Arquivo da categoría: A Décima Onda

Retallos de vida

Polo traballo que facemos ultimamente, un traballo nos lúgubres arquivos municipais, ás veces sentímonos un pouco como osos en letargo. Ou máis ben como aquela toupa da fábula cantada de Javier Krahe, que un día se decidiu a subir á superficie,tendo que baixar ao momento cegado pola luz do cuarto menguante.A situación é lóxica, despois dos luminosos días na escavación da Lanzada do verán pasado, é moito contraste pasar a ser un habitante das necesarias cavernas do papel.

Pero o outro día, ao saír dun escuro arquivo, démonos de conta de que a primavera chegara, de que os campos xa se vestían do amarelo das chorimas e das xestas e os coches da clásica capa de po do pole dos piñeiros. En vez de volver á terra como o topo de Krahe decidímonos a rememorar os días lanzadeiros achegándonos ate Ribadumia, onde se está a levar a cabo a segunda parte das escavacións vinculadas ao Proxecto Pousadas do Salnés da Deputación de Pontevedra en colaboración co LaPa.

Dende hai aproximadamente dous meses, están a realizarse escavacións no Monte do Castro na parroquia de Besomaño deste concello salnesián. O formato é o mesmo que na Lanzada. Paixón, arqueoloxía e divulgación. Un proxecto de arqueoloxía social da Décima Onda guiado outra volta por Rafa, Roberto, Cristina e Vicky, a Moura das Tesouras e unha Brigada nº 6 que xa non é aquela amálgama de xente que chegou para formarse en arqueoloxía senón escavadores formados, autónomos que saben moi ben o que fan e por que o fan. Neste sentido, hai que considerar o obxectivo formador do Proxecto Pousadas coma un éxito.

Como diciamos, dous meses de escavación xa foron consumidos, polo que xa podemos ir tirando algunha conclusión do que foron atopando os compañeiros.

A priori, o castro de Besomaño está moi alterado por traballos de cantería de principios do século XX , o que causou un notable impacto no xacemento.Buscouse a zona menos afectada e formuláronse tres sondaxes. Pouco a pouco fóronse ampliando en función das necesidades e a día de hoxe, cada unha delas é unha xanela que se abre a tres ámbitos diversos da vida castrexa.

Coma nun filme de linguaxe contemporánea, o visitante a Besomaño contempla a vida, neste caso da cultura castrexa, a través de tres retallos que se complementan. Por suposto, as elipses argumentais aínda son moitas, pero polo menos imos tendo certezas de como era a vida no Monte do Castro.

No primeiro lenzo deste tríptico vemos o xa case canónico recinto doméstico castrexo, artellado en torno a unha cabana circular coa súa lareira e furado de poste con calzos. Ao redor desta cabana, outra serie de estruturas anexas, de planta máis ben oblonga, seguramente cortes ou almacéns, vinculadas a esa vida familiar, “privada”.

No segundo acto da obra ten lugar unha escena da vida dos artesáns de Besomaño. Neste sector apareceu unha cabana oblonga. A cabana, en forma e paramentos, moi parecida ás do sector anterior pero ben distinta en usos.

No interior desta choupana, apareceu unha pequena estrutura.Trátase dunha estrutura circular e adosada a un dos muros. Ao escavala apareceron signos de combustión, polo que parecía claro que se trataba dun forno, pero de que tipo? Un forno cerámico? Un forno de pan?

Un par de achádegos paracen solucionar a cuestión. No transcurso da escavación do forno apareceron dous moldes, un en pedra e outro en barro. Asemade apareceron materiais de desfeita de fundición de bronce, polo que a interpretación que manexan os arqueólogos é que se trate dun obradoiro metalúrxico.

Vista dun sector da escavación con varios espazos artellados en torno a uns chanzos

O último capítulo ofrécenos un fresco doutro dos trazos da vida económica deste poboado. Neste sector aparecen unha serie de estancias, anexas unhas ás outras cun eixe vertebrador claro. Trátase dunha pequena escalinata de tres chanzos que comunica os diversos espazos. Asemade, todos os espazos semellan estar delimitados por un muro que aínda non foi totalmente escavado. Aquí xa aparecen diferenzas co resto de sectores, pois a tendencia destes muros é máis rectilínea que a dos outros malia que finalmente acaban en curva.

Tamén os materiais atopados son diferentes xa que mentres nos outros sectores eran nomeadamente indíxenas, aquí sobrancean os materiais de importación, sobre todo as ánforas de orixe romano, tipo Dressel 1 e a omnipresente Haltern 70. Pero sobre todo é un achádego concreto o que nos dá pistas sobre o uso destes espazos. Trátase dunha peza en pedra que representa unha cola de cabalo e que se usaría, imbricado na parede, como amarradoiro para o gando.

Estes espazos serían, pois, cortes e edificios de almacenaxe pero xa dun xeito diferente dos que viamos anexos á vivenda no primeiro sector. Será por un cambio na sociedade, respondendo a momentos ditintos? Será porque teñen un carácter máis comunitario/público? Ou ao contrario, pertencerían a unha elite ou a algún membro desa elite? Só podemos agradar unha ampliación das escavacións para responder estas cuestións.

Unha vez vistas as estruturas quedan por ver os materiais, que tanta información achegan, sobre todo cun experto ceramólogo como Rafa na equipa.

Atopáronse uns 4.000 anacos de cerámica, moitísimos para o sector escavado, dos que a maioría son indíxenas e lisos, sen ningún tipo de decoración, malia que tamén hai materiais importados como as ánforas vistas ou indíxenas decorados como as rituais xerras tipo Toralla.

Como a peza estrela que hai en toda escavación debemos falar dun agarre de asa decorado dunha sítula de bronce. As sítulas son un tipo de caldeiro metálico empregados en contextos rituais e o seu achado non é frecuente no noso país.

Os materiais falan claramente dunha cronoloxía para este xacemento que abrangue dende o século II a.n.e. ao I da nosa era malia que seguramente haxa unha ocupación anterior que se albisca na existenza duns silos para gran escavados no xabre e que xa foran amortizados no momento de construción do sector das cortes  así como nun anaco de cerámica do Ferro I. Haberá que agradar futuras escavacións para esclarecer este punto.

Por outra banda, a Décima Onda xa comezou a súa campaña de divulgación cunha charla o pasado martes na Casa da Cultura de Ribadumia e que se supón a primeira dunha serie delas sobre a cultura castrexa no ámbito do Salnés e as Rías Baixas e que aínda non teñen data. En calquera caso, os interesados poderán informarse no blog da escavación alanzada.wordpress.

Asemade, pódense realizar visitas guiadas ao xacemento en proceso de escavación. Hai visitas para público xeral os próximos martes 19 e 26 de abril ás dez da mañá. De calquera xeito, para concertar visitas de grupo pódese chamar ao 600940133. Agardamos saír da topeira e seguir informando dos resultados deste interesante proxecto.

Advertisement

Baixo da Terra (Termarum)

Artigo publicado no Lecer do día 07 de Febreiro de 2010. Co pasar dos anos, o proxecto de Castrolandín segue a ser exemplo da xestión do Patrimonio por parte da comunidade local. Os Amigos dos Castros logo de petar en moitas portas institucionais, obtendo largas e negativas, acadaron levar a cabo o proxecto. Este proxecto vén demostrar como para a arqueoloxía institucional, este tipo de asocicións son consideradas un estorbo ao contrario que noutros lugares do mundo. O maior mérito é o de amosar como pode agromar un proxecto fresco xurdido dende a base.

Cuntis, un manancial de patrimonio

Mámoas, petróglifos, arquitectura eclesiástica e señorial, augas termais e por suposto, un castro moi especial é o que nos agarda en Cuntis, concello pontevedrés que visitamos esta semana a bordo do noso De Lorean.

Efectivamente, Cuntis conta con abondoso patrimonio prehistórico (tamén histórico e artístico) que xustifica a nosa visita, pero máis aló da cantidade nos interesa a calidade, xa que o xacemento de Castrolandín, á marxe dos bos resultados colleitados nas súas escavacións, resulta paradigmático pola súa xestión e posta en valor.

Comezando polo principio, na sede da Fundación Terra Termarum, xunto a Biblioteca Municipal, recomendárannos distintas visitas. Deste xeito se o que nos interesa son as mámoas, indicarannos como chegar até o Campo das Tombas en Arcos de Furcos ou ó Petouto dos Mouros na parroquia de Troáns. Se o que queremos é ver gravuras milenarias, a cantidade de pedras insculturadas deste concello é enorme, distinguíndose até cinco áreas de petróglifos: A Ran, Cequeril, Laxos-Cardecide, Arcos de Furcos e Xinzo.

Mais como apuntabamos, non podemos pasar por Cuntis sen visitar Castrolandín. Moitos son os aspectos que fan deste xacemento un dos máis especiais do noso territorio. En primeiro lugar, o trazo máis subxectivo vén dado por ter sido xunto ó de Neixón o lugar onde o noso De Lorean comezou a súa andaina mediante colaboracións voluntarias nos veráns de 2005 e 2006, grazas a unha equipa de profesionais dirixida por Carlos Otero que coa súa paciencia e atención levou os pasos de varios estudantes cara ao mundo da Arqueoloxía.

Terra Termarum. A Fundación

Deixando de lado os recordos persoais, inevitábeis ó escribir sobre este xacemento, cómpre sinalar o que converte a xestión de Castrolandín en modélica.

Pois se Castrolandín chegou a escavarse e converterse nun referente tanto a nivel científico como de visitas, foi grazas á iniciativa da comunidade local que a través da Asociación de Amigos dos Castros primeiro, e da Fundación Terra Termarum despois, foi a verdadeira artífice da recuperación do xacemento.

Os primeiros froitos agromaron cando en 2001, tras anos de traballo, a Asociación recuperou o San Xoán Castrexo cuxa tradición se perdera na longa noite de pedra.

Cacharela do San Xoán de Castrolandin

Esta celebración do solsticio de verán, ten como escenario a croa do castro iluminada cunha gran cacharela central e múltiples fachos de piñas en lampas que arrodean o perímetro.

Como sinala Ayán(Pasado e Futuro de Castrolandín.2002  PDF) , son tres os elementos simbólicos que destacan nesta festa: o ritual propiciatorio/purificador como en todas as cacharelas de San Xoán, a procura da fertilidade por parte das mulleres en idade que chimpan as lampas e a autoafirmación da aldea fronte á outras veciñas mediante a celebración nun outeiro da festa facéndoa visíbel dende moitos puntos da bisbarra.

Unha vez acadado este obxectivo e xa constituída a Fundación Terra Termarum, presidida por D. Olimpio Arca e integrada pola devandita Asociación, a Comunidade de Montes de Castrolandín, o concello de Cuntis e dúas empresas, Engasa e mais a propietaria do balneario Termas de Cuntis empezaron a traballar a prol da recuperación do lugar.

En colaboración co LaPa (CSIC) elaborouse un plan director que foi patrocinado con fondos Leader, posibilitándose as primeiras sondaxes arqueolóxicas que deron paso a sucesivas campañas de escavación en 2004.

Máis adiante, en 2007 configurouse un campo de traballo e artellouse un proxecto ocupacional no que ocupantes do centro penitenciario da Lama colaboraban nos traballos de escavación.

Castrolandín, un castro para visitar

O terceiro aspecto que incide sobre a personalidade de Castrolandín é o xeito en que os achados foron xestionados, potenciándose dende un primeiro momento a divulgación das resultas dos traballos.

Castrolandín ofrécelle ó visitante unha rápida e clara vista xeral sobre o fenómeno castrexo, polo seu tamaño, moi abarcábel e polos múltiples tipos de estruturas arquitectónicas existentes, identificándose diferentes tipoloxías de unidades domésticas, edificios comunais, e unhas defensas –foxo e murallas– que facían de Castrolandín un poboado inexpugnable.

No seu día, entrábase ó castro subindo unhas escaleiras flanqueadas por un torreón que aínda podemos ver hoxe.

Vista dun sector escavado de Castrolandín

Actualmente creouse un Obradoiro de cerámica castrexa que cun traballo de arqueoloxía experimental compilou os pasos e técnicas da elaboración dos cacharros na Idade do Ferro co obxectivo de facer réplicas grazas a unha base de datos das formas.

No obradoiro realízanse fundamentalmente réplicas de pezas exhumadas en Castrolandín, aínda que tamén se fixeron algunhas doutros xacementos. Mediante a elaboración de cursos e materiais didácticos, o obradoiro pretende converterse en referencia no ámbito da elaboración de réplicas arqueolóxicas.

Na sede da Fundación Terra Termarum podemos ver e adquirir estas pezas para quen queira levarse un orixinal recordo da súa visita a Castrolandín.

Esta experiencia fálanos da importancia da olería nestas sociedades prehistóricas como medio de satisfacer as distintas necesidades que xorden no seu seo e da enorme cantidade de información que os arqueólogos poden tirar dun pequeno anaco de barro.

Mais esta importancia da olería non é só propia das sociedades prehistóricas. Se atendemos á sociedade tradicional galega, vemos tamén como estas entendían en gran medida a súa adaptación ó medio a través das manufacturas do barro.

Por este motivo, nas seguintes xeiras, os nosos bois carretárannos polos principais centros oleiros do país intentando comprender o seu pasado, presente e futuro.

Para este traballo colarémonos nos talleres de diferentes oleiros para comprender o seu traballo e coñecer as distintas perspectivas que teñen para a supervivencia deste ancestral oficio nunha Galiza postmoderna. [1]

Por outra banda trataremos a través da nosa seción de concienciar as autoridades políticas sobre a necesidade da realización dunha feira especializada en olería tradicional en Compostela, a capital pangalaica, para dar a coñecer a autóctonos e visitantes as técnicas e formas dos distintos centros oleiros.

Deixamos Castrolandín co paso lento dos nosos bois, agardando que o exemplo de xestión do patrimonio por parte dunha comunidade local non caia no esquecemento e que o traballo de xente como Mario Touceda, Fran Ameijeiras, Manuel Vilaverde ou Elena Cerviño sirva para alentar a xente de toda Galiza a realizar empresas similares


[1] Estes artigos xa foron pendurados no blog e podedes consultalos na categoría “olería


Febre de postguerra

Tras un breve peche por vacacións reabrimos o noso De Lorean para todo aquel que queira subirse. Empezamos o ano blogueiro, cun artigo publicado en Galicia Hoxe o 17-07-2009 sobre a febre do volframio. Posteriormente, o proxecto da Décima Onda na Lanzada, foi excelente caldo de cultivo para seguir a indagar sobre esta etapa, nomeadamente grazas á figura de Don Cipriano, excelente informador. Os resultados están a organizarse.

Vista de embarcación con distintivos nazis en Vilagarcía de Arousa. Arquivo Familiar de Jorge García García

Segundo a RAG, o volframio é un metal de cor gris, duro, dúctil e difIcilmente fusible; o seu número atómico é 74 e o símbolo W. Mais como acontece con tódalas verbas, tras o seu significado oficial, agóchanse múltiples conceptos e incluso sentimentos, recordos, vivencias e experiencias.

Se hai un concepto co que podemos relaciona-lo volframio é o de memoria, ou de memoria histórica, tan en voga nestes tempos. Cada vez que os nosos maiores escoitan a palabra volframio os recordos agroman dos seus beizos, recordos dunha Galiza paupérrima inzada de fame, na que o único que abondaba era a carestía. Recordos de camisas azuis e de cruces gammadas, de medo, de Benemérita, de estraperlo. Mais tamén lembranzas de esperanza, da esperanza de que ese tan nomeado progreso chegase á nosa terra.

Mais á fin e ó cabo, tamén lembranzas de infancia, de xuventude, pois os tempos mozos dos nosos avós estiveron marcados por unha Guerra que dividiu España en dous e unha posguerra que coincidiu no tempo con outra guerra que tronzaría o mundo. Mais no Noroeste da Península Ibérica, esa posguerra viuse iluminada polo espellismo do volframio, convertido nun metal estratéxico na II Guerra Mundial xa que era moi cobizado sobre todo para as blindaxes pola súa resistencia á calor.

Os ricos chans galegos convertéronse en fontes dos cales extraer este metal como pasara na Antigüidade co estaño, mineral ó que adoita aparecer asociado. Deste xeito, as antigas minas de casiterita convertéronse en plantas de recolección do cobizado volframio, as máis das veces con man de obra escrava constituída polos presos do bando derrotado.

Os investigadores Leonardo González, da empresa Alicerce, e Xurxo Ayán, do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe do CSIC ,veñen de presentar ante a prensa o seu proxecto de I+D+i sobre a febre do volframio que se deu en Galiza, centrándose no exemplo do Barbanza e que durará até o 2011. Este proxecto resulta orixinal e adiantado, pioneiro, tanto polo obxecto de estudo como pola súa metodoloxía multidisciplinar conxugando Arqueoloxía, Historia e etnografía.

As labouras dividiranse en dúas fases. A primeira centrarase na sistematización da información documental recollida nos arquivos dos Concellos e do Estado máis examinaranse tamén arquivos londinenses e mesmo de Wáshinton pois non se pode entede-la febre do volframio sen atender ó contexto mundial do momento.

Segundo os investigadores, que xa teñen boa parte do traballo realizado antes do comezo oficial do proxecto, a dificultade de atopar documentos oficiais da época a este respecto é enorme pois hai un baleiro documental dun tema que nunha España na teoría neutral nos asuntos da II Guerra Mundial non interesaba que se airease moito, agora esta investigación abrirá os vellos armarios dos primeiros anos da ditadura para escudriñar que se atopa baixo o cheiro alcanforado, enchendo deste xeito parte dos ocos da nosa Historia máis recente. A súa principal fonte de datos é a entrevista etnográfica e a pesquisa en arquivos persoais e familiares, recursos denostados pola Historia tradicionalista mais dos que tiran enormes sorpresas e datos que non se corresponden coa historia oficial e que en conxunto transcenden o mero anecdotario para formar un corpus documental sobre o que establece-los alicerces deste proxecto.

Na segunda fase é cando entrará en xogo a arqueoloxía, tratando de establecer cronoloxías para as explotacións, estudando o patrimonio construído e os artefactos vencellados á extracción do volframio e mesmo levará, naqueles lugares máis sobranceiros, a realización de sondaxes arqueolóxicas para unha maior aproximación á súa realidade pretérita. Un destes lugares de estudo podería ser o Castelo de Vitres no que hai indicios de que había un punto de control nazi dominando e controlando o tráfego do volframio pola Ría de Arousa, aproveitando a posición estratéxica.

Mulleres lavando volframio en Vilagarcía en 1943. Tomada de Anosaterra.org

Pois a historia do volframio é de espionaxe e contraespionaxe, de segredos, de rivais, de ideoloxías agochadas no medio dunha situación tensa na que os ingleses chegaban a pagar grandes cantidades ós mercantes para que estes afundisen o seu cargamento na saída das rías evitando así que chegasen a mans alemás.

O nacemento deste ambizoso proxecto está ligado á Asociación Fallado II e á organización dun Congreso coa Asociación Mineira. O proxecto está orientado a crear un produto turístico documentado poñéndolle ós Concellos da zona en bandexa a explotación turística das rutas e minas do volframio,algo que no Barbanza se sumará a extensa riqueza do seu patrimonio arqueolóxico.

A un nivel máis científico trátase de amosar a través dun proxecto transversal e multidisciplinar o impacto dunha ínsula de sete anos de modernidade nunha sociedade tradicional na que un pescador que utilizaba ancestrais artes de pesca podía ollar como pasaba ó seu carón un xigantesco submarino nazi ou como unha muller podía estar sachando na leira ó lado dunha complexa e moderna construción ligada á explotación do volframio mentres un home se mergullaba na procura de centolas protexido con gafas de aviación inglesas.

Os investigadores salientan a importancia da muller na cadea produtiva do volframio así como de presos republicanos e o feito de que as fortunas derivadas do volframio quedasen en moi poucas mans.  Isto foi así, xa que malia haber quen fochanqueaba no chan ó máis puro estilo do afastado Oeste chegando a cambia-lo volframio polo seu peso en ouro, normalmente, cando achaban algo gastaban os cartos tratando de evadirse da situación de posguerra ó carón dun viño ou dunha cabareteira.

A viaxe do noso De Lorean, desta volta blindado con volframio, foi curto no tempo máis longo no que ás diferenzas sociais e económicas se refire, retratando este pequeno anticipo da penetración da modernidade en terras galaicas. Asemade amósanos os cambios de valor dos materiais segundo as necesidades pois ese cobizado metal que podía valer vidas e era extraído para cobralas, hoxe emprégase en fins máis iluminados como a fabricación dos filamentos das lámpadas que dan luz a unha Galiza que transcendendo a modernidade se mergullou de cheo na posmodernidade.


Investigando aos investigadores

Vista xeral dunha das mesas de relatores

Os pasados 18 e 19 de Novembro, tiveron lugar en Ourense as I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste, organizadas polo Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo

Decidimos acudir co gallo de coñecer un pouco dende dentro ese mundiño investigador, sobre todo tendo en conta que ao tratarse de Novos Investigadores, poderiamos botar un ollo ao que será o futuro do mundo académico galaico.

Antes de nada, queremos agradecer a hospitalidade coa que nos acolleu o comité organizador.

Calquera evento deste tipo, ten, por suposto, unha faciana social. Unha vertente socializadora, na que os diversos investigadores, aproveitan para poñerse ao día con antigos compañeiros de clase ou amigos.

Como se pode sospeitar, nun evento deste tipo, non resulta doado socializar sen ser do mundiño. Debes ter un obxecto de estudo concreto,  ou ser coñecido por ter publicado algunha cousa, malia que haxa tempo que non investigues posto que tamén existen Vellas Glorias entre os novos investigadores.

Ao que nos referimos é que a xente sen un obxecto de estudo concreto, hiperespecializado, non ten moito de que falar nestes cónclaves. Sobre todo se ten unha patente ineptitude social como é noso caso.

Dentro do trazo social hai tamén unha vertente de escaparate. Unha faciana que podemos chamar “política”. Como é lóxico, para un investigador senior, é unha proxección pública importante a “foto” xunto aos novos investigadores. É coma unha foto dun político bicando a un neno. As canas ao carón das espinillas.

Este tipo de eventos dan unha imaxe dinámica, de interese pola renovación, que sempre é de agradecer nas reladas universidades galegas, malia que non sempre teña que corresponderse coa realidade, pois trátase dunha proxección intencionada.

O certo é que a Universidade de Vigo, neste caso no Campus de Ourense, gaña por goleada en dinamismo á Universidade de Santiago, mais continúa a ser unha Universidade, é dicir, unha institución que neste intre debe reflexionar moito sobre a súa existencia.

Como acontece sempre, quen marca a diferenza son os individuos, e a Universidade de Vigo ten a sorte de contar con Bea Comendador, unha rapaza que xa conta coa súa praza de profesora e que está chamada a facer grandes cousas dentro da institución. Só queda agardar que o rodo robotizador universitario non lle pase por enriba modelándoa ou provocándolle hastío, tal e como aconteceu noutros casos, mesmo na USC. Porque no fondo, o sistema investigador universitario é iso. Un sistema de popes e discípulos reproducionista. Un sistema de reprografía. Incluso entre os Novos Investigadores, detectamos certo perigoso conformismo. “Éche o que hai”.

Os relatorios

No referente ás ponencias destacamos, ademais das “Cantareiras de Ardebullo”(Xurxo Ayán e Rafael Rodríguez), e en xeral as da xente do Sarmiento, dúas ponencias sorprendentes pola súa frescura.

Rafael Rodríguez, unha das Cantareiras, durante o seu relatorio

A primeira delas foi a presentación de José Carlos Sastre, da intervención no Castro do Castillón, en Zamora, un xacemento tardorromano moi interesante cunhas sixillatas tardías moi significativas. Recomendamos a visita ao seu blog para coñecer máis do proxecto.

O que cabe destacar, a maiores do científico, é o dinamismo e enerxía deste rapaz que se revelou moi hábil na procura de subvencións ou colaboración de institucións. Basta ver no blog a lista de colaboradores.

A outra “perla” das Xornadas foi a presentación dos resultados das escavacións en San Vítor, no Concello de Parada de Sil, moi ben presentados por Eduardo-Breogán Nieto e Víctor Muñiz. Se temos ocasión gustaríanos no futuro, falar máis polo miúdo deste sitio xa que certamente paga a pena.

Quen nos lea, saberá que ás veces somos críticos coa xestión arqueolóxica de moitas institucións políticas. O Concello de Parada de Sil vén amosar que non se debe xeneralizar.Este proxecto de San Vítor nace cunha intención clara do Concello de dotar de recursos a unhas rutas de sendeirismo acabadas de artellar. Decídese escavar nun lugar no que presuntamente existiu unha capela ou eremita e hai á vista un par de sartegos rupestres.

Desbrózase, limpáse e escávase. O que aparece é unha necrópole de considerable tamaño e materiais que fan que as especulacións se disparen, mais ate futuras escavacións non se poderán establecer certezas. Moi interesante é o tema de que se atopasen restos óseos cuxa análise axudará a datar estas tumbas que por outro lado quedou claro que foron empregadas en diversos momentos, é dicir, que había restos de máis dun individuo.

O Debate

Este tipo de encontros, debe ser sempre un lugar para o debate e dar pé a que as diversas interpretación se contrapoñan.

Malia que as Xornadas tocaron dende a Idade de Bronce ate a Alta Idade Media, o período máis debatido, foi a Idade de Ferro, a cultura dos castros, a protohistoria galega ou como se queira chamar, xa que as cuestións lingüísticas tamén protagonizaron o debate.

Joao Fonte durante a súa intervención sobre Castro Lezenho

Houbo un gran debate transversal aos diversos relatorios que foi o que confrontou dous modelos contrapostos. Xurxo Ayán e Brais Currás foron quen defenderon cadanseu modelo, a través dos seus propios relatorios e das súas intervencións nos relatorios dos outros colegas.

Facendo un maniqueo dos modelos, podemos dicir que Brais, quen se vincula ao CSIC de Madrid e a escola de Sánchez Palencia, defendía un “modelo inmovilista”.

Este modelo interpretativo, considera a cultura castrexa coma sociedade inmovilista, cuxa “paisaxe está formada pola repetición” do mesmo modelo de asentamento. Sería unha sociedade non xerarquizada, tanto a nivel interno do poboado como dos diferentes castros entre si. Por outra banda implica tamén que os cambios veñen dados por procesos esóxenos, nomeadamente romanos.

Xurxo Ayán, quen como dixo Bea Comendador non precisa presentación ,malia que cabe recordar a súa vinculación ao LaPa e á escola de Felipe Criado, argumenta pola contra que os castros non son uniformes, e por exemplo en Neixón temos unha boa mostra, un recinto sen casas, con foxas inzadas de cultura material fragmentada. Outro dos puntos que defende este modelo é a existencia dunha xerarquía entre xacementos dende antes da invasión romana, como se deduce da reescavación de Briteiros (exposición de Gonçalo Cruz, da Fundaçao Martins Sarmento), e dunhas elites dentro do propio poboado que semellan ser capaces de asimilar uns produtos “diferenciadores”, “de luxo” chegados dende o mundo púnico.

O debate foi cortado por Brais cun ”pertencemos a escolas diferentes, nunca estaremos de acordo”, o cal é unha perspectiva errónea, e que levada ao extremo, levaría a anulación de calquera contraposición de opinións ou teses, o cal vai incluso contra o método científico.

Como se pode deducir, nós temos opinión ao respecto. Cremos que o modelo inmovilista é propiciado polo inmovilismo académico, que vai a congresos deste tipo coas orelleiras, aferrados á verdade e ignorando o que non encaixa no seu modelo,. Non cremos, a diferenza deles nas verdades absolutas, mais hai unha nova serie de datos que temos que integrar nos modelos dun xeito ou doutro. Non podemos manter modelos de hai dez ou vinte anos porque temos moitos máis datos.

Hai que traballar con hipóteses mais esas hipóteses non deben ser cárceres para o investigador, porque logo, aparece unha factoría de procesado de peixe en Lanzada, datada por radiocarbono no século II e non sabemos que facer con ela.

A noso opinión é, de seguro, menos documentada que a de moita outra xente, polo que aquí non queremos sentar cátedra senón tratar de continuar o debate iniciado nas Xornadas, polo que agardamos que no noso blog, a xente se anime a opinar e comentar.

Un dos puntos fortes destes encontros foi que deveron nun encontro transfronteirizo dun xeito natural. Non foi necesario facer unhas xornadas temáticas transfronteirizas o cal é un paso na normalización das conversas alén dos limes administrativos.

As ponencias, foron expostas en castelán, portugués ou galego segundo a procedencia dos investigadores sen que existise ningún problema de comunicación, o que vén amosar tamén o absurdo dalgúns argumentos políticos no tema do plurilingüismo. O primeiro é querer entenderse.


Andainas polo Mar de Compostela III. O Neixón

Posteamos nesta ocasión o terceiro artigo do De Lorean. Quen seguise a sección no Galicia Hoxe, saberá que non foi a única vez que falamos deste xacemento. Somos teimudos, Neixón foi unha experiencia espectacular e, por desgraza, excepcional na arqueoloxía galega. Foi o berce da Décima Onda que este verán escavou na Lanzada e cuxa intervención seguimos semanalmente no De Lorean.

Moito cambiou dende este artigo en Neixón, e para mal. Relendo o artigo, o certo é que a reflexión sobre a divulgación en arqueoloxía está en plena vixencia logo do Arqueogate de Punta Langosteira.

Orixinalmente o artogo foi publicado no Galicia Hoxe 0 30-05-2009. O orixinal aquí

Obras de ampliación do Centro Arqueolóxico de Neixón, ao carón do castro e que deveu na destrución dun foxo. Actualmente a obra está parada por falta de cartos

De Res Arqueolóxica

A arqueoloxía, como ciencia que é, é susceptible de ser abordada dende distintos enfoques ou perspectivas. Máis aló de tendencias coma o procesualismo, o estruturalismo, o postprocesualismo… cada proxecto arqueolóxico depende en gran medida da perspectiva que teña cada director non só da arqueoloxía, senón tamén da sociedade e mesmo da vida.

Deste xeito, podemos atopar moi diversas “filosofías” en distintos proxectos que se realizan actualmente en Galiza. Deixando a un lado as intervencións de urxencia, temos unha serie de especialistas apoltronados nas súas vellas cátedras reladas pola couza, pedestais que os elevan por riba dos seus colegas e que ven a arqueoloxía coma un patrimonio persoal; non teñen necesidade de dar explicacións, de publicar, pois a información que sacan da terra perténcelles, é un saber-poder celosamente gardado nos departamentos, a sociedade debe manterse á marxe da arqueoloxía e viceversa, teñen arrepíos fronte a palabra divulgación e mesmo nas súas clases non tratan de formar arqueólogos, senón admiradores. Dan a menor información posíbel por medo a que alguén poida saber tanto coma eles sobre un tema concreto. Estes son os actores que provocan rexeitamento na sociedade pola laboura arqueolóxica.

Afortunadamente, no envés da moeda, existen profesionais apaixonados que levan a práctica arqueolóxica até as súas últimas consecuencias; que levan a cabo proxectos sociais, integradores, sen exclusións. A súa máxima é a de reverter na sociedade os cartos que esta inverte nos proxectos en forma de Coñecemento, de publicacións, de conferencias, de visitas… Desgraciadamente, este tipo de profesionais non encaixan no seo da Universidade, e a maior parte das veces pouco inflúen na formación de futuros arqueólogos.

Existen xacementos que exemplifican en boa medida este xeito de face-las cousas coma poden ser Castrolandín ou O Neixón, no que nesta semana recala o noso peculiar De Lorean despois de atravesa-las corredoiras do Barbanza.

Reconstrución 3D da punta de Neixón feita por Pastor Fábrega

O Neixón

O Neixón é un lugar especial, é unha lingua de terra que se mete no mar de Boiro, é unha punta na que se sitúa un xacemento que pola súa xestión é exemplar, pero o Neixón é algo máis que un contorno físico.

O Neixón como xacemento confórmano o Castro Pequeno, situado máis na punta, e o Castro Grande, ao seu carón; mais Neixón é tamén un fío condutor que nos fala da historiografía do noso país xa que se estudou dende épocas moi temperás até a última campaña do verán do 2008. Aínda que os traballos non foron continuos si quedan nel representados os estadíos e os persoeiros máis sobranceiros da arqueoloxía galega: Cuevillas, Ayán, Bouza Brey ou Acuña.

Trátase dun xacemento que nunca deixou de estar vivo.  As distintas interpretacións que del se fixeron coma fito paisaxístico van dende as lendas, ás romarías coma a que se celebra no lugar cada nove de agosto ou á investigación arqueolóxica.

Moitos foron os achádegos importantes que nos achegou dos que destacamos os dous anacos de arybbalos; un deles achado na cascalleira durante os traballos de Acuña Castroviejo, hoxe en día desaparecido, e o outro atopado en contexto arqueolóxico nos últimos tempos pola equipa de Xurxo Ayán.

A importancia destes anacos de ungüentario radica en que proban unha temperá relación comercial co mundo púnico. Mais as sorpresas que nos depara a terra son moitas, xa que cando un investigador deu por esgotado o Castro Pequeno, anos despois volveuse escavar nel ofrecendo abundantísima información aínda pendente de publicación.

Cando sinalabamos o Neixón como paradigma de proxecto integrador non era en van. A última etapa de traballos levada a cabo dende 2003 deu lugar a múltiples publicacións, tanto especializadas como máis divulgativas, a conferencias para os habitantes da parroquia de Cespón na que se sitúa, a un importante blog onde  ademias de atopar en descarga as publicacións pódense seguir en tempo real os traballos arqueolóxicos e as novidades relacionadas co Neixón e incluso un documental.

Pero o máis importante, tamén deu lugar a un continuo diálogo dende a igualdade cos veciños que van ó contorno do castro mariscar, apaña-lo pico do piñeiro ou as piñas, ou simplemente a pasear e visitar e que tamén teñen a súa visión, a súa interpretación do xacemento.

Jorge, Xosé e Elena, membros da equipa, traballando en Neixón

A equipa

Debemos sumar ás virtudes do Neixón o feito de que os seus traballos se artellan con base nun campo de traballo internacional no que mozos galegos e foráneos aprenden sobre a cultura castrexa, sobre metodoloxía arqueolóxica, e a respectar e valorar o patrimonio.

A equipa que ven traballando nos últimos tempos neste xacemento boirense é multidisciplinar: arqueólogos, edafólogos, antropólogos, malacólogos… Ademais dos campistas que cada un dende a súa visión aporta novos enfoques.

Sen dúbida, este carácter especial que ten Neixón é reflexo da personalidade da súa equipa que como dixemos non exclúe, aglutina, aceptando calquera visión cos brazos abertos, incluso a de teimudos estudantes que decepcionados coa visión universitaria da arqueoloxía intúen que hai algo máis aló.

É imposíbel entende-lo significado do Neixón sen visita-lo lugar onde ademais do xacemento posto en valor atoparémolo Centro Arqueolóxico do Barbanza.

É tamén recomendábel visita-lo blog: neixon.blogspot.com e consulta-la produción científica que alí atoparemos e para os máis curiosos consulta-la bibliografía que apuntamos.

Bibliografía :

Os Castros de Neixón, Boiro, A Coruña: a recuperación dende a arqueoloxía dun espazo social e patrimonial. Ayán, Xurxo (coord.). Noia. Toxosoutos, 2005

Os Castros de Neixón II, Boiro, A Coruña:de espazo natural a paisaxe cultural. Ayán, Xurxo (coord.). Noia. Toxosoutos,2008.