Couto do Lobo: Un novo petróglifo que se lle escapaba ao catálogo

Artigo publicado en Galicia Hoxe, o pasado domingo 20-02-2011

Consumidos de Amor

O 14 de febreiro pasado festexouse o San Valentín. Data que dende hai uns anos as grandes áreas acordaron bautizar como Día dos Namorados, no marco dese conxunto de Xornadas do Consumismo que son o Día do Pai ou da Nai.

A crise do capitalismo que estamos a padecer os cidadáns aguza o enxeño. Sen dúbida. Este San Valentín máis que outros anos, se cadra percepción nosa, os comerciantes sacaron a artillería agardando tras o Nadal e a campaña Rebaixas un pequeño descanso na subida da gran montaña de principio de ano.

Cada tipo de comercio no seu o certo é que ninguén perdeu ripio. Pastelerías con larpeiradas especiais. Restaurantes con menús de namorados. Escaparates de librerías ateigadas de vermello e de títulos en plan 1001 citas de amor, uníanse aos clásicos Dillo cunha rosa ou á mítica caixa de bombóns. Merchandising do Amor. Todos querían un anaquiño do pastel de San Valentín.

Os arqueólogos, que non vendemos máis que fume, non tiramos proveito económico do Día dos Namorados. Se cadra incomodidade cun aumento do nivel condoniense, ese estrato superficial de carácter profiláctico que exhiben múltiples xacementos do país tan axeitados para que se craven algo máis que as frechas do Cupido.

Os xornalistas, por suposto, disputan as súas cotas con reportaxes de Namorados. Mentres escribimos soa de fondo dende unha canle estatal unha reportaxe na que se lle pregunta á xente pola rúa polos recordos do seu primeiro amor. Especialistas preguntados din que son lembranzas imborrábeis. Un arrecendo, unha palabra ou calquera cousa así fainos recordar esas sensacións que segundo din, virán con nós ao cadaleito.

Neste artigo desprazámonos a Mondariz e por mor desta reportaxe poñémonos a recordar. Na nosa infancia Mondariz era a casa da tía Elena, unha gran casa tradicional cun amplo terreo inzado de árbores froiteiras e que remata nun río do que nunca soubemos o nome, agora que o pensamos.

Lembranzas

Unha vez ao ano reuniámonos na súa adega toda a familia paterna. Gran familia, artellada por unha ducia de irmáns coas súas esposas e fillos. Agora netos. O fío condutor desta “xantanza” era a tortilla. Cada quen levaba unha tortilla ao seu xeito. Podédesvos imaxinar, unha sala chea de tortillas. Con cebola, sen cebola, con chourizo, con grelos, de cabaciño, paisana, con xamón… incluso algunha con unto. Logo tamén, por suposto, as especialidades familiares herdadas moitas delas da avoa María. As empanadillas da tía Elena. O bandullo da tía Marichu. O Flan da tía Elena. Se cadra, Orellas da miña nai, tan afamadas que nós, os de casa, poucas veces as papamos.

Os nosos recordos de infancia de Mondariz son, logo, os do arrecendo dunha tortilla ao quitarlle o aluminio, ou o dun pouco xamón acabado de cortar, o tremor do flan no prato ou o inicio da manía de quitarlle as pasas a todo o que as leve. Todo peneirado co gorentoso cheiro que chegaba dende fóra a herba fresca, con tintas da froita caída das árbores e un frescor fluvial que era o basso ostinatto desta sinfonía olfactiva.

O tempo pasa, e a nosa visión de Mondariz tamén. Agora xa sabemos que Mondariz non remata no valado da tía Elena. Que Mondariz é un concello peculiar, condicionado polo salutífero das súas augas, aproveitadas dende quen sabe cando. Mondariz é un concello de interior moi aberto ao exterior, acostumado a recibir xente de múltiples procedencias todos os anos. É tamén unha vila de segunda residencia da burguesía viguesa con casas verdadeiramente bonitas, herdeiras da arquitectura do mítico Balneario.

Castro de Mourelle

Mondariz: Mouerelle e Couto do Lobo

Mondariz é por suposto unha vila na que se moven cartos. Isto explica que nun concello de interior coma este e non na Coruña ou Santiago nin Ferrol estea unha particular tenda de moble antigo. La Victoriana. En pleno centro, cun gran almacén ao seu carón e especializada en deseño nórdico e industrial. Paga a pena unha visita malia que só sexa para botar un ollo na exposición, algo semellante a un Museo de Moble Antigo.

Pero ademais Mondariz está situado nunha contorna rica en Patrimonio. Se cadra non máis rica que outras, pero si ben explotado. Á parte do propio Balneario,ou a medieval Ponte da Cernadela, moi perto, xa en Ponteareas, están o Castro de Troña ou o mítico Castelo de Sobroso, a cuxo pé por certo, cómese moi ben, no “Rianxo”.

Troña leva a fama porque foi escavado e consolidado e por ser un posíbel oppidum, na zona lindeira de expansión deste tipo de poboados. Pero o outro día estivemos nun castro do Concello de Mondariz igualmente espectacular, ou máis.

Trátase do Castro de Mourelle, en Gargamala (que non é a muller do malvado dos Pitufos). O castro ocupa unha ampla superficie e conta cun gran sistema defensivo de gran complexidade. Os recintos son múltiples e convértese nun labirinto con abondosos foxos e parapetos que se cruzan e cortan.

De feito, o primeiro recinto, delimitado por foxos, podería ser unha castronela, unha sorte de corpo de garda, avanzado, moi pouco habitual nos castros galegos, se acaso cun paralelismo no Castro de Morgade, en Lugo. No interior do foxo que delimita un dos espazos superiores, cun terraplén duns dez metros, percíbese derrubo dunha muralla pétrea .

O castro cheira a oppidum, relacionado con Troña, pero diremos castro grande por non entrar en polémicas, dominando o curso do Río Xabriña que tributa ao Tea e ligado, seguramente, a actividades mineiras ou ao control das mercadorías resultantes, seguramente xa dende época prerromana.

En calquera caso o poboado tivo ocupación romana como denotan os anacos de tégula atopados en superficie.

Xa case marchando achegámonos a un penedo onde nos agardaba unha derradeira sorpresa. O penedo estaba insculturado con máis dunha decena de coviñas, nunha zona liminar do poboado e orientado ao Sureste.O castro, neste momento está ben rozado nun amplo sector por atoparse na zona de servidume dunha liña de alta tensión, polo que é un bo momento para visitalo.

Laxe de Couto do Lobo

Antes de marchar de Mondariz fomos con Rafael Rodríguez ver unha nova descuberta arqueolóxica en Mondariz. Trátase dun petróglifo que estaba sen catalogar. Bautizado como Couto do Lobo, lugar no que se atopa, Rafa empezou o proceso administrativo para catalogalo a través da Delegación de Cultura.

O arqueólogo pontevedrés atopouno ao facer o seguimento da obra dunha pista que se está facendo na zona. Revisando as laxas perto do camiño atopouna nun lugar no que o camiño vello, predecesor da nova pista, facía unha curiosa curva. Os motivos son cruciformes e semella posíbel que haxa máis na mesma laxe e circundantes, cubertas por maleza e musgo. Facendo unha limpeza da contorna, Mondariz podería valorar, se aparecesen máis insculturas, poñer en valor este elemento do seu patrimonio acabado de descubrir: O petróglifo do Couto do Lobo.

Ao paso que descubrimos a bisbarra bañada polo Tea, atopámonos con que é unha festa do Patrimonio. Unha Tea Party.

Laxe de Couto do Lobo, coas insculturas salientadas con Paint

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: