Artigo publicado no Lecer deste domigo. Grazas a Antonio, Carme, Pelón e Tito, e toda a Xironda
A Xironda é unha parroquia do concello de Cualedro situada a poucos quilómetros da Raia portuguesa. Achegámonos este ano para revisitar os amigos que fixemos o ano pasado. Igual que o ano pasado ficamos na Casa do Cruceiro, onde tan ben nos trataran Carme máis Antonio.
A intención deste ano era a de pasar uns días de lecer. Non tanto ir polos diversos entroidos sudgalaicos, senón máis ben descansar e visitar os múltiples recursos que ten a Xironda e máis a súa contorna. O incríbel Castro de San Millán e o de Saceda,a Peneda da Muller, o neveiro dos Monterrei, ou os antigos fornos comunais. A Xironda é máis que Entroido, é un sitio para visita en calquera momento do ano.
Laza: entre a tradición e a posmodernidade
En calquera caso non puidemos evitar achegarnos a Laza o Luns Borralleiro para que nos picaran co toxo e nos tiraran as formigas. Dende logo, que distancia máis grande entre este Entroido, explotado dun xeito xa masivo, e o Entroido por descubrir que se celebra na Xironda.
En Laza, vai perdendo a tradición á que lle gaña a decadencia. Por suposto, unha decadencia que tamén ten o seu encanto. Na Praza da Picota de Laza, mestúranse grupos dispares. Familias que levan as súas crías a coñecer un Entroido ancestral. Xanciños e Milhomes vindos dende todas as partes da Galiza. Guaperiñas urbanitas que tiran de Iphone para compartir retallos da súa vida, en tempo real. Rapazas acabadas de ser muller que se agarran a bidóns de calimocho que logo volverán á terra, será o Pachamama, acurrucadas nun portal mentres algún rapaz coa faciana volcánica de pus trata de meterlles man.
A Praza da Picota mentres se espera a que baixe a “Morena”, é un fervedoiro de todos estes actores, vixiados de preto polos peliqueiros que non dubidarán en mallar neles se interrompen o camiño. É unha festa moi wilderiana, na que os disfraces e o alcol precipitan os acontecementos. Historias anónimas debaixo das máscaras.
Falta pouco, este ano a Morena atrásase. A Picota ferve en litronas e calimochos que vai de man en man. Agroma a impaciencia. Algunha liorta que tira fariña. Baixa a Morena, ruído, toxos, formigas, máis fariña. Rebumbio.
A Xironda: Un Entroido de carallo
Na Xironda tamén hai festa. O Trío Sevilla anima a velada. Entre canción e canción exhorta a Comisión para que conte con eles o ano que vén. Esperemos que non.
No centro da praza un enorme lume que leva case todo o Entroido aceso ilumina e quenta tanto os que levan moitos entroidos nas costas como aos novicios. Viño, chourizos, panceta e pantrigo, dan forzas para o baile. Cumbia mesturada con muiñeiras sae dos altofalantes da Sevilla.
Os mozos bailan mentres os maiores gozan ao seu xeito, sentados, vendo como bailan os mozos, recordando. Nun recanto, un rapaz faille as beiras a unha moza que xoga a non ter interese. Se cadra o lume as máscaras e a música, fai que agrome ese amor que se foi cociñando paseniño.
Sae a queimada, hai que tirarlle un grolo. Os diversos pasos do ritual do Entroido indican que a súa fin se aproxima. Hai que queimalo. Os rapaces van á praza do lado coller un enorme boneco de palla que fixeran nos días anteriores. Mide máis de tres metros e loce un enorme falo ergueito. Entre todos o levan á praza, fronte ao escenario do Trío Sevilla que por fin recolle.
O grande órgano xa lle foi cercenado e loce na man dun home encaramado ao boneco tumbado que o move no ar iniciando a poxa. As comadres comezan a poxar por ese gran carallote de palla. Ímolo papar todo– berran unhas poxantes. Risas xerais. No momento máis divertido da noite, as mulleres poxan e lánzanse chanzas unhas a outras. Os homes azuzan –Sei que non tés diso na casa, ou? Os pequenos rin, algúns porque entenden, outros contaxiados polo ambiente festivo. Finalmente sae en cincuenta euros.
Cóllese ao boneco e tírase ao lume. Ese lume que alumeou durante todo o Entroido, agora é o responsábel de acabar con el. A palla combuste rápido, fai moito fume.
Aai, Entroidiño! – láianse as máscaras convertidas en plañideiras O entroido marchou coma un ninja, entre unha nube de fume. O Entroido xa foi, ata o ano que vén. Volverase coller a palla.Volverase facer o boneco. O mozo volverá facer as beiras e os máis vellos aledaranse de levar un Entroido máis para o cadaleito.
O ano que vén volverá o Entroido. Onde o pasaremos? Na anónima Laza ou na familiar Xironda? Bebendo calimocho ou viño cosecheiro? As dúas son boas opcións. Depende do que procuremos.
Dende logo, se vamos a Laza, non podemos deixar de ir tomarlle o cabrito ou o cocido a Casa Elena, en Souteliño, a un par de quilómetros.
Do que non podemos deixarde facer na Xironda, falaremos na seguinte entrega.