Arquivos mensuais: Xullo 2011

Galicia Onte

A pasada semana saltaba a nova “O Galicia Hoxe, pecha”. O único xornal plenamente escrito na nosa lingua paraba as rotativas por mor dunha política galeguicida que recorta as subvencións primeiro e as retira despois, ate asfixiar aos medios que as precisan realmente para acabar con eles.

Non cabe dúbida de que a desaparición do Galicia Hoxe é a fin, ou cando menos consecuencia directa dunha estratexia do goberno do país coa pretensión de eliminar “incomodidades”.

O máis curioso, e ferinte, é que outros grandes xornais como La Voz de Galicia, metan contidos na lingua de noso “con calzador” para poder desfrutaren das subvencións namentres os medios que realmente teñen unha intención normalizadora morren desecados pola política da Xunta.

Un país que queda orfo de medios escritos na súa lingua. Unha mágoa. Por suposto, nós non somos analistas nin moito menos xornalistas e non queremos facer neste post de despedida fondas análises da cuestión, unicamente un par de reflexións e amosar o apoio aos compañeiros e aos medios en galego como fará moita xente mañá luns na Praza do Toural.

E sobre todo o que queremos facer é agradecer. Agradecer ao Galicia Hoxe que nos acubillara no seu seo coas nosas modestas colaboracións. Hai dous anos que o De Lorean botouse andar tirado por uns bois. Neste tempo percorremos moitos ondes e candos.

Esta etapa de colaboración no Suplemento Lecer deste xornal foi para nós moi especial, pensamos que nos permitíu evoluír en distintos ámbitos, mais estamos agradecidos sobre todo, porque esto non sería posíbelnoutro medio que non fose o Galicia Hoxe.

Nas nosas prédicas dominicais, como diría o Señor Beiras, nunca se nos puxo ningún tipo de problema en falar o que pensabamos que tiñamos que falar. Do mesmo xeito que cando o sentimos necesario por temas de actualidade, as páxinas da sección de opinión tamén nos foron abertas para trousar por riba de quen houbera que trousar.

No plano humano, tamén queremos agradecer a Caetano Díaz a confianza dende o primeiro día e ás rapazas do Lecer, Vanessa Oliveira, Rosa Rodríguez e sobre todo Rosabel Candal e Marga Tojo que sempre souberon desculpar as nosas tardanzas.

Xa é unha realidade, Galicia Hoxe pechou e con este feito o país dá un novo paso atrás. Volvemos ser a Galicia de Onte

Advertisement

Aterraxe Forzosa

Despois de dous anos de voo no noso De Lorean no Galicia Hoxe, chega o momento de aterrar, de espertar,o máis ben de volver ao eterno letargo do Fogar de Breogán.
Coma o protagonista desta nosa última colaboración no Galicia Hoxe, a fin do voo foi brusca e non buscada, tanto que contabamos coa seguinte entrega para acabar co queriamos contar, como tamén lles pasou a outros colaboradores.

Se na pasada entrega do noso De Lorean, falabamos dun dos grandes xornalistas do país, desta volta serviranos de fío condutor o outro gran xornalista da nosa historia.

Ediciós do Castro editou en 1986, no marco dunha colección chamada “Documentos para a Historia contemporánea de Galicia” un libriño titulado “El Fantasma de Valle-Inclán”. O libro leva o sobre título de “Papeles de Borobó”, o que xa nos dá un indicio do que atopamos nas súas páxinas.

Trátase dunha serie de escritos de Raimundo García Domínguez “Borobó”, agrupados nunha serie de cadernos. O libro é todo un tesouro.

A nivel xornalístico-literario,  é unha lección de como transmitir,de como elaborar un discurso  perfectamente artellado en base a retallos de textos, engarzando con certo suspense un con outro, facendo deste xeito que o lector deveza ao rematar un, comezar co seguinte. É un deses libros que fai que os cigarros fiquen no borralleiro, consumíndose esquecidos, ate non ser máis que cabichas.

A nivel histórico, é un documento imprescindíbel dese cambio de século, do XIX ao XX que é moito máis que un cambio numérico.

É unha maraña de historias tecidas con calma. As historias dos protagonistas deses pequenos cambios que ao final son os causantes dos grandes. Pódese falar dunha obra “histobiográfica”, que supera a mera recompilación de anécdotas, para introducirnos nunha época a través dos seus protagonistas, que en moitos casos non gozaron da repercusión posterior que deberían ficando a súa memoria nestas páxinas, esquecida, agardando a que alguén reviva estas vidas a través da lectura.

O libro configúrase como unha serie de fiestras, neste caso non baldeiras, senón que ateigadas de historias, de vida, de colorismo tratado con sobriedade.Os textos de Borobó móvense pola Compostela troiana das revistas “Café con Gotas” ou “Pero- Grullo”, das tertulias dos que estarían chamados a ser os grandes intelectuais galegos, mais tamén escoa polo Madrid da Xeración do 98, polo Lugo do Círculo das Artes ou polo Pontecesures natal do autor. Murguía, Valle-Inclán, Castelao ou Pimentel  pasean polas súas páxinas acompañados, como comentamos, doutros persoeiros máis esquecidos como o Doutor Otero Acevedo ou o debuxante José Pando.

Nun dos anacos de texto, Borobó cóntanos como “ el pequeño Manolo conectó a un paraguas italiano un molinillo de café que le serviría de motor, y se lanzó con el improvisado artefacto, desde la torreta del palacete(…)Afortunadamente cayó en el regato que pasaba por la Rúa Nova, detrás de la casa.(…)Tuvo más suerte que el herrero de Catoira , el cual se lanzó, hace muchos años desde los molinos de Abalo en eólico aparato de su invención”.

A anécdota recórdanos irremediablemente a unha que escoitamos hai uns anos en Cuntis sobre Xan Paxaro, un líder agrarista que dende a Pena da Aguia, deixouse caer nun trebello voador da súa invención comandado polo seu can.

Entroncan estas aventuras como a do entrañable Caladiño de Sempre Xonxa   coa historia do desexo do home de voar. A fascinación destes intrépidos Ícaros descansa na súa valentía para levar a cabo os soños,malia as consecuencias físicas, o desexo de despegarse dun mundo que os asfixia. De guindarse ao baleiro, de acadar o inacadable. Queda pendente unha historia da pre-aviación en Galicia, recollendo as tribulacións destes visionarios cos seus trebellos dignos dun Verne e que como vemos, en Galiza contan con varios exemplos, e máis que haberá por aí.

Mais quen era este mozo “Da Vinci”?, este “pequeño Manolo” do que nos fala Borobó?  de quen era fillo este neno que como comenta o xenial cesureño percorría día a día nas súas correrías infantís, sen sabelo, o itinerario rosaliano  vestido con “peleles de color crema ,sin más abrigo fuese invierno o verano(…) calzados con sandalias y sin calcetines”?

“Partían de San Lois, bañado por tintas puras;cruzaban A Ponte, que en sol se baña; atravesando O Souto en parda sombra; (…) pasaban por el Pazo de Lestrove, pesada nave que volver ó mar non sabe, para concluír la caminata en el Lar  del Chicho “.

Nesta entrega e seguintes coñeceremos á familia deste “pequeño Manolo”, grandes esquecidos, mais que coas súas peculiares personalidades- non podía ser doutro xeito cun fillo voador- forman parte importante da nosa historia recente.

O pai deste rapaz chamábase Manolito Otero García, mais a forte personalidade do seu pai, avó do pequeño Ícaro, forzou que empregase os dous apelidos paternos polo que era coñecido como Manolito Otero Acevedo.

A desafogada economía familiar de Manolito provocou que puidese estudar unha enxeñería en Zurich, mais tamén o non exercela. A súa familia fixera fortuna en Arxentina polo que alternaba grandes estancias neste país e en Pontecesures.

Manolito Otero era todo un dandi da época, cuxa presenza era percibida polo arrecendo do seu tabaco inglés, tal e como nos conta Borobó. Gran afeccionado á arte foi cualificado por outro xornalista, Xohán Carballeira, como o “millionario artista”

E máis que artista, Manolito Otero foi un gran coleccionista de arte, continuando coa labor do seu pai, Manolo Otero Acevedo, que como veremos na próxima entrega non era arte o único que coleccionaba.

Tiña gran amizade, ademais, cos seus artistas favoritos: o pintor Roberto González del Blanco, o fotógrafo Ksado e o escultor Santiago Bonome. Tanto era así, que o seu coche, un Hispano-Suíza descapotable, lucía, no capó, a xeito de mascarón de proa, un busto de el mesmo tallado por Bonome.

Debía ser todo un espectáculo ver a este home, que chegou a ser cónsul de Arxentina n´A Coruña, viaxando polas precarias estradas galegas dos anos vinte e trinta, entre Pontecesures e a cidade herculina, nun descapotable cun busto de si mesmo e deixando atrás un ronsel do inconfudíbel arume do seu tabaco inglés fumado en pipa de estilo saxón.

Podería este feito, porén, deixar unha imaxe equívoca deste home. De señorito despreocupado ante os demais, de vividor. Nada máis lonxe. Manolito continuou coas avanzadas ideas de seu pai, definidas polos seus coetáneos como “ateo,masón, vexetariano, volteriano, tal vez nudista,y sin duda republicano federal. Espiritista, desde luego,y quizá hablase en esperanto”. Esta información xa nos dá a clave de D.Manuel Otero Acevedo, pai de Manolito Otero, a quen coñeceremos na seguinte entrega.

Volvendo a Manolito, hai que engadir que nin o feito de ser cónsul o salvou da queima no Alzamento e o seu nome estaba nas listas dos emisarios da morte, polo que tivo que fuxir alén mar.

Un valioso documento escrito por Juan Jeremías, alcalde, naqueles tempos, de Pontecesures e titulado “El Filo de la Traición” rememora as nerviosas disquisicións con Manolito Otero nos primeiros días do Alzamento nas que Manolito, ante o mapa de España “deducía por las provincias cuáles de éstas se unirían a los elementos facciosos y los que guardarían las esencias de la lealtad. En pocos casos resultó fallido en parecer más tarde”.