A crise dos bancos

Subimos o artigo da nosa autoría pulicado hoxe no Suplemento Lecer

A Crise dos Bancos

Lendo o título, haberá quen pense que neste artigo, imos mergullarnos no mundo da economía e analizar a crise na que estamos envoltos e seguiremos por bastante tempo. Nada máis lonxe. Zapateiro aos teus zapatos. Hai grandes economistas, que tamén escriben nestas páxinas, que terán unha visión máis lúcida e certeira que a nosa nestas cuestións.

O noso é o Patrimonio polo que efectivamente imos falar da crise dos bancos, mais duns bancos concretos. A crise dos Bancos de Ravella. O gran episodio do crepúsculo do 2010 na política vilagarciá.

Paco Salgado e Koki Petinal lembran que nos bancos se miraban aos ollos e viviron o seu amor. Cedida por Paco Salgado ao blog "o Faiado da Memoria".

Paco Salgado e Koki Petinal lembran que nos bancos se miraban aos ollos e viviron o seu amor. Cedida por Paco Salgado ao blog “o Faiado da Memoria”.

Un bo amigo, asemade metido no barco da divulgación do Patrimonio galego, adoita dicir que non se debe presentar o Patrimonio como fonte de controversia ou confrontación senón como o que é. Unha fonte de deleite persoal e colectivo que pode dar lugar a entretidas aventuras culturais. Porén, ambos coincidimos en que hai certos episodios que se deben denunciar e facer patentes nos medios.

En calquera caso, a lectura que queremos sacar desta kafkiana historia dos Bancos de Ravella é positiva e dende logo, hai moito de positivo no acontecido. A historia, no fondo é a dunha sociedade civil que se mobilizou indignada ante un concelleiro, que ademais é arqueólogo e ten unha empresa de xestión de Patrimonio, pola destrución precisamente dun importante elemento da Historia local: Os Bancos de baldosa do Parque de Ravella.

O máis interesante deste conto é o final máis ou menos feliz. Digo máis ou menos porque os bancos foron destruídos, mais a sociedade acadou a dimisión do concelleiro e a rectificación do Concello que os volverá erguer onde estaban. A historia é alentadora e agardemos sirva de exemplo e referencia de que algo sempre se pode facer.

O Proceso

O conto, a xeito case de fábula, amosa unha vez máis que nin políticos nin arqueólogos, nin xestores de Patrimonio, poden facer nada de costas á sociedade nun intre no que todo o mundo ten voz e no que a blogosfera está a converterse nun importante medio de expresión e denuncia.

O conto ten unhas personaxes moi marcadas e evidentes. Un vilán prepotente engaiolado polo poder, unha corporación municipal dubitativa que non sabe se ir para diante ou para atrás, e un coro, encarnado no pobo, que devagar vai acadando protagonismo ate converterse en xuíz desta especie de zarzuela de provincias.

Os feitos, rapidamente resumidos en secuencia foron máis ou menos os seguintes (pódese seguir a historia nas hemerotecas virtuais das edicións locais dos xornais):

1)Concelleiro vala o Parque de Ravella para un proceso de Reforma.

2)Xente indignada comeza a protestar ante o perigo para os bancos en radios e blogs.

3)Concelleiro, case con nocturnidade e ás agachadas, derruba os bancos para acabar coas polémicas, ademais sen respaldo dos seus compañeiros de grupo.

4)Grupo de veciños presenta proposta para votar en pleno municipal a restitución dos bancos, que se vota a favor mesmo polos compañeiros de partido do concelleiro patrimonicida.

Entre a derruba e a votación pasan só sete días, mentres, os veciños penduraron no valado, fotografías dos arquivos familiares nas que aparecían os bancos de Ravella.

O concelleiro, antes da votación, dimite. Sábese só. Sen o apoio dos seus compañeiros nin da cidadanía.

Na súa última aparición, coma un ninja, bota unha bomba de fume, sinalando que a dimisión derívase de que el como historiador non pode aceptar unha posta en valor dos bancos baseada en criterios de “mimetismo” e de crear un “falso histórico”. El é técnico. A xente, pobre, non sabe nada. As declaracións recordan na actitude ás de Cano Pan, director da intervención no Castro de Punta de Muros en Arteixo, unha vez destapado o escándalo.

Nós cremos que a dimisión non se deriva dun criterio profesional senón dunha xordeira moi habitual no gremio. Unha xordeira que impide escoitar o que a xente ten que dicir sobre o seu Patrimonio. Abuín, ademais, xa estaba na picota por un escándalo relativo á construción dun parking privado, e xa dende a súa entrada na Corporación tiña gañada a antipatía da xente pola súa ben coñecida chulería.

En Vilagarcía saben o que é ver esmorecer o Patrimonio local. Non só as barbaridades do Cine Fantasio ou do Salón Varités, senón as pequenas casas que conformaban os barrios mariñeiros, o patrimonio etnográfico do mundo do Mar ou da olería de Bamio. A memoria dos buques ingleses no porto ou do comercio do volframio. Alguén fixo algo por salvar ou recuperar algo disto dende as institucións?

No ano sesenta Cecilia Ruiz xogando as bonecas no xardin de Ravella con duas amiguiñas. Cedida por Miguel Ruíz ao blog "o Faiado da Memoria"

No ano sesenta Cecilia Ruiz xogando as bonecas no xardin de Ravella con duas amiguiñas. Cedida por Miguel Ruíz ao blog "o Faiado da Memoria"

Mais o Patrimonio, os recordos están na xente, e a xente viu que os seus bancos corrían perigo. Os bancos nos que vían, por fin, chegar camiñando, entre a outoniza manta de follas secas, pola avenida de plátanos, á muller coa que se citaran e que chegaba a propósito media hora tarde. Os bancos nos que fumaran os seus primeiros pitillos para parecer maiores ou nos que simplemente conversaran con amigos ou sentaran por estaren cansos. Ao ver que ese escenario das súas vidas corría perigo, a xente recordou, poñéndoo deste xeito en valor, e ao recordar espertou e preguntouse “onde está Vilagarcía?”,” Quen levou a miña vila?”. Os expertos disfrazados de políticos.

Pero o deste experto é demencial, coñeciamos o caso de Boiro no que uns ineptos políticos se deixan asesorar en temos arqueolóxicos por un valente ignorante, mais en Vilagarcía está todo na mesma persoa, na de Marcelino Abuín que xunta tanta ineptitude política coma Deira e compañía e tan atrevida carencia de coñecementos coma Víctor Barbeito. Bueno, polo menos non plaxia, que se saiba.

Castro Alobre: O castro ausente

Vilagarcía ten no arqueolóxico dúas xoias invisíbeis, Castro Alobre e a estación rupestre dos Ballotes. Están tan invisibilizadas que ninguén as mencionou nestes días.

Castro Alobre escavouse, mais os resultados, coma acontece tan acotío, están secuestrados por quen escavou. As pobres memorias non foron tan sequera subidas en pdf á páxina do Concello, que foi quen subvencionou as escavacións con demasidos cartos para os resultados obtidos.

Escavouse hai tempo, en varias campañas, non hai nada publicado. Non se sabe que hai en Alobre. Será porque o escavador nin sequera o sabe. Pero Alobre é importantísimo, é un elo imprescindible para entender os contactos por mar na Ría de Arousa, o comercio. É importante para enlazar cos datos que xa temos de Neixón ou de Lanzada.

Vista parcial da área "visitábel" de Alobre co seu panel vacío. Toda unha metáfora

Vista parcial da área "visitábel" de Alobre co seu panel vacío. Toda unha metáfora

Mais que pasa? Por que despois de investir cartos públicos nin a comunidade local nin a científica sabe nada de Alobre? Quen escavou aí? Quen é o responsábel? Pois si, o mesmo concelleiro que acaba de dimitir por facer as cousas, unha vez máis, de costas á xente. Non como concelleiro, senón coma “profesional”, como “experto”, antes de entrar na corporación.

O happy end deste conto non é a dimisión do concelleiro, que marchou defendendo a súa profesionalidade, pois a honestidade política, xa lle era complicado. O happy end é a vitoria da xente fronte aos expertos. Facendo alusión á imaxe empregada por Ayán a través dunha canción de Gigatrón, desta volta quen caeron foron os da radiofórmula e o sistema. Ademais, o grupo de veciños, di que non se disolve, que vai seguir aí, vixiando todos os proxectos que faga o Concello. Protexendo o Patrimonio. Ogallá cunda o exemplo. En serio, chapeau!

Advertisements

2 responses to “A crise dos bancos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: