Unha santa, unha cidade e tres guerreiros

Penduramos hoxe o artigo publicado no Galicia Hoxe o 27 de Decembro de 2009. Incluímos abaixo bibliografía, como xa fixemos no artigo orixinal, salientando que aquí o que nós facemos é divulgar o que outros autores escriben, non sacamos coellos de chisteiras.

A Lenda

Na presente edición da nosa sección , o noso De Lorean percorrerá a parroquia de Santa Mariña de Augas Santas do Concello de Allariz. Trátase dun lugar que pola súa maxia e beleza hai tempo que queriamos visitar na queda compaña dos nosos bois. Sobre todo despois da lectura do relato de Florentino Cuevillas, pai da arqueoloxía científica galega, do que collemos emprestado o título para o noso artigo de hoxe.

 O relato atopámolo nunha das súas obras menos coñecidas, Prosas galegas que tras adquirilo de segunda man é unha das xoias da nosa pequena pero crecente biblioteca. Nesta obra o ilustre e ilustrado ourensán dá a coñece-la súa faceta máis literaria, eclipsada pola calidade das súas obras científicas pero digna de ser descuberta. No libro podemos atopar outros relatos cheos de lirismo e amor a Galiza coma ‘Muiñeira’ ou ‘Como naceu a cidade de Ourense’.

A lenda de Santa Mariña recollida por Cuevillas é unha das varias versións que existen sobre ela derivadas de diferentes manuscritos medievais, mais todas amosan unha serie de elementos comúns.

Imaxe da Santa. Tomada de Panoramio, do usuario o0_oscar_0o

Semella que Mariña foi filla dun importante romano, tal vez dun gobernador chamado Teudio; ó morrer a súa nai durante o parto foi criada por unha escrava que adoutrinou á nena na fe cristiá. Segundo a tradición, ós quince anos, cando xa realizara varias milagres, pasou polo lugar Olibrio, prefecto romano que ó vela, prendido da súa beleza ordenou que a levaran onda el.

A rapaza non cedeu ante os lascivos desexos do poderoso home que deste xeito decidiu somete-la a castigo. Tras recibir azoutes e outras torturas, a santa recuperouse das feridas de xeito instantáneo. Segundo algunhas tradicións, nese momento, o prefecto ordena que lle dean morte afogándoa nun estanque, condena da que Mariña sae ilesa. Ante esta situación manda queimala viva mais doutra volta sae indemne ó ser rescatada por San Pedro das lampas. Por último, Olibrio manda decapitala e ó corta-la súa testa, esta pega tres chimpos no chan dos que agroman tres mananciais que aínda manan nos arredores da basílica medieval e ó que se lles atribúen propiedades salutíferas.

Os lugares da lenda. O Forno da Santa

Así se pode resumi-la lenda da santa mártir de Augas Santas. Co decorrer dos séculos, a sociedade tradicional identificou diversos fitos da paisaxe con lugares relacionados coa vida e martirio da santa. O grande escenario sería o Castro de Armea do que aínda se observan os restos das súas defensas e que foi escavado nalgunha ocasión mais nunca dun xeito sistemático. A “Pioca da Santa” e o “Carballo da Santa” identifícanse, respectivamente, co lugar onde tratou de ser afogada e onde foi azoutada. O carballo hoxe en día non existe mais os vellos do lugar recordan a súa posición exacta. A “santa de Pedra” é o lugar onde a santa sentaba a coida-lo gando quedando  a súa pegada na rocha. No lugar onde foi sepultada , sobre o seu sartego é onde hoxe se ergue a igrexa parroquial que acolle un camarín cos restos da mártir.

Mais sen lugar para as dúbidas, o máis interesante destes lugares míticos é o que se coñece como Forno da Santa que actualmente serve de cripta a unha capela construída polos Templarios mais que nunca foi rematada.

Vista do interior do Forno da Santa. Tomada de Karkallon.blogspot

Pese ás evidentes remodelacións desta estrutura, pódese identificar cun elemento da cultura castrexa dos que máis discusión suscitan entre os investigadores desta etapa da nosa historia, é o que coñecemos como monumentos con forno ou saunas castrexas. Trátase dunhas estruturas propias do noroeste céltico que atopamos tanto en Asturias coma en Galiza coma no Norte de Portugal. Estas estruturas presentan unha serie de elementos repetitivos aínda que tipoloxicamente podemos diferenciar dous subtipos: o da zona lucense e o da bracarense.

Sendo o bracarense o que interesa neste caso sinalaremos que se atopan na parte baixa dos castros, son estruturas parcialmente escavadas para preserva-la calor e presentan unha organización repetitiva de adro, antecámara, cámara e forno. Segundo as últimas interpretacións esta diferenciación de espazos viría dada por un  uso como salas de baños a diferentes temperaturas como ocorre nas termas romanas co caldarium, tepidarium e frigidarium.

Aínda que nun primeiro momento foron interpretadas como fornos crematorios ou simplemente fraguas, hoxe, en base ós datos semella clara que a súa función era termal.

Pedras Formosas e Monumentos con Forno

Á hora de establecer a súa cronoloxía ou significación social hai, como non, división entre os investigadores. Por unha banda, os “romanistas”, coma Calo Lourido, consideran que estas estruturas, como calquera elemento medianamente complexo, non é propio da cultura castrexa senón que sería unha adaptación indíxena das termas romanas polo que a súa función sería unicamente práctica, sen ningún tipo de simbolismo.

Reconstrución de monumento con forno de Briteiros, Portugal, segundo Cardozo

Reconstrución de monumento con forno de Briteiros, Portugal, segundo Cardozo

Para outra serie de autores coma Armada Pita ou Almagro Gorbea a súa cronoloxía é prerromana e a súa función responde a unha finalidade simbólica relacionada cos ritos de iniciación das fratrías de guerreiros ou outras celebracións solemnes. Nesta interpretación xogaría un sobranceiro papel simbólico-relixioso a importancia da auga como elemento artellador entre as deidades celestes e as ctónicas e os fortes contrastes de temperatura como probas de valía e forza.

O xeógrafo grego Estrabón parece querer darlles a razón ós “prerromanistas”, xa que na súa Xeografía (III,3,6) afirma: “Din que algúns (lusitanos) que habitan xunto ó río Douro viven como espartanos, unxíndose dúas veces con graxa e bañándose de suor que obtiñan con pedras candentes, bañándose en auga fría e tomando unha vez ó día alimentos puros e simples”.

Existe un elemento que aparece asociado a estas saunas castrexas, as “pedras formosas”. Trátase de grandes laxes xeralmente decoradas e que amosan  un burato na parte inferior que dá acceso á cámara do monumento. As propias decoracións destas pedras semellan levarnos a un simbolismo astral e as súas formas hai que relacionalas coas dalgunhas cerámicas prerromanas polo que afondan nunha significación relixiosa e unha cronoloxía anterior á conquista romana.

Por razóns de espazo non profundamos máis neste tema, desexando que o lector coñeza in situ a sauna castrexa de Santa Mariña de Augas Santas,así coma o resto de elementos relacionados co seu martirio.

Na nosa seguinte entrega, os nosos bois, volverán conducirnos por estes camiños para descubrir por que Cuevillas, no seu título alude a tres guerreiros.

Bibliografía
Prosas Galegas, Florentino López Cuevillas
Santa Mariña de Augas Santas, Francisco Fariña Busto
O monumento tipo sauna da “Cibdá” de Armea en Santa Mariña de Augas Santas, Natalia Estévez Cruz
Monumentos termais castrexos: Unha contribución á súa interpretación, Xosé Lois Armada Pita       

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: