Un Museo Musealizado

Penduramos o artigo publicado onte en Galicia Hoxe. Pola tarde, penduraremos máis fotos. Agardamos que vos guste.

Nova serie: Andainas pola pérfida Albión

Iniciamos unha nova serie neste espazo que nos reservan cada dous domingos os amigos do Lecer. Nesta serie trataremos de recoller impresións dunha recente viaxe por Inglaterra.

Tras dunha ardua tarefa de negociación, animamos os nosos bois a emprender o voo co De Lorean ate Reino Unido. Un dos nosos argumentos de máis peso foi que se os renos de Papa Noel podían voar, eles tamén poderían.

A tarefa de convencemento tamén tivo que ser para o piloto debido á inexplicábel preguiza á hora de saír dos limes da nosa terra. En calquera caso, volvemos moi satisfeitos e engaiolados deste país tan atlántico e con ganas de volver, se é posíbel, por unha boa tempada.

Cruzar os limes, si. Ir a grandes cidades, non. O turismo urbano si que é algo polo que os nosos bois non pasarían. Xa lles era bastante andar pola dirección oposta á habitual. Tendo isto en conta trazamos un roteiro con primeira parada en Cambridge onde nos agardaba a nosa copiloto.

Cambridge

Cambridge é o que cabe agardar da cidade universitaria por excelencia de Europa. Unha cidade inzada de multiculturalismo e xuventude, de dinamismo e bicicletas, de Bed and Breakfasts e comidas rápidas.

É polo tanto unha cidade agradábel de patear, moi chaira e de tamaño asumíbel . A un galego chamaralle por suposto a atención o respecto ás alturas dos edificios, de non máis de tres plantas. Crecemento urbano extensivo, fronte ó intensivo das torres de vivendas que viñeron cargarse as facianas das nosas vilas. Sei que é un tema manido, pero en serio, chama a atención, porque non é que vexas un par de monstros, é que non ves ningún, e isto en todas as vilas que visitamos.

Ademais das alturas, todas as casas con esa estética común de casas “industrialoides” de tixolo visto e tellados altos e negros, nos que case podías ver a Merry Poppins marcándose un baile polas chemineas acompañada dos desfeluxadores.Dicimos estética “industraloide” porque vendo ese edificios non podiamos deixar de pensar nas ilustracións dos manuais escolares de Historia dos temas da Revolución Industrial e o luddismo.

Por outra banda están os míticos College co seu decimonónico neogótico. Calquera edificio medianamente oficial está inzado de ergueitos pináculos, canto máis grandes mellor, o que será preferíbel non analizar con criterios freudianos.

Lonxe de deostar este estilo e de consideralo falso histórico, pensamos que é un testemuño histórico. Un testemuño da creazón dos Estado- Nazón e do mundo contemporáneo. Dunha primeira valoración do pasado para proxectarse caro o futuro.

Outro síntoma de multiculturalidade é a enorme mestura de cheiros que dende primeira hora da mañá sae dos fogóns dos restaurantes turcos, árabes, nepaleses, chineses, italianos, kurdos ou de todos estes lugares a un tempo. Pero o máis curioso son as sensacións deste eclecticismo olfactivo que á mañanciña, co bandullo cheo de almorzo inglés a base de touciño, ovos, salchichas, torradas e café, repugna, mais que a medida que pasa o tempo e a andaina empeza a accionar a tectónica estomacal, resulta gorentoso. Da gastronomía inglesa xa falaremos noutra entrega.

O Museo Musealizado

Ademais de camiñar polas quellas de Cambridge, o noso outro gran obxectivo, aparte tamén da cervexa inglesa, era visitar o Museo Arqueolóxico de Cambridge. A nosa sorpresa foi atopalo pechado por reformas, o cal tampouco nos cabreou tanto, tendo en conta que o de Ourense leva pechado por reformas dende tempos antediluvianos. Ademais o anexo dedicado á Antropoloxía cultural si que estaba aberto e serviu para facernos unha idea da necesidade da reforma non tanto estrutural coma conceptual á que se estaba a someter o conxunto.

Tratábase do clásico modelo de Museo do XVIII, configurado coma un Gabinete de Antigüidades, ou neste caso, de “curiosidades artificiais”. Por suposto, este tipo de gabinetes, cerne dos Museos actuais, está moi ligado ao pasado colonialista das grandes potencias invasoras, e a exhibición dos obxectos das culturas colonizadas tiñan como un dos principais obxectivos amosar o seu salvaxismo, xustificando deste xeito o “proceso civilizador” levado a cabo pola metrópole.

Vista xeral do Museo de Antropoloxía de Cambridge

Vista xeral do Museo de Antropoloxía de Cambridge

Dende o punto de vista científico, ou protocientífico, non interesaba a Cultura ou a análise do obxecto dende un punto de vista cultural,senón unicamente o Obxecto.

Dende un punto de vista histórico, este tipo de gabinetes, foron adquiridos polos primeiros Museos, conformando a columna vertebral dos seus fondos. Os gabinetes, e primeiros Museos, son pois, consecuencia directa do colonialismo, non só os de Antropoloxía, senón tamén os de Historia Natural, coas súas especies exóticas disecadas ou os de Arqueoloxía, non hai máis que pensar na cantidade de pezas exipcias, gregas ou mesopotámicas que poboan os museos das grandes cidades europeas.

Actualmente tras o proceso descolonizador, e acadar os países sometidos á súa soberanía, estase a dar un proceso no que reclaman, lexitimamente, o que lles foi espoliado. Este feito dá lugar a episodios delirantes coma o do “Negro de Bañolas”. Trátase dun bosquimano disecado, exhibido ate o ano 2000 no Museo Darder, en Bañolas. O feito de expoñer “pezas humanas”, faime pensar no Planeta dos simios, na clásica. No 2007, foi devolto, previa reclamación, a Botsuana, onde foi recibido e enterrado con honores de Heroe Nacional. Iso si, os ollos, pelo e xenitais quedaron en Madrid.

Volvendo ao Museo de Antropoloxía de Cambridge, é un “horror vacuii” de vitrinas de madeiras nobres ateigadas de pezas orixinarias de diversos gabinetes. Cando menos, o discurso actual do museo, explica a orixe dos diversos gabinetes que configuran a mostra así como as aventuras e desventuras dos coleccionistas, musealizando deste xeito un plantexamento museístico superado.

Asemade, na planta superior,había unha exposición moi posmoderna, co corpo humano como fío condutor onde se exhibían dende furnas funerarias protohistóricas ate primitivos brazos ortopédicos. Todo dun xeito coherente pero sen excesiva rixidez. Ademais fomos quen de botar un ollo ás adaptacións didácticas e tiñan moi boa pinta

Saíndo, pensamos, que cando menos, agardando pola reforma na que xa estaba inmerso o arqueolóxico, souberon neste museo, con imaxinación, dotar de nova vida a un tipo de museo obsoleto. Museos musealizados. As musas disecadas. Por desgraza, o que temos nós en Galicza, son directores de Museo musealizaos.

O altar de Pérgamo en Berlín. Tutankamón en Inglaterra. A Pedra Roseta cabalgando polos Museos. Ollos e xenitais dun bosquimano, perdidos no caixón dun museo. Toda unha metáfora da castración imperialista.

Na próxima entrega visitaremos outras pequenas vilas inglesas, continuando co noso ánimo de divulgar e reflexionar sobre Patrimonio. Os nosos bois, pola esquerda, conducirannos cara o Sur do país, por onde propoñeremos un pequeno roteiro, dun par de días, moi interesante.

Por certo que a Cambridge chégase moi ben e resulta un destino de fin de semana tan realizábel como achegarnos á Fonsagrada. Ryanair comunica Lavacolla con Stansted e dende este aeroporto, nunha hora escasa de tren estamos fronte ó Trinity College. Por unhas cincuenta libras temos cama e almorzo (inglés),así que xa sabedes… ollo ás ofertas.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: