Arquivos mensuais: Febreiro 2012

A Santísima Trinidade

O pasado 25 de Xaneiro, o noso amigo, compañeiro e mestre Xurxo Ayán defendeu a súa tese.

No Sancta Sanctorum do Coñecemento da Historia galega, o paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia tivo lugar a defensa deste traballo.

Non había lugar máis idóneo que o Templo do Saber para esta intensa defensa de máis de cinco horas dun traballo de máis de dez anos.

No Templo, durante os momentos menos interesantes (que non foron moitos), a miña mente levoume ao dogma da Santísima Trinidade, un dos máis difíciles de entender da relixión católica: Deus é un e trino.

Pois á tese de Xurxo, que non pretende ser  unha verdade revelada, pásalle o mesmo, é unha é trina, e non o digo por facer veladas alusións a que con ela hai quen está que trina.

Trátase dun extenso texto dividido en tres módulos e que como dixeron membros do Tribunal, terían valor por si mesmos, pero compleméntanse. En realidade, fixo tres teses, e se presentase as tres de xeito independente, tería tres ”cum laude”.

A explicación, en parte, de que esta tese sexa tan extensa, ten que ver con que é unha tese moderna na concepción. Non é unha tese académica ao uso, é unha tese vital que se foi elaborando durante dez anos e que ben podería durar dez anos máis, simplemente o autor considerou que cumprira un ciclo e decidiu depositala.

Digo que é unha tese vital porque a tese é Xurxo, e Xurxo é a tese. Durante estes dez anos, Xurxo investigou, pero tamén traballou en campo, leu, riu, viviu, conversou, escribiu, sentiu, amou e odiou, e todo iso reflíctese na súa tese, unha tese bitácora.

Quen coñece a Xurxo, sabe que é capaz de converter o máis mundano en obxecto de estudo, de ver asociacións entre as cousas onde os demais non as vemos, do mesmo xeito que Xavi ve pases onde non os ve ninguén. Conectar, interconectar e hiperconectar.

Da defensa, quedámonos con tres momentos, poderían ser moitos máis, pero por seguir co rollito Trinidade:

  • A aportación de Almudena Hernando, sinxelamente brillante
  • A recomendación de Gonzalo Ruiz Zapatero do blog Homo Orgasmus, acentuando a incapacidade da Universidade para chegar á xente
  • A coda de Felipe Criado aludindo a que nuns anos miraremos para atrás e veremos que esta tese sinalou o camiño que debe tomar a arqueoloxía nun momento no que a Arqueoloxía de Xestión está de retirada.

Isto último é certo, pero non hai que agardar un tempo, pódese palpar xa. Non é que Xurxo teña ínfulas Messi-ánicas pero por seguir coas analoxías culés, pódeselle aplicar o epíteto que Martí Perarnau lle dá a Messi: o asasino de adxectivos.

Como diciamos, a tese de Xurxo é unha e trina, pero o verdadeiro Tres en Un é el, no sentido de líquido empregado para engraxar, desatascar os engranaxes da Academia e a Arqueoloxía galega.

Advertisement