Arquivos mensuais: Xuño 2011

De púlpitos e pulpitos

O noso De Lorean lévanos estes días por terras limiás onde estamos a desfrutar duns días de vacacións no Curso de Verán organizado pola Universidade de Vigo co suxerente nome de  “Castros de interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao”.

Onte foron as primeiras ponencias. Xa faremos unha crónica de volta a casa, pero queriamos anticipar algunhas opinións e reflexións.

O Curso abriuno Alfredo González Ruibal. Unha apaixoante conferencia na que falou de conceptos como “economía moral” ou “deep rural”, no contexto da explicación dunhas sociedades castrexas alleas, ou case opostas, ao proceso de diferenciación social a través da cultura material e de concentración de poder a través do proceso de oppidización do NW, e que terían habitado estes castros de interior protagonistas do Curso.

Por suposto, empezando con Alfredo un curso é difícil manter o listón. Achegouse á palestra despois Ángel Villa Valdés, quen sintetizou os progresos da arqueoloxía asturiana nos últimos tempos a través de escavacións coma as de Chao Sanmartín ou Pelón, centrándose en elementos como a evolución das interpretacións das murallas modulares nos castros astures ou das saunas castrexas.

Este último trazo, o das saunas castrexas, foi o máis interesante da súa intervención establecendo unha interesante comparanza entre a angostura dos pasos das pedras formosas, coa dunha vulva parturienta e polo tanto, os posíbeis ritos celebrados nestes espazos con ritos de re-nacemento, ligados á auga e o lume.

Pola tarde, cambio de territorio e ángel Esparza Arroyo explicou os castros do NW zamorano, para deixar paso a Sande Lemos quen se centrou nos de Tras-os-Montes, apuntando interesantes posibilidades da non oppidización  da parte oriental desta rexión, fronte ao seu oppidizado occidente, recurrindo acriterios xeográficos.

As sempre un tanto soporíferas tardes de congreso por mor das opulentas comidas de grupo, tiveron neste caso na seguinte ponente, Bea Comendador o mellor revulsivo posíbel.

Ponencia maxistral, acompañada por Alberto Pungín e Cristina Fernández cunha visión integral sobre o territorio de estudo, a terra das Frieiras.

Sobre os contidos da ponencia xa falaremos máis por extenso, porque non merece unha reseña nun post senón un post enteiro, pero si queriamos apuntar algo a nivel conceptual desta charla, porque hai, cando menos, tres feitos dignos de mención

Dun  congreso de catro días foi a única charla-ou iso semella- na que se lle dá a “oportunidade” de subir á palestra a xente nova, con ganas de facer cousas diferentes, de xente “non consagrada” na linguaxe academicista mais que vén de dar unha lección de conceptos aos popes.

Dun congreso de catro días, só hai tres mulleres invitadas ás palestras, e dúas estaban nesta charla.

Por último, polo espectacular final da ponencia, cun audiovisual de dous minutos, maxistralmente elaborado por Abraham, no que se narra e ilustra un texto en galego do Século XV de toma de posesión do territorio por un señor feudal. Simplemente marabilloso. Agradamos poder enganchalo nun link, cando o suban á Rede para que lle botedes un ollo.

Como podiades supoñer os que nos ledes habitualmente, tanto academicismo, tanto ambiente investigador coas súas leas, xerarquías e historias ás que somos alleos acaban por asoballarnos, polo que hoxe á mañán tivemos que tomar un descanso e non asisitimos ás charlas.

Xinzo en feira, paseo, música de acordeón rumano e interesantes conversas compartindo pulpo e viño. Integración. Supónse que para coñecer o pasado dun territorio deberiamos tratar de integrarnos no seu presente.

Mentres escoitamos conversas de fondo sobre os efectos perniciosos dos sulfatos:

-Xa case non se ven paxaros- dicía un home cun anaco de polbo na boca na mesa do lado.

-Recordas a última vez que viches unha bubela?- contestáballe o outro.

Mentres a realidade da feira de Xinzo sigue, a organización pon autobuses para que os estudantes veñan e vaian a Ourense, non vaia ser que escapen do clima académico

 

Advertisement

A Cociña do Paraíso

Álvaro Cunqueiro é ese gran autor co que eu creo que todos ficamos extasiados ao coñecelo. Se cadra polo seu peculiar universo no que un óso de melocotón pode conter aire de palabras que se fan audíbeis ao crebalo. Se cadra por seren un autor total que escribe en castelán ou galego, teatro, poesía ou prosa, sobre Merlín ou sobre a Venecia quattrocentista, en clave real, máxica ou de realismo máxico.

A ninguén se lle escapa que este ano é o centenario do seu nacemento. Por suposto, non queremos facer unha eséxese, ou moito menos tratar de dicir algo do xenial mindoniense que non estea xa dito, porque é realmente difícil.

Non somos moi de efemérides, mais no caso de D. Álvaro é diferente. Non pola efeméride en si, senón porque á marxe da reedición de parte da súa obra das charlas, concertos ou eventos organizados, é unha escusa para relelo uns e para descubrilo outros. É como eses clásicos que tes en DVD, no andel ao carón da tele e non chegas un día a casa pensando “Ah,pois vou revisitar este filme” pero un día  que o botan na tele e entón si que o ves mentres pensas “Mira que a podería ver calquera outro día…e sen anuncios”.

Cousas que temos os seres humanos, ás veces precisamos dun pequeno empurrón. Con isto é o mesmo. Diciamos “reler ou descubrir”, nós este ano fixemos as dúas cousas. Revisitamos a Miranda de Merlín, o mundo dos menciñeiros e dos feirantes, mais tamén descubrimos unha nova dimensión cunqueiriá a través de “El laberinto habitado”. Trátase dunha “perliña” de libro que recolle os artigos do autor publicados en Destino entre o 1961e o1976. Delicioso, anímovos a todos a botarlle cando menos un ollo.

Imaxe tomada do Galicia Hoxe

Recollendo a idea da efeméride, e de todo o que se podía ter organizado este ano, parece que soubo a pouco, malia que de bos sabores teremos para rato, como imos ver.

Tendo en conta a figura de Cunqueiro, unha figura moi completa e interesante, cabería agardar que as grandes fundacións do país, acudisen como boitres ao reclamo, con exposicións, conferencias, mesas redondas, etc… será que andan máis pendentes da fusión (a nivel fundación e obra social aínda non se fixo) e da bancarización.

O Consello da Cultura Galega, presentou o outro día a súa gran aposta cunqueiriá para este ano. A idea baséase naquel dito de “se queres conquerir o corazón dun home, comeza polo seu estómago”.

Céntranse no trazo de Cunqueiro como gastrónomo, coma o gran gourmet galaico, o procurador de receitas e viños case esquecidas, o eslabón que nos fala de moitas cousas culinarias hoxe perdidas. Mais agora que caemos na conta, realmente este trazo de D. Alvaro é indisolúbel do literario e xornalístico. Cando Cunqueiro fai literatura, introduce imaxes culinarias que fan que o papel arrecenda e cando fai gastronomía, adereza os pratos que presenta coa súa gran pluma. Podemos dicir que é un escritor que escribe con tinta de choco.

Pois o Consello pretende precisamente iso, amosar todos os aspectos de Cunqueiro, enganchando ao público a través do gastronómico. Para iso conta coa axuda de multitude de restauradores que incluirán estes meses na súa carta un menú cunqueirián e quen o pida será agasallado cun libriño, unha escolma de textos gastronómicos, que en verbas do seu autor, Miguel Vila, debe servir para deixar o mel nos beizos, e que o consumidor, queira degustar máis Cunqueiro.

Entre os restauradores que participan nesta iniciativa, está o Chef Rivera, de Padrón quen segundo contaba na presentación deste menú, onde estaba sentado na mesa con xente da cultura do país e máis tamén con Carmen Pardo, leva vinte e cinco anos, ofrecendo no seu restaurante o día 28 de decembro un menú cunquirián de oito pratos, que empeza contra as dúas da tarde e remata pola noite.

Segundo este cociñeiro, experto na gastronomía cunqueiriá, o bo de D. Álvaro é que era un gran papador, é dicir, un tipo que entendía moito de cociña mais non é cociñeiro. Cunqueiro non dá receitas ao xeito tradicional, fala de pratos, de ingredientes, mais non é un Picadillo, non fai recetarios. Este feito dá pé ao cociñeiro para probar, investigar e  adaptar.  Como apuntaba o propio Chef Rivera, Cunqueiro non é só cociña tradicional, tamén presenta elementos que entran nos parámetros da cociña moderna.

Neste sentido contaba a anécdota dunha receita, á da perdiz á brasa. Cunqueiro dicía que se puxera a perdiz nas brasas e ao mesmo tempo se botasen unhas poucas castañas,cando as castañas estivesen, a perdiz estaría lista.

-Calquera sabe que a perdiz precisaría máis cocción, polo menos corenta e cinco minutos- apuntaba o Chef, quen pensaba que sería a típica receita que habería que adaptar. Porén, probou a facelo ao xeito cunqueiriá e estaba perfecta, pouco feita, conservando todo o sabor e cunha textura marabillosa -“Nouvelle Cuisine” cen por cen- dicía o Chef Rivera entre gargalladas.

Hai moitísimos restaurantes que se apuntaron, podedes consultalos  na páxina web do Consello da Cultura Galega, incluso hai moitos na capital do país. Agardemos que o novo Atila acabado de elixir alcaide da cidade que co seu cabalo apurado polo cilicio enganchado na anca está chamado a acabar coa vida cultural da pole -hai que recortar- permita esta iniciativa cultural. Repensándoo, non haberá problema, pois, o da papatoria, e sobre todo, o de beber, gusta moito aos seus acólitos.

Dicía César Cunqueiro o outro día que a literatura de D. Álvaro consegue anular o espazo e o tempo, que por tanto a súa cociña tamén. O prato ideal de Cunqueiro moveríase nun mundo afísico e atemporal.Sería a idealización do padal. A cociña do Paraíso.

A mellor homenaxe que lle podemos facer ao xenial mindoniense no seu centenario é individual. É a de coller un dos seus libros, un bo viño do Condado (ou de calquera outro sitio), poñerse cómodos e a gozar meténdonos no seu labirinto habitado.

 

Artigo publicado no Lecer do pasado 29-05-2011