Andaina pola Terra de Melide

Artigo publicado no Galicia Hoxe o 26 de Xullo de 2009. Reléndoo, semella que fai un mundo que o escribimos, mais a penas pasou ano e medio. Non sabemos o estado actual de Forno dos Mouros ou se o Museo segue tan ben atendido por Cristina, mais sen dúbida a Terra de Melide é un bo destino para esta fin de semana (ou calquera outra).

A Terra de Melide

A Terra de Melide sitúase no límite oriental da provincia da Coruña, enclavada na fronteira entre esta e a de Lugo. A comarca da Terra de Melide fórmana catro Concellos: Santiso, Sobrado dos Monxes, Toques e a súa capital, Melide.

Ó pouco de percorrela, o visitante decátase da súa peculiar orografía dominada pola Serra do Bocelo e imprégnase da súa exuberante vexetación, que non conforme coas barreiras que lle puxo o Home trata de excedelas, invadindo as estradas e dando lugar a bóvedas botánicas que peneiran a luz e nos acompañan no noso percorrido.

Conta ademais esta bisbarra, entre outros moitos atractivos, cunha gran riqueza no que atinxe ó Patrimonio, tanto arqueolóxico como artístico, mais se cadra, o que motivou que os nosos bois quixesen parar nesta terra non foi a súa fermosura ou a súa riqueza patrimonial, senón as súas belísimas vacas amarelas que fan camiño con nós e que logo á hora de comer farán as nosas delicias no prato.

Recomendamos á hora de facer a visita comezar polo principio e xa que Melide conta cun excelente Museo comarcal, deixar que el sexa quen artelle a nosa ruta. No museo poderemos observar dende as pezas extraídas dos distintos xacementos da comarca coma o Castro Leboreiro ou o da Graña, até fotografías das distintas igrexas coas súas pinturas murais ou dos seus sartegos que nos animan a querer coñecer máis polo miúdo esta fértil comarca.

Asemade, no Museo poderemos recibir grande información sobre os lugares a visitar e como chegar até eles xa que alí acharemos a Cristina, a responsábel do Museo, que suple con intelixencia a carencia de trípticos e folletos que lle deberían ser enviados dende os concellos e Deputación e que ela mesma ten que esmolar pola Xunta e Turgalicia. Responderanos ademais en viva voz calquera dúbida que teñamos sobre o itinerario a seguir ou sobre os elementos que atoparemos.

O Castro da Graña

Outra vez en ruta non podemos deixar de achegármonos até o Castro da Graña, situado no lugar coñecido polo evocador topónimo de Mourelos. O castro foi escavado entre o ano 1987 e 1983 por Acuña Castroviejo, e actualmente, e case de casualidade, atópase rozado para que o visitante se poida facer unha mellor idea do xacemento.

Bestas pacendo diante do parapeto monumental da Graña. Tomada de castrosgalaicos.blogspot

Cabe salientar que aínda que o terreo que ocupa o castro sexa de carácter privado se pode visitar sen ningún tipo de problema sempre que se deixe a cancela outra vez pechada. Son os propietarios do terreo os que se encargan do seu coidado e sinalización.Todo un exemplo de xestión non institucional.

 O primeiro que chamará a nosa atención será o enorme parapeto de terra que lle servía de protección. Escavouse no castro a súa estrutura de acceso, polo de agora única na antiga Gallaecia, xa de época romana, e que consiste nun camiño escavado directamente sobre a rocha no que aínda se fan patentes as rodeiras e as marcas dunha antiga porta. Unha vez dentro da croa pódense observar os alicerces dun antigo torreón de vixilancia anexo ó acceso. Asemade hai diversas estruturas escavadas e visíbeis, todas elas xa de época romana.

Por outra banda, débese salientar a aparición durante o transcurso dos traballos arqueolóxicos dunha cabeza de pedra do grupo tipolóxico coñecido coma cabezas castrexas que teñen unha clara vocación simbólica e talvez vinculábeis coas “tete coupees” dos celtas galos que derivarían dunha tradición que lle outorgaría poderes ás cabezas cortadas dos inimigos. Mais  para moitos investigadores semellan ser como a Cabeza perdida de Damasceno Monteiro, cabezas sen corpo que se reparten polos museos e por apareceren na súa meirande parte “descontextualizadas” non merecen seren consideradas obxecto de estudo.

Forno dos Mouros

Seguindo coa ruta, e despois de comer algo nas Fervenzas das Brañas nunha idílica paisaxe, pódese visitar o dolmen do Forno dos Mouros que se ergue nun lugar rodeado dunha rica toponimia, a Moruxosa, Castro de Lobos, Pena da Moura… e tamén rodeado de mámoas que o ollo adestrado pode detectar dende o camiño.

Vista xeral do dolmen de Forno dos Mouros coas súas trabes

 

Actualmente e até finais de xullo estase a realizar unha intervención no dolmen por parte do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe da USC cunha equipa dirixida por Roberto Aboal na que se combinan os traballos arqueolóxicos con traballos de Restauración a cargo da Escola de Restauración de Pontevedra, quen se centran na recuperación das pinturas que decoran a estrutura, en moi mal estado por mor de estar ó descuberto dende as anteriores escavacións levadas a cabo por Vaquero. Tamén se retirarán unhas trabes que na teoría sosteñen o dolmen mais que non cumpren función tectónica algunha. Unha vez rematados os traballos, a intención que se ten é a de cubrir o dolmen de terra case na súa totalidade co obxectivo de preservalo.

No que atinxe ás escavacións cabe salientar a dificultade que a estratigrafía formula na súa interpretación neste xacemento, xa que foi escavado con anterioridade mais non se fixo no seu momento (como tantas veces) un bo informe do escavado. Ademais durante a súa Historia foi “molestado” en diversas ocasións co gallo de facilitar a existencia de camiños tradicionais para o gando, facendo gabias que o tocan levemente.

Por último cabe salientar a proximidade dun Camiño Real que hoxe soamente podemos intuír baixo a vexetación.

Percorrimos desta volta co noso De Lorean algúns dos atractivos que a Terra de Melide nos ofrece, mais existen moitos máis como o Mosteiro de Sobrado, o campamento romano de Ciudadela ou a igrexa prerrománica de Santo Antoniño de Toques. Talvez en futuras andainas volvamos por esta verde Terra de Melide para coñecelas máis polo miúdo.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: