Artigo publicado no Lecer do Galicia Hoxe do pasado domingo.
O noso traballo actual, ao nutritivo, refírome, consiste en clasificar fotos. Traballamos nun arquivo gráfico, onde temos que describir fotografías,para metelas nunha base de datos, polo que debemos tratar de identificar o máximo posíbel do que aparece na imaxe.
Normalmente, trátase dun traballo moi monocorde, con series de fotos moi semellantes entre si, mais no que de cando en vez, se coan arpexios de semitóns que poñen un pouco de cromatismo na rutina.
Trátase desas fotos nas que hai que pararse un pouco. Desas imaxes que representan, por exemplo, un canzorro dunha pequena igrexa rural que tratamos de identificar, coma se dun xogo se tratase, empregando os libros ou a Rede. Por suposto, a Rede é unha ferramenta esencial para unha primeira identificación.
Nunha desas tediosas mañás estabamos cando apareceu unha desas fotos que aledan a semana. O que se representaba era o que aparece na imaxe que ilustra este artigo, malia non ser a mesma foto. Nun primeiro momento semellaba moi doado de atopar. Un cruceiro con baldaquino.
Non o foi tanto. Ao consultarlle ao Google, aparecían os cruceiros cubertos de Baiona e de Noia. O certo é que non son elementos abondosos, e os nosos coñecementos sobre cruceiros son limitados. Só lendo as fichas dos devanditos cruceiros, soubemos que non andabamos na boa pista, o noso era un cruceiro con baldaquino claramente barroco que pouco tiña que facer co estilo medievalizante dos anteriores.

Cruceiro de Xende. Foto de Montserrat Domínguez
Claramente? No estilo si, mais como comprobariamos, na cronoloxía non tanto. Consultamos a Castelao, nas súas Cruces de Pedra na Galiza, a ver que nos contaba. Nestes casos o mellor é acudir primeiro aos clásicos.
Falando dos cruceiros cubertos, e das relacións cos bretóns e os do Levante español, fala Castelao dos devanditos de Baiona e Noia engadindo: “Hai cruceiros cubertos, de modernísima construcción, no Santo Cristo de Xende , en Salceda de Caselas, en Porriño e outros sitios da provincia de Pontevedra” .
Pois algún destes haberá de ser, xa que non consideramos probábel que a Castelao se lle escapase un exemplar cuberto, polo que pouquean no país. Baiona ou Noia sabiamos que non era, mais que quería dicir con “modernísima construcción”? Estrañábanos que se referise neses termos a un cruceiro que levariamos ao XVII ou XVIII a máis tardar.
Comprobamos. Efectivamente, tratábase do Santo Cristo de Xende… feito no 1885.
Sempre se fala das permanencias e as rupturas na Historia ou na Historia da Arte, sobre todo na “arte popular” ou rural. Aquí tiñamos un exemplo case extremo
Para facernos unha idea, no 1885, está a nacer o Modernismo catalán e as obras da primeira arquitectura de ferro xa poboan as capitais europeas, agroma o Art Nouveau, a Secesión vienesa,… Con todo o Neoclasicismo entre medias, aquí seguimos construíndo en Barroco.No eido cultural, o Rexurdimento galego, xa está fraguado, de feito, en 1885, morre Rosalía e o seu home é nomeado Cronista Oficial do Reino de Galicia, cinco anos antes de presidir a Asociación Rexionalista Galega.
Sen dúbida o Barroco é un estilo que callou no noso país. Algúns dos expoñentes máis preciosos do Barroco internacional están en Compostela (o legado de Simón Rodríguez), Pontevedra (Peregrina) ou Lugo (Capela dos Ollos Grandes).
O momento económico para o clero galego, propicia que se constrúa moito ou se remocen templos preexistentes. Asemade, a Contrarreforma, fai precisa unha nova presenza da Igrexa, afianzando os novos Dogmas con novas iconografías. Estas son algunhas das razóns do gran desenvolvemento do Barroco no país. Pero hai outras.
Chegados a este punto, debemos diferenciar dous conceptos, o Barroco coma estilo artístico e o barroco coma “categoría estética”(notade o cambio de maiúscula a minúscula). Tendo isto en conta, dende o punto de vista estético, Galiza é profundamente barroca. Galiza é barroca dende antes da chegada do Barroco.
Hai que pensar nas cabezas castrexas, coa súa tosca expresividade de morte, ou na grande teatralidade dos funerais e loito galegos. No enroscado das danzas de fitas ou espadas ou no sinuoso das nosas congostras. Nas luces e sombras da “Esmorga”. No expresivo do noso Albariño ou no sanguíneo do noso Barrantes.
Ademais o certo é que a un tema coma o da Paixón, o estilo que mellor lle acae, é o Barroco. Preguntádelle a Mel Gibson.
E isto das permanencias éche tamén moi galego, como a consabida máxima da televisión, ou do fútbol “Se algo funciona, non o toques”.
De feito, nestas andabamos pensando o outro día de compras por Compostela cando entramos nunha tenda, cuxo espazo principal estaba reservado á exposición para a venda de Walkmans. Algo moi parecido ao desta permanencia barroca na arte popular, de principio chama a atención, pero logo resulta comprensíbel. Se sabemos manexar as cassettes, e temos a nosa música nese formato, para que cambiar de trebello? Se é o formato que mellor se adecúa ao que queremos expresar, para que cambialo? Todo un símbolo de resistencia, nestes tempos.
O cruceiro en si, ao continuar a indagar, descubrimos que é obra dun santeiro d’A Lama, Manuel Gonzáñez Perdiz, Concello onde tamén se atopa o elemento que nos ocupa. Trátase precisamente dun dos últimos santeiros de formación tradicional, da man do seu pai. Esculpe na tradición que lle ensinan, e o seu referente é, nomeadamente, o que ve, os cruceiros feitos por outros que coñece e dos que saca ideas.
Na súa formación destacan tres fitos. A bagaxe do seu pai, as viaxes polo Norte de Portugal por onde ía tempadas a traballar cando mozo e sobre todo, o cruceiro existente fronte a súa casa natal , en Laxedo, e que tantas veces miraría de neno, cuxas formas están dun xeito ou doutro na súa obra.
Manuel González Perdiz, é un dos últimos santeiros formados dun xeito tradicional nese barroco popular. Se cadra o último. Manuel González Perdiz representa un mundo esmorecente. De formación case gremial, xeracional, itinerante. Paralelamente existe un mundo novo que agroma. Un mundo novo encarnado por outro santeiro, coetáneo e co que chegaría a traballar conxuntamente. José Cerviño García. Co Mestre Cerviño, ábrese a caixa da formación académica dos santeiros.
O cruceiro de Xende, do que ao final case non falamos, é de recomendábel visita. Aló segue, no cemiterio da igrexa, que tamén foi reformada polo Mestre González Perdiz. Agardando que alguén o recupere do esquecemento, no que inxustamente se atopa, fronte a outros cruceiros máis populares.
O estado de conservación é moi bo, salvo en dúas esculturas do baldaquino, cubertas de lique. Ademais, conserva outro elemento curioso que chamará a nosa atención. Por estar cuberto, conserva boa parte da policromía. Acostumados a ver o granito espido nos nosos cruceiros, perdemos de vista que o habitual era pintalos.
Como vemos, este cruceiro do Santo Cristo de Xende, recórdanos moitas cousas. A ver se nos acordamos nós, un bocadiño, del.