Un misterioso libro antigo

Penduramos  o artigo que publicamos onte no Galicia Hoxe

Sobre os pubs

Como xa dixemos na nosa anterior andaina pola pérfida Albión, volvemos encantados da nosa viaxe por Inglaterra.

Ademais dos elementos do patrimonio histórico-artístico que visitamos, ou da campiña, esa tupida alfombra de herba que cobre a illa, volvemos fascinados por outra gran mostra da cultura británica: os pubs.

Os pubs ingleses son un territorio liminar, indeterminado, dentro da cosmoloxía inglesa. Un pequeno microcosmos que serve para unir/separar a esfera privada da pública, para transitar da unha á outra.

Os pubs son lugares públicos, de encontro, de conversa, mais teñen tamén un aquel de privado, de fogar. Coa súa luz tenue e tamizada por cristais decorados e a súa decoración a poder de moqueta e de mobles de madeira, acadan un ambiente íntimo, pousado.

Dentro do universo pub hai moitos subtipos. Existen pubs destinados a un público mozo, con música máis ou menos alta e múltiples xogos de taboleiro ou de dardos, mesmo algún con adaptacións de futbolíns. É habitual nestes pubs que algún día de semana organicen xogos colectivos coma os “quiz”, xogos de preguntas e respostas.

Nos últimos tempos veñen de agromar unha serie de pubs, denominados “gastro-pubs”, nos que se lle dá unha volta aos pratos tradicionais de pub coma o peixe con patacas fritidas ou as salchichas con puré, por certo, moito máis saborosos que a fama que lles precede. Estes pubs especialízanse en comidas, ofrecendo unha variedade máis ampla que outros e en moitos casos con toques de “nova cociña”.

Porén, os pubs que máis nos gustaron foron os real Ale pubs. Estes pubs reciben o seu nome dun tipo de cervexa, a Ale, unha cervexa con máis corpo que as habituais lager ou pilsen das nosas terras e cun característico sabor amargo. Nos real Ale pubs, é habitual atopar un bo elenco de billas de cervexa deste tipo cambiando cada certo tempo de marcas ou de especialidades.

Normalmente son cervexas elaboradas en pequenas fábricas case locais dun xeito practicamente artesanal.  Claro que tamén hai grandes marcas que operan a nivel nacional, pero é habitual atopar pubs que só traballen Ales locais.

Billas de Ale no Devonshire Arms

Recoñeceremos un real Ale pub ao entrar pola súa gran ringleira de billas ao carón da barra. Son billas especiais, diferentes ás nosas cun mando que destaca en altura e do que os camareiros turran cara si varias veces ao escanciar unha pinta, pois non é un sistema de presión senón máis ben de bombeo o que libera esta bebida que adoitan servir máis morna ca nós e menos gaseada, evitando a molesta inchazón no bandullo.

Precisamente nun destes real Ale pubs foi onde nos contaron a historia que queremos compartir con vós. Concretamente no Devonshire Arms, en Cambridge, pub especializado na pequena cervexeira local Milton Brewery.

Quedamos alí con Ana Hernández, unha amiga investigadora especializada en Miniaturas medievais que se achegou a vernos dende Londres, onde realizaba a súa estadía de doutoramento.

O misterio

Pedimos unhas pintas de “Augustus”, a Ale que máis nos gustou de toda a viaxe, da Milton Brewery, e sentamos nunha pequena mesa. Puxémonos brevemente ao día e logo Ana dispúxose a contarnos unha historia que xa nos anticipara por mail que nos tiña que contar, que nos ía encantar.

–Eu vou moito pola biblioteca do Warburg Institute, unha biblioteca enorme na que case sempre atopo o que busco…e ás veces o que non busco– dixo como anticipando o que ía contar.

–A bibllioteca está ordenada por temática, non por alfabeto, polo que cando vas coller un libro, os que o rodean están relacionados co que ti queres –púxonos en antecedentes–. Pois ben, fun coller un libro e ao seu carón había outro que me chamou a atención. Collino. Era un libro vello pero bastante ben conservado, con agarimo. As tampas algo soltas pero sen estar rotas. Fun á miña mesa e logo de consultar o que me interesaba, abrín este para ver o que atopaba. O libro abriuse directamente nunha páxina, como se houbese un marcapáxinas, –dixo con misterio–. Pero marcapáxinas non había, había uns papeis.

Nese intre Ana, sabedora de que toda a nosa atención estaba nas súas verbas colleu a pinta e deulle un enorme grolo. Nós fixemos o mesmo, case inconscientemente.
O libro pertencía ao fondo de Adelheid Heimann, investigadora que doara a súa colección de libros á institución–outra pausa dramática– o que había dentro eran cartas dirixidas a ela, de 1940!

Ademais eran cartas entre investigadores, unha de Schapiro e outra de Cook. Schapiro, sobre todo, é un coñecidísimo historiador da Arte, un banzo fundamental na evolución da disciplina. Hai que imaxinar a sorpresa, para unha investigadora que pensaba pasar outra mañá de tedio na biblioteca e que de repente atopa dúas cartas que levaban sesenta anos encapsuladas no tempo.

Claro que non é unha descuberta de primeira orde, pero si que é unha xanela aberta á vida de tres persoas que en tempo de guerra seguen adiante coa súa teima e paixón, se cadra para non pousar os ollos no convulso mundo que lles tocou vivir.
Contrasta unha vida de trincheiras estancadas, de liñas paralelas sen movemento nas que as vidas eran fichas dun xogo de altos mandos, coas destes cosmopolitas investigadores que pensan en postos en fundacións e en visitas a Vezelay e Chartres, intercambiando artigos e opinións. Un mundo académico que por definición se opón ao mundo real.

Na carta de Schapiro, hai a única alusión á Guerra, cando di “Supoño que pasará moito tempo antes de poder visitar Souillac” ou “no tempo que vivimos non haberá demasiado interese” , referíndose a un relevo que chama “relevo de Teophilus”.
Ademais, Schapiro mándalle unha copia dun artigo seu sobre Silos e ponse á súa disposición no que precise.
Na súa carta ,Cook, moi suavemente, dille que é imposíbel obter o posto que ela solicitara no “slide lantern department”, alegando que un tal Guido Schoenberg ten máis méritos e está ligado ao lugar. Asemade recoñécelle que non ve posibilidades de que fagan novos contratos a medio prazo. En calquera caso, recomendouna para o “Index of Christian Art at Princetown” pero tampouco cre que teñan vacantes. Unha investigadora tratando de sobrevivir en tempos difíciles.

Despídese indicando que el non ten os negativos dunhas fotos que ela lle solicitara do Beato do Apocalipse, que debe poñerse en contacto cun tal Vicente Moreno, en Madrid.

Para quen queira consultalas, penduraremos as cartas e unha tradución delas no noso blog deloreandebois.wordpress.com

Advertisements

One response to “Un misterioso libro antigo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

w

Conectando a %s

%d bloggers like this: