Arquivo da categoría: Arqueoloxía

De púlpitos e pulpitos

O noso De Lorean lévanos estes días por terras limiás onde estamos a desfrutar duns días de vacacións no Curso de Verán organizado pola Universidade de Vigo co suxerente nome de  “Castros de interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao”.

Onte foron as primeiras ponencias. Xa faremos unha crónica de volta a casa, pero queriamos anticipar algunhas opinións e reflexións.

O Curso abriuno Alfredo González Ruibal. Unha apaixoante conferencia na que falou de conceptos como “economía moral” ou “deep rural”, no contexto da explicación dunhas sociedades castrexas alleas, ou case opostas, ao proceso de diferenciación social a través da cultura material e de concentración de poder a través do proceso de oppidización do NW, e que terían habitado estes castros de interior protagonistas do Curso.

Por suposto, empezando con Alfredo un curso é difícil manter o listón. Achegouse á palestra despois Ángel Villa Valdés, quen sintetizou os progresos da arqueoloxía asturiana nos últimos tempos a través de escavacións coma as de Chao Sanmartín ou Pelón, centrándose en elementos como a evolución das interpretacións das murallas modulares nos castros astures ou das saunas castrexas.

Este último trazo, o das saunas castrexas, foi o máis interesante da súa intervención establecendo unha interesante comparanza entre a angostura dos pasos das pedras formosas, coa dunha vulva parturienta e polo tanto, os posíbeis ritos celebrados nestes espazos con ritos de re-nacemento, ligados á auga e o lume.

Pola tarde, cambio de territorio e ángel Esparza Arroyo explicou os castros do NW zamorano, para deixar paso a Sande Lemos quen se centrou nos de Tras-os-Montes, apuntando interesantes posibilidades da non oppidización  da parte oriental desta rexión, fronte ao seu oppidizado occidente, recurrindo acriterios xeográficos.

As sempre un tanto soporíferas tardes de congreso por mor das opulentas comidas de grupo, tiveron neste caso na seguinte ponente, Bea Comendador o mellor revulsivo posíbel.

Ponencia maxistral, acompañada por Alberto Pungín e Cristina Fernández cunha visión integral sobre o territorio de estudo, a terra das Frieiras.

Sobre os contidos da ponencia xa falaremos máis por extenso, porque non merece unha reseña nun post senón un post enteiro, pero si queriamos apuntar algo a nivel conceptual desta charla, porque hai, cando menos, tres feitos dignos de mención

Dun  congreso de catro días foi a única charla-ou iso semella- na que se lle dá a “oportunidade” de subir á palestra a xente nova, con ganas de facer cousas diferentes, de xente “non consagrada” na linguaxe academicista mais que vén de dar unha lección de conceptos aos popes.

Dun congreso de catro días, só hai tres mulleres invitadas ás palestras, e dúas estaban nesta charla.

Por último, polo espectacular final da ponencia, cun audiovisual de dous minutos, maxistralmente elaborado por Abraham, no que se narra e ilustra un texto en galego do Século XV de toma de posesión do territorio por un señor feudal. Simplemente marabilloso. Agradamos poder enganchalo nun link, cando o suban á Rede para que lle botedes un ollo.

Como podiades supoñer os que nos ledes habitualmente, tanto academicismo, tanto ambiente investigador coas súas leas, xerarquías e historias ás que somos alleos acaban por asoballarnos, polo que hoxe á mañán tivemos que tomar un descanso e non asisitimos ás charlas.

Xinzo en feira, paseo, música de acordeón rumano e interesantes conversas compartindo pulpo e viño. Integración. Supónse que para coñecer o pasado dun territorio deberiamos tratar de integrarnos no seu presente.

Mentres escoitamos conversas de fondo sobre os efectos perniciosos dos sulfatos:

-Xa case non se ven paxaros- dicía un home cun anaco de polbo na boca na mesa do lado.

-Recordas a última vez que viches unha bubela?- contestáballe o outro.

Mentres a realidade da feira de Xinzo sigue, a organización pon autobuses para que os estudantes veñan e vaian a Ourense, non vaia ser que escapen do clima académico

 

Advertisement

Retallos de vida

Polo traballo que facemos ultimamente, un traballo nos lúgubres arquivos municipais, ás veces sentímonos un pouco como osos en letargo. Ou máis ben como aquela toupa da fábula cantada de Javier Krahe, que un día se decidiu a subir á superficie,tendo que baixar ao momento cegado pola luz do cuarto menguante.A situación é lóxica, despois dos luminosos días na escavación da Lanzada do verán pasado, é moito contraste pasar a ser un habitante das necesarias cavernas do papel.

Pero o outro día, ao saír dun escuro arquivo, démonos de conta de que a primavera chegara, de que os campos xa se vestían do amarelo das chorimas e das xestas e os coches da clásica capa de po do pole dos piñeiros. En vez de volver á terra como o topo de Krahe decidímonos a rememorar os días lanzadeiros achegándonos ate Ribadumia, onde se está a levar a cabo a segunda parte das escavacións vinculadas ao Proxecto Pousadas do Salnés da Deputación de Pontevedra en colaboración co LaPa.

Dende hai aproximadamente dous meses, están a realizarse escavacións no Monte do Castro na parroquia de Besomaño deste concello salnesián. O formato é o mesmo que na Lanzada. Paixón, arqueoloxía e divulgación. Un proxecto de arqueoloxía social da Décima Onda guiado outra volta por Rafa, Roberto, Cristina e Vicky, a Moura das Tesouras e unha Brigada nº 6 que xa non é aquela amálgama de xente que chegou para formarse en arqueoloxía senón escavadores formados, autónomos que saben moi ben o que fan e por que o fan. Neste sentido, hai que considerar o obxectivo formador do Proxecto Pousadas coma un éxito.

Como diciamos, dous meses de escavación xa foron consumidos, polo que xa podemos ir tirando algunha conclusión do que foron atopando os compañeiros.

A priori, o castro de Besomaño está moi alterado por traballos de cantería de principios do século XX , o que causou un notable impacto no xacemento.Buscouse a zona menos afectada e formuláronse tres sondaxes. Pouco a pouco fóronse ampliando en función das necesidades e a día de hoxe, cada unha delas é unha xanela que se abre a tres ámbitos diversos da vida castrexa.

Coma nun filme de linguaxe contemporánea, o visitante a Besomaño contempla a vida, neste caso da cultura castrexa, a través de tres retallos que se complementan. Por suposto, as elipses argumentais aínda son moitas, pero polo menos imos tendo certezas de como era a vida no Monte do Castro.

No primeiro lenzo deste tríptico vemos o xa case canónico recinto doméstico castrexo, artellado en torno a unha cabana circular coa súa lareira e furado de poste con calzos. Ao redor desta cabana, outra serie de estruturas anexas, de planta máis ben oblonga, seguramente cortes ou almacéns, vinculadas a esa vida familiar, “privada”.

No segundo acto da obra ten lugar unha escena da vida dos artesáns de Besomaño. Neste sector apareceu unha cabana oblonga. A cabana, en forma e paramentos, moi parecida ás do sector anterior pero ben distinta en usos.

No interior desta choupana, apareceu unha pequena estrutura.Trátase dunha estrutura circular e adosada a un dos muros. Ao escavala apareceron signos de combustión, polo que parecía claro que se trataba dun forno, pero de que tipo? Un forno cerámico? Un forno de pan?

Un par de achádegos paracen solucionar a cuestión. No transcurso da escavación do forno apareceron dous moldes, un en pedra e outro en barro. Asemade apareceron materiais de desfeita de fundición de bronce, polo que a interpretación que manexan os arqueólogos é que se trate dun obradoiro metalúrxico.

Vista dun sector da escavación con varios espazos artellados en torno a uns chanzos

O último capítulo ofrécenos un fresco doutro dos trazos da vida económica deste poboado. Neste sector aparecen unha serie de estancias, anexas unhas ás outras cun eixe vertebrador claro. Trátase dunha pequena escalinata de tres chanzos que comunica os diversos espazos. Asemade, todos os espazos semellan estar delimitados por un muro que aínda non foi totalmente escavado. Aquí xa aparecen diferenzas co resto de sectores, pois a tendencia destes muros é máis rectilínea que a dos outros malia que finalmente acaban en curva.

Tamén os materiais atopados son diferentes xa que mentres nos outros sectores eran nomeadamente indíxenas, aquí sobrancean os materiais de importación, sobre todo as ánforas de orixe romano, tipo Dressel 1 e a omnipresente Haltern 70. Pero sobre todo é un achádego concreto o que nos dá pistas sobre o uso destes espazos. Trátase dunha peza en pedra que representa unha cola de cabalo e que se usaría, imbricado na parede, como amarradoiro para o gando.

Estes espazos serían, pois, cortes e edificios de almacenaxe pero xa dun xeito diferente dos que viamos anexos á vivenda no primeiro sector. Será por un cambio na sociedade, respondendo a momentos ditintos? Será porque teñen un carácter máis comunitario/público? Ou ao contrario, pertencerían a unha elite ou a algún membro desa elite? Só podemos agradar unha ampliación das escavacións para responder estas cuestións.

Unha vez vistas as estruturas quedan por ver os materiais, que tanta información achegan, sobre todo cun experto ceramólogo como Rafa na equipa.

Atopáronse uns 4.000 anacos de cerámica, moitísimos para o sector escavado, dos que a maioría son indíxenas e lisos, sen ningún tipo de decoración, malia que tamén hai materiais importados como as ánforas vistas ou indíxenas decorados como as rituais xerras tipo Toralla.

Como a peza estrela que hai en toda escavación debemos falar dun agarre de asa decorado dunha sítula de bronce. As sítulas son un tipo de caldeiro metálico empregados en contextos rituais e o seu achado non é frecuente no noso país.

Os materiais falan claramente dunha cronoloxía para este xacemento que abrangue dende o século II a.n.e. ao I da nosa era malia que seguramente haxa unha ocupación anterior que se albisca na existenza duns silos para gran escavados no xabre e que xa foran amortizados no momento de construción do sector das cortes  así como nun anaco de cerámica do Ferro I. Haberá que agradar futuras escavacións para esclarecer este punto.

Por outra banda, a Décima Onda xa comezou a súa campaña de divulgación cunha charla o pasado martes na Casa da Cultura de Ribadumia e que se supón a primeira dunha serie delas sobre a cultura castrexa no ámbito do Salnés e as Rías Baixas e que aínda non teñen data. En calquera caso, os interesados poderán informarse no blog da escavación alanzada.wordpress.

Asemade, pódense realizar visitas guiadas ao xacemento en proceso de escavación. Hai visitas para público xeral os próximos martes 19 e 26 de abril ás dez da mañá. De calquera xeito, para concertar visitas de grupo pódese chamar ao 600940133. Agardamos saír da topeira e seguir informando dos resultados deste interesante proxecto.


Ás Beiras do Larouco

Volvendo á Xironda

Na nosa entrega anterior xa falamos da Xironda anticipando que esta parroquia do Concello de Cualedro ten moita máis riqueza a parte do seu Entroido.

O Concello de Cualedro está formado por varios núcleos de poboación, dispersos, sen que haxa un núcleo claramente principal. A casa do Concello está en Cualedro pero ben podía estar na Xironda, que conta con máis habitantes malia verse minguado o seu censo por mor da emigración.

Como conta Antonio “Cabezallo”, -Na Xironda vivía tanta xente que cando había festa na contorna, a esmorga non comenzaba ate que chegasemos nós.-Estivemos falando un rato con Antonio “Cabezallo” ao carón do enorme forno comunal da Xironda dende onde nos fixo unha interpretación da aldea.

Unha das riquezas da Xironda é a súa forte presenza de grandes casa solariegas de pedra,con accesos en patín e as súas diversas dependencias anexas. Casas pensadas para o estilo de vida labrego, mais sobre todo gandeiro, que se levaba a cabo na Xironda.

A este respecto, a Xironda é testemuño vivo da rutura entre a sociedade galega tradicional e a posmoderna. O mundo da “aldea autárquica” fronte ao da “aldea global”.

-Antes todos os traballos eran comunais-contaba Antonio.-Todo o mundo viña ao forno a cocer o pan.-dixo sinalando a porta do edificio- E na Xironda chegou haber máis de sete mil cabras e ovellas, -seguiu- todas formando o mesmo rabaño. Cada un tiña o seu gando marcado, e segundo o número de cabezas que tivese, tocáballe unha cantidade de días ao ano levalas pastar- fixo unha pausa- Facíase a “roda” entre os veciños e así ninguén traballaba máis do necesario.

Logo a xente empezou marchar.-agora falaba con morriña na voz, e pensativo- A Arxentina moitos…a Barcelona algún outro,coma min.

-Ah, vostede estivo fóra?-preguntámoslle, comprendendo a tristura que escomezaba a destilar a súa faciana.

-Que si estiven fóra?, Aínda sigo.Unha vez que fun para aló viñeron os fillos, e logo os netos…e así pasou o tempo. Agora estou aquí polo Entroido. Iso non o perdo

-E onde prefire vivir? En Barcelona ou na Xironda?

-Aaai filliño-agora volvía ter un sorriso retranqueiro- A´miña idade un xa se pregunta onde prefire morrer non onde prefire vivir.

Despedímonos agarimosamente de Antonio “Cabezallo” quen quedaba na porta do forno, mentres retallos das súas lembranzas lle pasaban diante dos ollos.

Paseando pola Xironda comprendimos a tristura deste home. As casas da zona da igrexa e do forno, é dicir, o núcleo tradicional, estaban na súa meirande parte deshabitadas. En bo estado pero deshabitadas. Enormes casa de pedra que con pequenos cambios viviron centos de anos, esquencidas de socate.

Agora a xente vive en casa novas. Sáelles mellor facer casa nova e non arranxar as de pedra. Sen limitacións de espazo, creando novos barrios de expansión que son símbolo dunha sociedade que trocou nun segundo.

 

Unha das casas tradicionais da Xironda

Por suposto,as novas casa non son barbaridades urbanísticas. Son casiñas con outra distribución e feitas con materiais novos. A barbaridade urbanística é a do Concello de Cualedro ou a Deputación de Ourense por non elaborar un Pxom ou Plan director con axudas para conservar estas vivendas tradicionais. Aínda se está a tempo e se xeneraría, reactivando eses espazos, un dos centros urbanos tradicionais máis auténticos do país.

Toda esta bisbarra é unha bisbarra deprimida. A gandería xa non é o que foi, e o agro tampouco. Quen ten sorte, anda medio ano por Galiza adiante, ou por Portugal, facendo obras. É unha zona moi pouco dinamizada.O peor é que podería ser un referente, polo menos a nivel turístico, atendendo aos múltiples valores que ofrece ao visitante.

Os encantos do Larouco

A Xironda está ao pé desa gran serra divinizada polo mundo céltico que é o Larouco. O Larouco, ademais da riqueza paisaxística, tan grande que nin os eólicos a ensombrecen, ten elementos do Patrimonio moi interesantes.

Nos seus altos hai un neveiro que pertenceu aos Monterrei. Trátase dunha estrutura circular, coma un pozo, na que se acubillaba neve para esta familia, mais que segundo contan, tamén era aproveitada polos pastores quen almacenaban os cadavres das cabras que mataban para alimentarse no duro pastoreo da montaña.

Ten asemade covas que denotan este estilo de vida montañés onde se refuxiaban en inverno os pastores.

No Larouco hai tamén un curioso lugar: “A Peneda da Muller”. Trátase dunha caprichosa formación granítica, de grandes elementos verticais que ofrece evocadoras vistas. O nome vénlle porque un dos penedos disque semella a faciana dunha muller.

 

Penedo que semella unha faciana na Peneda da Muller

Nos penedos obsérvanse cazoletas e pías traballadas e outros elementos. Claro que non vamos aventurar que se trata dun santuario pagán, pero hai datos curiosos.

Ten unha conexión visual enorme co Castro de Saceda, o cal dende ese punto, obsérvase en toda a súa dimensión, todo un fito na paisaxe.

Ademais, todos os anos se celebra unha romaría nese exacto lugar á que sube a xente das aldeas das faldras do Larouco. A distancia é enorme e a subida dura. Non imaxinades ata que punto. Pero é máis, no lugar non hai capela nin nada, o único, un altar rupestre feito hai uns poucos anos.

Pero o máis importante, o Larouco é máxico, e aquí pode pasar calquera cousa. A maxia do lugar materialízase en tres altares galaico- romanos, un deles inscrito, que apareceron na súa superficie. Os altares estarían dedicados ao deus Larouco, identificado segundo Rodríguez Colmenero co Xúpiter romano.

San Millao e Saceda: dous castros impresionantes

Xa mencionamos o Castro de Saceda. Preto tamén está o de San Millao. Nas nosas xeiras, temos pateado bastantes castros e non esaxeramos dicindo que son dous dos xacementos máis impresionantes que temos visitado. O máis destacábel é o seu estado de conservación, sobre todo San Millao.

Vendo San Millao, parece que foi escavado e posto en valor. Nada diso. O castro quedou tal e como o deixaron hai dous mil anos. Debeu ocorrer algo parecido ao das casas tradicionais da Xironda. Nun momento dado, as necesidades da xente cambiaron de socate e as casas foron abandonadas.

Non é que se vexan os derrubos, é que as murallas levantan dous metros ou máis, e moitas das choupanas siguen en pé. Un castro con dous recintos enormes, o exterior defendido,ademais da muralla, por un enorme foxo e unha zona de pedras fincadas.

Saceda e San Millao. Dous castros impresionantes que serviron a Alfredo González para un recomendábel artigo sobre os oppida e os procesos de sinecismo: El castro de Saceda y la jerarquización territorial de la Segunda Edad del Hierro en el noroeste ibérico.

Dous castros que están a agardar que alguén repare neles para dinamizar a zona.

Pero hai máis. O xacemento romano de Santa Marta, a veciña necrópole de Medeiros, a igrexa románica de Vilar de Lebres, a cibidade de Grau, e seguindo.

Todo sen contar a riqueza paisaxística e os posíbeis roteiros de sendeirismo ou dacablo.

Non suxirerimos que haxa que “turistear” esta zona da Galiza para dinamizala, isto sería rachar o seu valor máis característico, senón facela visíbel.

 

Choupana do primeiro recintode San Millao coa muralla exterior ao fondo

A Comida e a durmida

Para quen se queira ir achegando, recomendamos a durmida na “Casa do Cruceiro”. En plena Xironda, unha cómoda e acolledora Casa de Aldea a trinta euros a habitación doble. A casa ten bar e conta cun plus: o excelente viño que fai Antonio. Un viño natural cen por cen, feito con agarimo por el e para el.

Para comer recomendamos cruzar a Raia e en sete minutos chegar a Vilar de Perdizes e buscar “O Cabazo”. Comida caseira portuguesa, da que destacan o bacallau, a vitela e os doces, e sobre todo o seu gorentoso viño caseiro, a prezos moi populares, uns quince euros por persoa.

 


Baixo da Terra (Termarum)

Artigo publicado no Lecer do día 07 de Febreiro de 2010. Co pasar dos anos, o proxecto de Castrolandín segue a ser exemplo da xestión do Patrimonio por parte da comunidade local. Os Amigos dos Castros logo de petar en moitas portas institucionais, obtendo largas e negativas, acadaron levar a cabo o proxecto. Este proxecto vén demostrar como para a arqueoloxía institucional, este tipo de asocicións son consideradas un estorbo ao contrario que noutros lugares do mundo. O maior mérito é o de amosar como pode agromar un proxecto fresco xurdido dende a base.

Cuntis, un manancial de patrimonio

Mámoas, petróglifos, arquitectura eclesiástica e señorial, augas termais e por suposto, un castro moi especial é o que nos agarda en Cuntis, concello pontevedrés que visitamos esta semana a bordo do noso De Lorean.

Efectivamente, Cuntis conta con abondoso patrimonio prehistórico (tamén histórico e artístico) que xustifica a nosa visita, pero máis aló da cantidade nos interesa a calidade, xa que o xacemento de Castrolandín, á marxe dos bos resultados colleitados nas súas escavacións, resulta paradigmático pola súa xestión e posta en valor.

Comezando polo principio, na sede da Fundación Terra Termarum, xunto a Biblioteca Municipal, recomendárannos distintas visitas. Deste xeito se o que nos interesa son as mámoas, indicarannos como chegar até o Campo das Tombas en Arcos de Furcos ou ó Petouto dos Mouros na parroquia de Troáns. Se o que queremos é ver gravuras milenarias, a cantidade de pedras insculturadas deste concello é enorme, distinguíndose até cinco áreas de petróglifos: A Ran, Cequeril, Laxos-Cardecide, Arcos de Furcos e Xinzo.

Mais como apuntabamos, non podemos pasar por Cuntis sen visitar Castrolandín. Moitos son os aspectos que fan deste xacemento un dos máis especiais do noso territorio. En primeiro lugar, o trazo máis subxectivo vén dado por ter sido xunto ó de Neixón o lugar onde o noso De Lorean comezou a súa andaina mediante colaboracións voluntarias nos veráns de 2005 e 2006, grazas a unha equipa de profesionais dirixida por Carlos Otero que coa súa paciencia e atención levou os pasos de varios estudantes cara ao mundo da Arqueoloxía.

Terra Termarum. A Fundación

Deixando de lado os recordos persoais, inevitábeis ó escribir sobre este xacemento, cómpre sinalar o que converte a xestión de Castrolandín en modélica.

Pois se Castrolandín chegou a escavarse e converterse nun referente tanto a nivel científico como de visitas, foi grazas á iniciativa da comunidade local que a través da Asociación de Amigos dos Castros primeiro, e da Fundación Terra Termarum despois, foi a verdadeira artífice da recuperación do xacemento.

Os primeiros froitos agromaron cando en 2001, tras anos de traballo, a Asociación recuperou o San Xoán Castrexo cuxa tradición se perdera na longa noite de pedra.

Cacharela do San Xoán de Castrolandin

Esta celebración do solsticio de verán, ten como escenario a croa do castro iluminada cunha gran cacharela central e múltiples fachos de piñas en lampas que arrodean o perímetro.

Como sinala Ayán(Pasado e Futuro de Castrolandín.2002  PDF) , son tres os elementos simbólicos que destacan nesta festa: o ritual propiciatorio/purificador como en todas as cacharelas de San Xoán, a procura da fertilidade por parte das mulleres en idade que chimpan as lampas e a autoafirmación da aldea fronte á outras veciñas mediante a celebración nun outeiro da festa facéndoa visíbel dende moitos puntos da bisbarra.

Unha vez acadado este obxectivo e xa constituída a Fundación Terra Termarum, presidida por D. Olimpio Arca e integrada pola devandita Asociación, a Comunidade de Montes de Castrolandín, o concello de Cuntis e dúas empresas, Engasa e mais a propietaria do balneario Termas de Cuntis empezaron a traballar a prol da recuperación do lugar.

En colaboración co LaPa (CSIC) elaborouse un plan director que foi patrocinado con fondos Leader, posibilitándose as primeiras sondaxes arqueolóxicas que deron paso a sucesivas campañas de escavación en 2004.

Máis adiante, en 2007 configurouse un campo de traballo e artellouse un proxecto ocupacional no que ocupantes do centro penitenciario da Lama colaboraban nos traballos de escavación.

Castrolandín, un castro para visitar

O terceiro aspecto que incide sobre a personalidade de Castrolandín é o xeito en que os achados foron xestionados, potenciándose dende un primeiro momento a divulgación das resultas dos traballos.

Castrolandín ofrécelle ó visitante unha rápida e clara vista xeral sobre o fenómeno castrexo, polo seu tamaño, moi abarcábel e polos múltiples tipos de estruturas arquitectónicas existentes, identificándose diferentes tipoloxías de unidades domésticas, edificios comunais, e unhas defensas –foxo e murallas– que facían de Castrolandín un poboado inexpugnable.

No seu día, entrábase ó castro subindo unhas escaleiras flanqueadas por un torreón que aínda podemos ver hoxe.

Vista dun sector escavado de Castrolandín

Actualmente creouse un Obradoiro de cerámica castrexa que cun traballo de arqueoloxía experimental compilou os pasos e técnicas da elaboración dos cacharros na Idade do Ferro co obxectivo de facer réplicas grazas a unha base de datos das formas.

No obradoiro realízanse fundamentalmente réplicas de pezas exhumadas en Castrolandín, aínda que tamén se fixeron algunhas doutros xacementos. Mediante a elaboración de cursos e materiais didácticos, o obradoiro pretende converterse en referencia no ámbito da elaboración de réplicas arqueolóxicas.

Na sede da Fundación Terra Termarum podemos ver e adquirir estas pezas para quen queira levarse un orixinal recordo da súa visita a Castrolandín.

Esta experiencia fálanos da importancia da olería nestas sociedades prehistóricas como medio de satisfacer as distintas necesidades que xorden no seu seo e da enorme cantidade de información que os arqueólogos poden tirar dun pequeno anaco de barro.

Mais esta importancia da olería non é só propia das sociedades prehistóricas. Se atendemos á sociedade tradicional galega, vemos tamén como estas entendían en gran medida a súa adaptación ó medio a través das manufacturas do barro.

Por este motivo, nas seguintes xeiras, os nosos bois carretárannos polos principais centros oleiros do país intentando comprender o seu pasado, presente e futuro.

Para este traballo colarémonos nos talleres de diferentes oleiros para comprender o seu traballo e coñecer as distintas perspectivas que teñen para a supervivencia deste ancestral oficio nunha Galiza postmoderna. [1]

Por outra banda trataremos a través da nosa seción de concienciar as autoridades políticas sobre a necesidade da realización dunha feira especializada en olería tradicional en Compostela, a capital pangalaica, para dar a coñecer a autóctonos e visitantes as técnicas e formas dos distintos centros oleiros.

Deixamos Castrolandín co paso lento dos nosos bois, agardando que o exemplo de xestión do patrimonio por parte dunha comunidade local non caia no esquecemento e que o traballo de xente como Mario Touceda, Fran Ameijeiras, Manuel Vilaverde ou Elena Cerviño sirva para alentar a xente de toda Galiza a realizar empresas similares


[1] Estes artigos xa foron pendurados no blog e podedes consultalos na categoría “olería


Arqueoloxía outsider e o cromatismo da vida

Para quen non o coñeza, André Pena Graña é un arqueólogo especial. Nós o coñecemos unicamente a través da súa obra, das súas publicacións, mais consideramos que o xeito de escribir de cada quen, aínda en publicacións científicas, o define.

Podes estar dacordo coas súas teses ou non, pero algo é certo, André é un grande. Os seus textos, están escritos con lucidez e fanse entretidos pese á súa densidade e á cantidade de información que aporta. Un tipo que dá mil voltas para chegar onde quere chegar, que fala de todo ao falar de algo.

Nun país n0 que o mundo académico está inzado de teses-catálogo e clasificacións tipolóxicas, a imaxinación, máis que un ben escaso é un ben en perigo de extinción. De aí que sexa tan necesaria a existencia destes “arqueólogos outsiders” coma o André que pensen, interpreten, imaxinen, asocien e se atrevan.

Na arqueoloxía e en moitos campos da vida, o hetrodoxo, o liminar, o que se opón ao oficial, é o que aporta visión ás cousas, o que colorea un pouco o gris das nosas rosalianas existencias. Como as ilustracións que Tito Concheiro fai dos lugares que escava fronte aos habituais planos arqueolóxicos.

André Pena Graña, dende o Concello de Narón é un incansábel traballador e vén de organizar un congreso de Estudos Celtas que resulta sorprendente nun concello “pequeno”. Tres días de relatorios, con expertos de múltiples países, con tradución simultánea, en fin, algo con moi boa pinta. O mellor de todo é o prezo: 60 euros a tarifa normal mais só 20 para parados, estudantes e bolseiros. Aquí tendes a información do congreso.

Por certo, que falando de congresos, estivemos esta fin de semana de paseo por Boiro e pasamos por algún relatorio do V Encontro Arqueolóxico do Barbanza. Do que vimos, o mellor, Tito Concheiro, falando de Baroña. Coa súa peculiar oratoria e deixando caer que a salvagarda de Baroña non pasa tanto pola construción dun Centro de Interpretación senón pola Arqueoloxía Social, esa que se practicou hai un tempo en Neixón. Por vincular á xente de Porto do Son con Baroña. Como el fai todos os anos na Cruz do Castro, en Cotobade. A arqueoloxía cromática de Tito no medio dun ambiente recto e oficial. De abrazos con políticos.

Dos Encontros desta fin de semana, só tres pregunteas:

1-Por que nos V Encontros Arqueolóxicos do Barbanza non se falou do Barbanza? Sobre todo tendo en conta que vén de escavarse parte dunha necrópole en Rianxo.

2-Por que un técnico de Patrimonio dá unha charla en castelán falando da salvagarda do noso patrimonio? A nosa lingua non é patrimonio e non hai que protexela?

3- Por que facer unha ampliación no Centro Arqueolóxico do Barbanza  (levando por diante un foxo, destrozando o lugar da romaría e creando un cisma cos veciños) poñendo a excusa de crear un espazo para unha vez ao ano celebrar os Encontros Arqueolóxicos do Barbanza? Esta edición celebrouse no Auditorio do Parque da Cachada sen problema, é un espazo do máis axeitado. Duplicar infraestruturas en tempos de crise.


Unha Santa, Unha Cidade e tres Guerreiros

Artigo publicado no Lecer do 17-01-2010. Enorme Conde-Valvís

Na xeira anterior dos nosos bois percorremos as terras de Allariz para visitar a parroquia de Santa Mariña de Augas Santas. Achegámonos á lenda da santa e ós elementos tradicionalmente asociados á súa vida e morte, sobre todo ó coñecido como “Forno da Santa”, que nos serviu de pretexto para unha breve síntese sobre as saunas castrexas ou monumentos con forno.

Nesta excursión acompañou­nos, no noso De Lorean, Florentino Cuevillas a través do relato que lle dá título a esta parella de artigos. Nesta entrega trataremos pois de explicar por que o ourensán alude a tres guerreiros.

Conde-Valvís foi o descubridor para a ciencia da importancia do xacemento da Cibdá de Armeá. Foi na década dos cincuenta do pasado século e non precisou furar no castro para, nun primeiro contacto, darse conta de que se trataba dun xacemento excepcional, pois a actual vila de Armeá é un exemplo de reinterpretación da cultura tradicional sobre os restos protohistóricos.

Non só no plano abstracto, asociando diversos elementos do pasado coa vida de Santa Mariña, senón tamén nun plano concreto, tanxible; xa que aínda hoxe, e máis na época de Valvís, a vila presenta multitude de elementos construtivos e decorativos do castro imbricados coas pedras que a conforman e polo tanto, tamén coa vida cotiá dos seus habitantes.

Os Guerreiros de Conde-Valvís

Sen lugar a dúbida, o que máis chamou a atención do investigador foron os reaproveitamentos de elementos escultóricos e sobre todo de dúas esculturas de guerreiros castrexos, os guerreiros ós que Cuevillas se refire nestes termos: “Nada teñen que ver os lexionarios de Roma, que mandaba Olibrio; son só soldados da terra galega, cando esta aínda non se crebara en dous anacos para dar nacencia a Portugal. Son os guerreiros que combateron no exército de Viriato, os que viaxaron polos roteiros dos fisterras atlánticos, os que defenderon Lambrica e Cinnania e os que beberon no Medulio o zume mortal tirado do teixo “.

En 1953, cando xa practicara algunhas sondaxes no xacemento, Conde-Valvís publicou no Boletín del Museo arqueológico de Orense os resultados das súas pescudas na Cibdá de Armeá. Resulta apaixonante a lectura deste documento preñado dun incipiente cientifismo e que ó mesmo tempo, pinga paixón polo coñecemento do pasado da nosa terra.

O texto analiza e clasifica todos os achádegos da intervención: cerámica, metais, muros, lousas decoradas, reservando un apartado á estatuaria. É neste apartado onde relata a descuberta das esculturas.

A descuberta propiamente dita produciuse cando Conde-Valvís aínda era neno e acompañaba nunha excursión dacabalo ó seu pai, membro da Comisión Provincial de Monumentos de Ourense e descubridor do Mercurio de bronce exposto agora no Museo Provincial. Volvendo de Allariz pararon en Outeiro de Laxe para ver dúas curiosas estatuas localizadas na solaina dunha casa ó xeito de “dous atlantes”, reinterpretando a súa posible función orixinal apotropaica tal e como foi reinterpretada no Museu Arqueológico Nacional de Portugal, como así o sinala Xurxo Ayán na entrada titulada “Jerónimo”.

O tempo foi pasando sen que Conde-Valvís volvese visitar Outeiro da Laxe até que moito tempo despois, desta volta na compaña de Ferro Couselo ­nunha xeira arqueolóxica polo Alto da Taboadela, acordou daquelas estatuas que vira de neno. Sen poder precisar a súa posición exacta volveron sen atopalas. Ferro Couselo, pola descrición de Valvís, deduciu que se trataba de esculturas de guerreiros galaicos e apremouno para localizalas.

Tras diversas pescudas soubo que unha delas a levara da solaina Benigno Conde para poñer no aleiro da súa casa. Unha vez localizado Benigno Conde, indicoulle que unha noite de vento caera do seu aleiro separándose cabeza e corpo por mor da caída. Levouno ó lugar onde estaba o corpo, servindo agora ,volteado, de tampa dun rego. Mais a cabeza desaparecera logo de servir unha temporada de xoguete para os máis pequenos da aldea.

A outra estatua fóra cortada e reutilizada para recreer o muro da casa contigua á que se atopaba anteriormente. Non sendo identificables os anacos, houberon de desmontar todo o muro para reconstruír a estatua. Actualmente, grazas á laboura de Conde-Valvís, as dúas estatuas están depositadas no Museo Provincial de Ourense.

Apareceron abondosos exemplares destas estatuas de guerreiros tanto no Norte de Portugal como no noso país xurdindo, como non podía ser doutro xeito, a controversia entre especialistas sobre a súa finalidade ou a súa cronoloxía romana ou prerromana.

 Quedamos co escrito por Alfredo González Ruibal que as clasifica en tres grupos iconográficos. Propón, asemade, este autor que posúa un valor de metáfora do poder, así como de protectores da porta e do poboado por térense atopado uns pés de guerreiro en Briteiros fincados nunhas pedras preto dunha entrada ó segundo recinto.Serían, por outra banda exhaltacións do status guerreiro e da masculinidade.

Para perder a Cabeza

Por outra banda, atopou Conde-Valvís, imbricadas no muro dun palleiro dúas esculturas que representan cabezas humanas. A súa expresión, ou falta dela, indícannos que o máis probable é que representen mortos.

González Ruibal, entre outros autores, propón relacionar este tipo de estatuaria, do que tamén existen diversos exemplos, coa materialización pétrea do costume de cortar as cabezas dos inimigos vencidos para exhibilas como trofeo o que aumentaría o status do guerreiro e serviría ademais de elemento apotropaico, xa que as evidencias arqueolóxicas semellan sinalar que a súa localización sería na entrada dos poboados.

Podemos concluír que a cibdá de Armeá é un importante xacemento no que como indica Conde-Valvís despois de escavar no lugar, se mesturan elementos indíxenas e romanos. Ademais presenta importantes e esquivos elementos de difícil interpretación coma as saunas castrexas ou as estatuas de guerreiros dos que só podemos agardar máis achádegos para comprender a súa función orixinal aínda que no caso da estatuaria, como xa se dixo máis arriba, a interpretación que ó noso entender semella máis rigorosa é a de González Ruibal.

Armeá debeu ser un importante centro da “Romanización” aínda que está fóra dos nosos límites establecer se foi fogar dunha mártir chamada Mariña ou mesmo se esta existiu ou foi martirizada. Desta volta, o cabalo de Conde-Valvís axudou os nosos bois a turrar do De Lorean no que tamén nos acompañaba Cuevillas.

Resulta curioso observar como estes pais da arqueoloxía científica galega, cuxos estudos nada teñen que ver coa ciencia arqueolóxica, hoxe en día o terían moi difícil para enfocar as súas carreiras cara a esta ciencia, xa que en Galiza non existe unha formación especializada para os arqueólogos, só unha breve orientación na Licenciatura de Historia, insuficiente e que non ten en conta o lado práctico desta disciplina, mais no mundo laboral pónselles trabas a aqueles profesionais que chegan á arqueoloxía a través doutras disciplinas.