Máis de seis meses pasaron dende o noso último post. O peche do Galicia Hoxe, rompeunos a rutina da escritura, pero xa dende hai un tempo, andábanos pola cabeza ir ao garaxe e volver encender o noso De Lorean. Estabamos a agardar algún acontecemento especial, e ese acontecemento xa se produciu.
Aínda así, pido desculpas de antemán, pois tememos que nos ocorra un pouco o que lle acontece a Samwell Tarly en Xogo de Tronos, que cando quixo escribir e botou man da tinta, a tinta solidificárase coas baixas temperaturas e tivo que quentala ao lume.
Dito isto, estes primeiros posts servirán para dar calor á nosa tinta e agardemos que o motor do noso De Lorean colla ritmo o antes posible. Quentaremos a nosa tinta ao abeiro das lapas do facho interblogueiro de Bea Comendador
Antes de empezar, outras desculpas. Hai uns días escribiume José Antonio Gil Martínez informándome de que no último post, retomado do Galicia Hoxe e chamado “sobre interiores, San Pedro e Crucifixos” empregara fotos súas, collidas do flickr sen mencionar a súa autoría. Xa está resolto o erro nos pés de foto así como noutra que me sinalou dun post anterior de Santa María de Marzá.
Quero aclarar que foi un erro, propiciado seguramente polas présas, quen siga o blog, notará que sempre referencio a orixe das fotos, así que desculpas, José Antonio
Deixar unha resposta