciá.

Paco Salgado e Koki Petinal lembran que nos bancos se miraban aos ollos e viviron o seu amor. Cedida por Paco Salgado ao blog "o Faiado da Memoria".

Paco Salgado e Koki Petinal lembran que nos bancos se miraban aos ollos e viviron o seu amor. Cedida por Paco Salgado ao blog “o Faiado da Memoria”.

Un bo amigo, asemade metido no barco da divulgación do Patrimonio galego, adoita dicir que non se debe presentar o Patrimonio como fonte de controversia ou confrontación senón como o que é. Unha fonte de deleite persoal e colectivo que pode dar lugar a entretidas aventuras culturais. Porén, ambos coincidimos en que hai certos episodios que se deben denunciar e facer patentes nos medios.

En calquera caso, a lectura que queremos sacar desta kafkiana historia dos Bancos de Ravella é positiva e dende logo, hai moito de positivo no acontecido. A historia, no fondo é a dunha sociedade civil que se mobilizou indignada ante un concelleiro, que ademais é arqueólogo e ten unha empresa de xestión de Patrimonio, pola destrución precisamente dun importante elemento da Historia local: Os Bancos de baldosa do Parque de Ravella.

O máis interesante deste conto é o final máis ou menos feliz. Digo máis ou menos porque os bancos foron destruídos, mais a sociedade acadou a dimisión do concelleiro e a rectificación do Concello que os volverá erguer onde estaban. A historia é alentadora e agardemos sirva de exemplo e referencia de que algo sempre se pode facer.

O Proceso

O conto, a xeito case de fábula, amosa unha vez máis que nin políticos nin arqueólogos, nin xestores de Patrimonio, poden facer nada de costas á sociedade nun intre no que todo o mundo ten voz e no que a blogosfera está a converterse nun importante medio de expresión e denuncia.

O conto ten unhas personaxes moi marcadas e evidentes. Un vilán prepotente engaiolado polo poder, unha corporación municipal dubitativa que non sabe se ir para diante ou para atrás, e un coro, encarnado no pobo, que devagar vai acadando protagonismo ate converterse en xuíz desta especie de zarzuela de provincias.

Os feitos, rapidamente resumidos en secuencia foron máis ou menos os seguintes (pódese seguir a historia nas hemerotecas virtuais das edicións locais dos xornais):

1)Concelleiro vala o Parque de Ravella para un proceso de Reforma.

2)Xente indignada comeza a protestar ante o perigo para os bancos en radios e blogs.

3)Concelleiro, case con nocturnidade e ás agachadas, derruba os bancos para acabar coas polémicas, ademais sen respaldo dos seus compañeiros de grupo.

4)Grupo de veciños presenta proposta para votar en pleno municipal a restitución dos bancos, que se vota a favor mesmo polos compañeiros de partido do concelleiro patrimonicida.

Entre a derruba e a votación pasan só sete días, mentres, os veciños penduraron no valado, fotografías dos arquivos familiares nas que aparecían os bancos de Ravella.

O concelleiro, antes da votación, dimite. Sábese só. Sen o apoio dos seus compañeiros nin da cidadanía.

Na súa última aparición, coma un ninja, bota unha bomba de fume, sinalando que a dimisión derívase de que el como historiador non pode aceptar unha posta en valor dos bancos baseada en criterios de “mimetismo” e de crear un “falso histórico”. El é técnico. A xente, pobre, non sabe nada. As declaracións recordan na actitude ás de Cano Pan, director da intervención no Castro de Punta de Muros en Arteixo, unha vez destapado o escándalo.

Nós cremos que a dimisión non se deriva dun criterio profesional senón dunha xordeira moi habitual no gremio. Unha xordeira que impide escoitar o que a xente ten que dicir sobre o seu Patrimonio. Abuín, ademais, xa estaba na picota por un escándalo relativo á construción dun parking privado, e xa dende a súa entrada na Corporación tiña gañada a antipatía da xente pola súa ben coñecida chulería.

En Vilagarcía saben o que é ver esmorecer o Patrimonio local. Non só as barbaridades do Cine Fantasio ou do Salón Varités, senón as pequenas casas que conformaban os barrios mariñeiros, o patrimonio etnográfico do mundo do Mar ou da olería de Bamio. A memoria dos buques ingleses no porto ou do comercio do volframio. Alguén fixo algo por salvar ou recuperar algo disto dende as institucións?

No ano sesenta Cecilia Ruiz xogando as bonecas no xardin de Ravella con duas amiguiñas. Cedida por Miguel Ruíz ao blog "o Faiado da Memoria"

No ano sesenta Cecilia Ruiz xogando as bonecas no xardin de Ravella con duas amiguiñas. Cedida por Miguel Ruíz ao blog "o Faiado da Memoria"

Mais o Patrimonio, os recordos están na xente, e a xente viu que os seus bancos corrían perigo. Os bancos nos que vían, por fin, chegar camiñando, entre a outoniza manta de follas secas, pola avenida de plátanos, á muller coa que se citaran e que chegaba a propósito media hora tarde. Os bancos nos que fumaran os seus primeiros pitillos para parecer maiores ou nos que simplemente conversaran con amigos ou sentaran por estaren cansos. Ao ver que ese escenario das súas vidas corría perigo, a xente recordou, poñéndoo deste xeito en valor, e ao recordar espertou e preguntouse “onde está Vilagarcía?”,” Quen levou a miña vila?”. Os expertos disfrazados de políticos.

Pero o deste experto é demencial, coñeciamos o caso de Boiro no que uns ineptos políticos se deixan asesorar en temos arqueolóxicos por un valente ignorante, mais en Vilagarcía está todo na mesma persoa, na de Marcelino Abuín que xunta tanta ineptitude política coma Deira e compañía e tan atrevida carencia de coñecementos coma Víctor Barbeito. Bueno, polo menos non plaxia, que se saiba.

Castro Alobre: O castro ausente

Vilagarcía ten no arqueolóxico dúas xoias invisíbeis, Castro Alobre e a estación rupestre dos Ballotes. Están tan invisibilizadas que ninguén as mencionou nestes días.

Castro Alobre escavouse, mais os resultados, coma acontece tan acotío, están secuestrados por quen escavou. As pobres memorias non foron tan sequera subidas en pdf á páxina do Concello, que foi quen subvencionou as escavacións con demasidos cartos para os resultados obtidos.

Escavouse hai tempo, en varias campañas, non hai nada publicado. Non se sabe que hai en Alobre. Será porque o escavador nin sequera o sabe. Pero Alobre é importantísimo, é un elo imprescindible para entender os contactos por mar na Ría de Arousa, o comercio. É importante para enlazar cos datos que xa temos de Neixón ou de Lanzada.

Vista parcial da área "visitábel" de Alobre co seu panel vacío. Toda unha metáfora

Vista parcial da área "visitábel" de Alobre co seu panel vacío. Toda unha metáfora

Mais que pasa? Por que despois de investir cartos públicos nin a comunidade local nin a científica sabe nada de Alobre? Quen escavou aí? Quen é o responsábel? Pois si, o mesmo concelleiro que acaba de dimitir por facer as cousas, unha vez máis, de costas á xente. Non como concelleiro, senón coma “profesional”, como “experto”, antes de entrar na corporación.

O happy end deste conto non é a dimisión do concelleiro, que marchou defendendo a súa profesionalidade, pois a honestidade política, xa lle era complicado. O happy end é a vitoria da xente fronte aos expertos. Facendo alusión á imaxe empregada por Ayán a través dunha canción de Gigatrón, desta volta quen caeron foron os da radiofórmula e o sistema. Ademais, o grupo de veciños, di que non se disolve, que vai seguir aí, vixiando todos os proxectos que faga o Concello. Protexendo o Patrimonio. Ogallá cunda o exemplo. En serio, chapeau!