Tras un breve peche por vacacións reabrimos o noso De Lorean para todo aquel que queira subirse. Empezamos o ano blogueiro, cun artigo publicado en Galicia Hoxe o 17-07-2009 sobre a febre do volframio. Posteriormente, o proxecto da Décima Onda na Lanzada, foi excelente caldo de cultivo para seguir a indagar sobre esta etapa, nomeadamente grazas á figura de Don Cipriano, excelente informador. Os resultados están a organizarse.

Vista de embarcación con distintivos nazis en Vilagarcía de Arousa. Arquivo Familiar de Jorge García García
Segundo a RAG, o volframio é un metal de cor gris, duro, dúctil e difIcilmente fusible; o seu número atómico é 74 e o símbolo W. Mais como acontece con tódalas verbas, tras o seu significado oficial, agóchanse múltiples conceptos e incluso sentimentos, recordos, vivencias e experiencias.
Se hai un concepto co que podemos relaciona-lo volframio é o de memoria, ou de memoria histórica, tan en voga nestes tempos. Cada vez que os nosos maiores escoitan a palabra volframio os recordos agroman dos seus beizos, recordos dunha Galiza paupérrima inzada de fame, na que o único que abondaba era a carestía. Recordos de camisas azuis e de cruces gammadas, de medo, de Benemérita, de estraperlo. Mais tamén lembranzas de esperanza, da esperanza de que ese tan nomeado progreso chegase á nosa terra.
Mais á fin e ó cabo, tamén lembranzas de infancia, de xuventude, pois os tempos mozos dos nosos avós estiveron marcados por unha Guerra que dividiu España en dous e unha posguerra que coincidiu no tempo con outra guerra que tronzaría o mundo. Mais no Noroeste da Península Ibérica, esa posguerra viuse iluminada polo espellismo do volframio, convertido nun metal estratéxico na II Guerra Mundial xa que era moi cobizado sobre todo para as blindaxes pola súa resistencia á calor.
Os ricos chans galegos convertéronse en fontes dos cales extraer este metal como pasara na Antigüidade co estaño, mineral ó que adoita aparecer asociado. Deste xeito, as antigas minas de casiterita convertéronse en plantas de recolección do cobizado volframio, as máis das veces con man de obra escrava constituída polos presos do bando derrotado.
Os investigadores Leonardo González, da empresa Alicerce, e Xurxo Ayán, do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do CSIC ,veñen de presentar ante a prensa o seu proxecto de I+D+i sobre a febre do volframio que se deu en Galiza, centrándose no exemplo do Barbanza e que durará até o 2011. Este proxecto resulta orixinal e adiantado, pioneiro, tanto polo obxecto de estudo como pola súa metodoloxía multidisciplinar conxugando Arqueoloxía, Historia e etnografía.
As labouras dividiranse en dúas fases. A primeira centrarase na sistematización da información documental recollida nos arquivos dos Concellos e do Estado máis examinaranse tamén arquivos londinenses e mesmo de Wáshinton pois non se pode entede-la febre do volframio sen atender ó contexto mundial do momento.
Segundo os investigadores, que xa teñen boa parte do traballo realizado antes do comezo oficial do proxecto, a dificultade de atopar documentos oficiais da época a este respecto é enorme pois hai un baleiro documental dun tema que nunha España na teoría neutral nos asuntos da II Guerra Mundial non interesaba que se airease moito, agora esta investigación abrirá os vellos armarios dos primeiros anos da ditadura para escudriñar que se atopa baixo o cheiro alcanforado, enchendo deste xeito parte dos ocos da nosa Historia máis recente. A súa principal fonte de datos é a entrevista etnográfica e a pesquisa en arquivos persoais e familiares, recursos denostados pola Historia tradicionalista mais dos que tiran enormes sorpresas e datos que non se corresponden coa historia oficial e que en conxunto transcenden o mero anecdotario para formar un corpus documental sobre o que establece-los alicerces deste proxecto.
Na segunda fase é cando entrará en xogo a arqueoloxía, tratando de establecer cronoloxías para as explotacións, estudando o patrimonio construído e os artefactos vencellados á extracción do volframio e mesmo levará, naqueles lugares máis sobranceiros, a realización de sondaxes arqueolóxicas para unha maior aproximación á súa realidade pretérita. Un destes lugares de estudo podería ser o Castelo de Vitres no que hai indicios de que había un punto de control nazi dominando e controlando o tráfego do volframio pola Ría de Arousa, aproveitando a posición estratéxica.
Pois a historia do volframio é de espionaxe e contraespionaxe, de segredos, de rivais, de ideoloxías agochadas no medio dunha situación tensa na que os ingleses chegaban a pagar grandes cantidades ós mercantes para que estes afundisen o seu cargamento na saída das rías evitando así que chegasen a mans alemás.
O nacemento deste ambizoso proxecto está ligado á Asociación Fallado II e á organización dun Congreso coa Asociación Mineira. O proxecto está orientado a crear un produto turístico documentado poñéndolle ós Concellos da zona en bandexa a explotación turística das rutas e minas do volframio,algo que no Barbanza se sumará a extensa riqueza do seu patrimonio arqueolóxico.
A un nivel máis científico trátase de amosar a través dun proxecto transversal e multidisciplinar o impacto dunha ínsula de sete anos de modernidade nunha sociedade tradicional na que un pescador que utilizaba ancestrais artes de pesca podía ollar como pasaba ó seu carón un xigantesco submarino nazi ou como unha muller podía estar sachando na leira ó lado dunha complexa e moderna construción ligada á explotación do volframio mentres un home se mergullaba na procura de centolas protexido con gafas de aviación inglesas.
Os investigadores salientan a importancia da muller na cadea produtiva do volframio así como de presos republicanos e o feito de que as fortunas derivadas do volframio quedasen en moi poucas mans. Isto foi así, xa que malia haber quen fochanqueaba no chan ó máis puro estilo do afastado Oeste chegando a cambia-lo volframio polo seu peso en ouro, normalmente, cando achaban algo gastaban os cartos tratando de evadirse da situación de posguerra ó carón dun viño ou dunha cabareteira.
A viaxe do noso De Lorean, desta volta blindado con volframio, foi curto no tempo máis longo no que ás diferenzas sociais e económicas se refire, retratando este pequeno anticipo da penetración da modernidade en terras galaicas. Asemade amósanos os cambios de valor dos materiais segundo as necesidades pois ese cobizado metal que podía valer vidas e era extraído para cobralas, hoxe emprégase en fins máis iluminados como a fabricación dos filamentos das lámpadas que dan luz a unha Galiza que transcendendo a modernidade se mergullou de cheo na posmodernidade.
Deixar unha resposta