A pasada semana saltaba a nova “O Galicia Hoxe, pecha”. O único xornal plenamente escrito na nosa lingua paraba as rotativas por mor dunha política galeguicida que recorta as subvencións primeiro e as retira despois, ate asfixiar aos medios que as precisan realmente para acabar con eles.
Non cabe dúbida de que a desaparición do Galicia Hoxe é a fin, ou cando menos consecuencia directa dunha estratexia do goberno do país coa pretensión de eliminar “incomodidades”.
O máis curioso, e ferinte, é que outros grandes xornais como La Voz de Galicia, metan contidos na lingua de noso “con calzador” para poder desfrutaren das subvencións namentres os medios que realmente teñen unha intención normalizadora morren desecados pola política da Xunta.
Un país que queda orfo de medios escritos na súa lingua. Unha mágoa. Por suposto, nós non somos analistas nin moito menos xornalistas e non queremos facer neste post de despedida fondas análises da cuestión, unicamente un par de reflexións e amosar o apoio aos compañeiros e aos medios en galego como fará moita xente mañá luns na Praza do Toural.
E sobre todo o que queremos facer é agradecer. Agradecer ao Galicia Hoxe que nos acubillara no seu seo coas nosas modestas colaboracións. Hai dous anos que o De Lorean botouse andar tirado por uns bois. Neste tempo percorremos moitos ondes e candos.
Esta etapa de colaboración no Suplemento Lecer deste xornal foi para nós moi especial, pensamos que nos permitíu evoluír en distintos ámbitos, mais estamos agradecidos sobre todo, porque esto non sería posíbelnoutro medio que non fose o Galicia Hoxe.
Nas nosas prédicas dominicais, como diría o Señor Beiras, nunca se nos puxo ningún tipo de problema en falar o que pensabamos que tiñamos que falar. Do mesmo xeito que cando o sentimos necesario por temas de actualidade, as páxinas da sección de opinión tamén nos foron abertas para trousar por riba de quen houbera que trousar.
No plano humano, tamén queremos agradecer a Caetano Díaz a confianza dende o primeiro día e ás rapazas do Lecer, Vanessa Oliveira, Rosa Rodríguez e sobre todo Rosabel Candal e Marga Tojo que sempre souberon desculpar as nosas tardanzas.
Xa é unha realidade, Galicia Hoxe pechou e con este feito o país dá un novo paso atrás. Volvemos ser a Galicia de Onte
Deixar unha resposta