Arquivo da categoría: Es-Pazos de Ulloa

O Rei do Polo (re)fritido

Publicado onte no Lecer

O Castelo no Presente

Saímos en dirección Palas de Rei. O punto de partida é Guísamo, en concreto o Mesón O´Carro, polo que levamos o bandullo ben quentiño cos seus afamados callos, dos mellores da provincia.

O punto de destino: o Castelo de Pambre. Continuamos cunha xeira máis pola nosa benquerida Ulloa, desta volta para visitar o que está chamado a ser un dos monumentos máis visitados do país.

E digo “está chamado” porque malia levar moitos anos ergueito, o Castelo reabriuse este verán despois de moitos anos pechado en si mesmo.

Actualmente o Castelo é propiedade duns irmáns residentes en Vigo e a súa adquisición está en proceso de negociación por parte da Xunta, todo apunta a que non ha tardar moito en cambiar de mans.

Polo de agora, o Concello de Palas acadou a sinatura dun convenio cos propietarios para poder realizar visitas, mais hai moito traballo por facer e se cadra tería sido mellor agardar un pouco en abrilo para facelo en mellores condicións.

Porén as présas son comprensíbeis, pois este Castelo está chamado a ser o gran elemento artellador do turismo dunha bisbarra avellentada e ausente como é a Ulloa. De feito, o día que o visitamos, ficamos abraiados coa cantidade de xente que estaba a visitar o Castelo.

Malia non ter infografías, malia estar inzado de entullo, malia non poder acceder ás torres…o Castelo chama, e o feito de ir visitalo, pese a ausencia de xestión, tórnase nunha especie de rebelión popular. De reivindicación do noso Patrimonio esquencido.

Antes de chegar a Palas, á cabeza municipal, un sinal no que se le “Castelo de Pambre” desvía ao noso De Lorean. Será unha trampa atrapaturistas? Non. Tras encadear tres ou catro sinalizacións(todo un récord), nunha curva comezamos a albisacar as enormes torres do Castelo.

Vista do castelo de Pambre. Foto de Montserrat Domínguez

O Castelo na Historia

A medida que os nosos bois nos achegan, a poderosa e masiva arquitectura váisenos aclarando e vamos entendendo que servise de inspiración a López Ferreiro para unha das primeiras novelas históricas do país “O Castelo de Pambre”, de 1895, no que relata as aventuras do seu promotor, D. Gonzalo Ozores de Ulloa, e as súas loitas para recuperar as súas posesións, aló pola segunda metade do século XIV.

Por suposto chama moito a atención, neste país no que tan poucos castelos sobreviviron aos Irmandiños, este gran Castelo, case inatacto, que se salvou das Revoltas pola cobardía do seu señor, nun tempo de machitos e fanfarróns.

A arquitectura defensiva é impresionante coa súa gran muralla que integra unha torre por ángulo, máis unha gran torre central da Homenaxe. Pero percorrendo coa vista a cara interna dos muros, desvélasenos a feble liña entre a vida pacega e a dos castelos, entre os señores da guerra e os fidalgos. Por exemplo, unha delicada cambota de lareira decorada que apoia sobre sendas cabezas, imbricada na cara interna dun muro claramente defensivo, indícanos ese paso do militar ao doméstico, da rudeza ao refinamento.

Máis aló do militar ou do domestico, está o espiritual, neste caso en forma de igrexa aos pés do Castelo. Esta igrexa resulta enormemente evocadora polo seu estado de ruínas que denota máis dunha fase construtiva e de reformas. A través de diversos elementos como a propia porta de acceso ou os canzorros que artellan o seu aleiro, pódeselle outorgar unha orixe románica e polo tanto, seguramente, anterior á construcción do Castelo propiamente dito.

Como xa comentamos, durante toda a visita temos que sortear o entullo do chan así como grandes desniveis que poden acabar coa caída dalgún visitante contemplativo.

A Xestión

A imaxe que un leva do Castelo é case coma a de despois dun ataque. Entullo, trabes caídas, portas cegadas a correr con acumulación de cachote, antigas sinalécticas esmorecidas, chemineas de ladrillo sen recebar…

Malia todo, recomendamos a visita, porque é moi difícil que todo isto desmereza a maxestosa arquitectura deste Castelo. O horario de visita(que non aparece na páxina do Concello de Palas de Rei) é de luns a domingo de 11:00-13:00 e 16:00-20:00. Ademais existe a posibilidade de formar grupos aos que se lle dará unha visita guiada de carácter gratuíto.

Neste senso, cabe recordarlle ao Concello de Palas de Rei, que o Castelo ten unha declaración de BIC, polo que quen faga as visitas guiadas ha de ser Guía Oficial de Galicia e asemade debe ir debidamente identificado. Comentámolo porque ao saber que facía as visitas unha persoa que non levaba a acreditación recordámoslle a obrigatoriedade de ir identificado. Contestounos  que si que tiña a licenza mais que dende o Concello non lle dixeran que tiña que levar a plaquiña.

É todo moi raro. Curiosamente en Monterrei, outro dos nosos grandes castelos, a guía tampouco puido acreditar ter a licenza de Guía Oficial de Galicia. Se nós tivesemos a licenza e estivese a traballar, levariámola posta, xa que cando a sacas sabes que é obrigatorio levala e non é máis que unha chapiña no peito.

Pero é que ademais , a propia Xunta convoca os exames, aposta pola súa obrigatoriedade, mais logo non vela porque se cumpra a propia lei que promove, mais porén no caso dos farmacéuticos, por exemplo si que é algo que vixía teimudamente.

Igual ao lector parécelle pouco importante a acreditación ou non do guía, mais a imaxe que proxectamos de país, baséase en boa medida en asegurarnos que a xente que traballe en turismo, sexa profesional, ou cando menos poida acredítalo.

Pero máis curioso aínda é que aos propios guías, con asociacións pre-colexiais, non lles importe que en Pambre ou Monterrei o persoal non vaia acreditado. Sobre todo tendo en conta que  se lle explicas un tímpano da Catedral compostelá a un amigo, corres o risco de que te aticen cos seus Paraugas Amarelos por non iren acreditado.

Paseando por Pambre, recordamos un recente post de Capítulo Cero, no que Manuel Gago se laiaba, porque no propio Castelo, nun panel infográfico, fusiláranlle sen citalo unha planta que el mesmo recoñecía como hipotética, acientífica e feita ás présas para ilustrar unha entrada do blog. O problema xa non é o plaxio por parte dunha institución a un particular, senón a carencia de rigor nos contidos que poñen nun panel. O panel xa non está.

 

Por desgraza non é o único exemplo de plaxio chabacano do que temos noticia nos últimos tempos.Vén de editarse recentemente a “Guía Breve del complejo arqueológico de Neixón”(pdf) editada polo Concello de Boiro e coordinado por Víctor Barbeito.

 Quen teña lido as publicacións existentes sobre Neixón e siga o blog arqueoneixon.blogspot.com, decatarase de que a guía está feita coas famosas ferramentas “corta e pega” e aínda por riba, con “tradución instantánea”, só así se explican as faltas.

O máis curioso é que segundo o discurso do Concello de Boiro-Centro Arqueolóxico do Barbanza, ate agora, a equipa arqueolóxica que actuara entre 2004 e 2008 en Neixón non publicara nada. Porén logo emprega os libros e posts do blog, que resulta que si publicaran si, plaxiándoos, para a edición desta guía. Todo isto por suposto sen citar en ningún intre as fontes das que beben, ou máis ben, rouban a auga.

Nada máis vendo a portada un dáse de conta de que nin sequera leron as publicacións, só cortaron e pegaron, só así se explica que na reconstrución do poboado que a ilustra, apareza Neixón inzado de choupanas, cando os resultados das escavacións indican que só nunha ocupación tardía e residual, houbo habitacións no Castro Grande.

Un lendo a guía síntese como escoitando unha mala versión dunha boa canción. Como escoitando a tan comentada na Rede versión de Ramoncín do tema de Nirvana. O rei do polo (re)fritido.

Advertisement

Coma un polbo nun garaxe

Velaí o artigo que publicamos hoxe no suplemento Lecer.Trátase da segunda entrega a serie Es-Pazos de Ulloa Aquí tendes o enlace.

Foto de Álex Bragaña

Normalmente o xornalismo está ligado á actualidade.Como se adoita dicir, actualidade manda. Nós non nos consieramos en absoluto xornalistas malia escribir nun xornal de cando en vez. É por iso que nos permitimos falar nesta xeira dun tema que se ben pode estar caducado, como acontece cos iogures, aínda non ten a tampa inchada polo que coidamos é apto para o consumo.

Ademais, malia estar caduco o tema, a esencia das reflexións que queremos transmitir, pódese dicir que son actuais ou, desgrazadamente, se cadra, atemporais.

A Feira

O pasado 1 de novembro, dentro da nosa andaina ulloá, os nosos bois conducíronnos cara á Feira de Santos de Monterroso. Había un par de anos que deveciamos por achegarnos ate aló, mais por diversas razóns aínda non puideramos. Se cadra, as nosas ganas, viñan dadas polas descricións e historias do tío Xosé Manuel, habitual deste gran sarao galaico.

A verdade é que a Feira nos impresionou tanto positiva como negativamente. É un gran acto de pangaleguidade posmoderna. É un luxo achegarse en soidade ou acompañado. Deixarse levar polos refluxos dunha gran marea humana que te leva acó ou acolá sen que se teña moito que dicir. Sen rumbo. Cheirar o arrecendo afumado duns chourizos acabados de facer ou o incienso dun posto de atrapasoños e camisolas de Touro Sentado.

A Feira de Monterroso é unha galería, unha viaxe, en ocasións grotesca pola Galiza actual, cos seus defectos e virtudes. Pola Galiza máis profunda mais tamén a máis globalizada. Postos de queixo, de ananos de xardín, de coitelos de ferreiro, de rañadores-calzadores, de matanza, de surrealistas artesanías ou de zapatillas deportivas de imitación, fan que ao carón dunha camisola do omnipresente Cristiano Ronaldo atopes unha cacheira de porco. Toda unha metáfora da realidade.

Na Feira de Monterroso atopas unha Galiza en proceso de mudanza, ou se cadra, xa mudada nalgúns trazos. Antigamente, a Fira realizábase no lugar coñecido agora coma Feira Vella, ao carón do que estaba o “Rego do Pulpo” onde agromaba unha fonte natural, onde se colocaban as Mestras Pulpeiras aproveitando a auga e a onde acudían vendedores e compradores unha vez “fixeran feira”. Agora, as carpas das pulpeiras, xa forman parte do horizonte da tradición. Mais en Monterroso dáse outro golpe de torca ao convertérense garaxes e baixos sen recebar en improvisados bistrós de polbo e churrasco, nun día no que todo vale.

Porén, está a outra cara da moeda. Pasado o furor inicial e co bandullo cheo de polbo, churrasco e viño de Chantada, comeza a reflexión, e nesta reflexión hai dous temas que cando menos, resultan preocupantes.

Vista dun posto nun pequeno mercado en Cambridge

Un agro estancado

O primero é o estancamento,a falta de imaxinación, do noso agro. Este tema, xa o apuntou Manuel Gago en Capítulo Cero, e coincidimos, non sei se por estar xuntos durante a feira e influírnos durante as conversas ou por se é algo que salta á vista. Máis ben o segundo. A maioría dos postos de produto eran calcamonías, podían dividirse en tres grandes grupos: Queixos, Matanza e Masas. A orixinalidade no produto ou na forma de presentalo era nula, polo que as poucas diferenzas as marcaban as calidades e os prezos.

Non se vían cogomelos, cando puidemos comprobar despois que as fragas estaban inzadas deles. Mais tampouco había verduras salvo un par de mancheas de grelos. Nin cenouras, nin cabazas, ou marmeladas. A Feira de Monterroso debería ser un escaparate da calidade dos nosos produtos. Acode moito público que demanda outro tipo de materia e que ten que acudir a supermercados mercar produtos importados, agricultura semielaborada ou agricultura ecolóxica que podiamos ter ao carón da casa.

Na nosa pequena viaxe a Inglaterra, puidemos pasear por un pequeno mercado en Cambridge. Nada que ver coas dimensións do de Monterroso, catro postos. Había un par de postos de vexetais impresionantes, unhas hortalizas ecolóxicas brillantes que te chamaban e diversas especies de cogomelos salvaxes que se deixaban comer cos ollos. Velaí a diferenza.

Fotografía da Feira nos anos vinte. Tomada de El País

Pasando de todo

A outra grande eiva da Feira é de carácter institucional. Sempre dá carraxe comprobar outra volta o pasotismo institucional. As institucións políticas hai tempo que non se decatan do que acontece fóra dos seus muros, son coma monxes ascetas ou catedráticos de Universidade, só existen no seu interior.

Monterroso naceu coa Feira e este ano cumpría cincocentos anos. Nin o Concello de Monterroso, nin a Deputación de Lugo promoveron ningún acto respecto disto. Xa non un acto, nin un triste cartel conmemorativo. Institucionalmente, o Aniversario pasou inadvertido.

No pasado Agosto presentouse o libro “A Feira de Santos e Monterroso”. En Agosto? Por que non agardar a presentalo na Feira? Nin un posto cos libros. Nada que recordase o Aniversario. De feito tratamos de conseguir o libro, editado polo Concello. Tras moito trafegar descubrimos que o libro non estaba á venda, fixeran unha curta tirada para agasallar. “Aínda queda media caixa, se vés pronto aínda che damos un”, –escoitei do outro lado do teléfono. Non fun.

Nunha librería de segunda man en Compostela atopei “Monterroso. Pasado e Presente” publicado pola Deputación de Lugo en 1987. Moito máis doado.

Unha vez máis son as propostas da sociedade civil, neste caso a da asociación “O Sorriso de Daniel” as máis orixinais xa que para conmemorar o Aniversario abriron diversas igrexas da Ulloa para facilitar a visita e puxeron á venda nun stand da Feira, un bonito almanaque con fotos de Soledad Felloza, das igrexas románicas da Ulloa. As institucións, de costas.

Non é a nosa intención desanimar a xente a ir á Feira, todo o contrario. Simplemente sinalar que é un evento que na Galiza do século XXI, ten moitas máis posibilidades.

A feira é unha experiencia. Un baile de pesas romanas e calculadoras do teléfono móbil, de gritos que convidan á venda e música de Camela de feirantes de sempre, coa chaqueta boa e o paraugas pendurado dela e magrebís que pasean vendendo serras eléctricas.

Nós dende logo, repetiremos o ano que vén e animamos a que a xente se anime a achegarse até a Ulloa, sempre recomendábel, e se apetece, a que se coma un polbo nun garaxe.


O Sorriso de Daniel. A Ledicia de Todos

Os nosos bois dirixen unha nova xeira. O outono, que este ano semella preguiceiro, comeza a albiscarse entre días solleiros. De feito, este, no que o noso De Lorean atravesa corredoiras das Terras da Ulloa, é dos primeiros días realmente outonizo. Ceo de chumbo, auga que cae a ratos, vento que zoa.

Porén, a paisaxe non é allea ás estacións. O outro día escoitabamos na radio que este ano as plantas están confusas, enganadas e algunhas especies están a botar flor, agardando unha inesperada primavera, coma un cincuentón que non acepta o seu outono e comeza a actur coma un rapaz de vinte anos.

Porén os castiñeiros son vellos sabios, impasibles testemuños do paso do tempo. Non hai máis que saírse das estradas principais e percorrer as corredoiras desta bisbarra do centro da nosa terra. Atravesando soutos daste de conta de que non fallan e sempre, unha manta de follas e ourizos da calor a un asfalto que comeza a coller as súas primeiras xeadas.  Os soutos saben que é o seu momento, que a castaña é un dos nosos símbolos outonizos, e xa de ir apañalas, haberá que apañar tamén uns cogomelos, e xuntalo todo no prato cunha boa peza de xabarín,… Outono, tiñamos saudades, benvido.

Nova estación e nova serie. Deixamos A Lanzada e o verán atrás, mais mentres atravesamos a  outoniza Ulloa no De Lorean, se miramos polo retrovisor aínda vemos imaxes estivais. Chichís, a orquestra Superfama, os debates a pé de escavación, a Moura dos Tesouros, Don Cipriano, a Casa das Canteiras,Don Hipólito,…

Empezamos pois unha pequena serie, e como xa adiviñariades, A Ulloa vai ser o escenario, esa comarca da Galiza Central con tantas riquezas e tan esquecida. Iniciamos esta serie que estará inzada de castelos, de mercados de orixe medieval, gastronomía, petróglifos, pazos, etc.

De feito non é casual que iniciemos hoxe esta nova serie, pois mañá,é o V Centenario da Feira de Santos de Monterroso. Temos pois cincocentos anos deste mercado de Santos que non é o único importante de Monterroso pois tamén xuntan moito produto e xente, os celebrados o día 1 de Xaneiro e o 1 de Agosto, tendo este último o poético nome de Mercado dos Bicos. Non por tratar de emular ao Festival das Apertas senón porque Agosto é o mes no que regresan os emigrados da Ulloa, pois nesta bisbarra, como na maioría das galegas deixou fonda pegada a emigración, nomeadamente a Guipúscoa. Por tanto, o Mercado dos Bicos é o mercado dos reencontros, da morriña por fin resolta.

O Sorriso de Daniel

Para este V Centenario da Feira de Santos, a Asociación “O Sorriso de Daniel”, organizará unha serie de actividades vinculadas ao Románico ulloano. Trátase dunha asociación recentemente creada por anteriores membros da estatal “Amigos del Románico”, ao decatarse os membros galegos que lles era máis operativo traballar a nivel nacional, tendo máis rapidez e liberdade de acción.

Tanto hoxe domingo como mañá luns, membros da asociación manterán abertas nove igrexas da comarca ofrecendo visitas guiadas nos días de máis afluencia de xente na bisbarra, ofrecendo asemade as súas explicacións .

Contarán por outra banda cun stand na “cúpula” da Feira onde informarán cómo chegar aos edificios e poñerán á venda a un prezo moi razoábel, uns almanaques de 2011 nos que cada mes está dedicado a unha das igrexas, a través dunha foto de Soledad Felloza, como a que ilustra este artigo e que amablemente nos cedeu.

O punto álxido das actividades terá lugar ás doce do mediodía, cando soen as campás da meirande parte das igrexas da Ulloa ao unísono. Faranse sentir, reivindicando un Patrimonio esquecido, o día do aniversario da Feira máis antiga e importante de Galiza, que como eles mesmos apuntan, naceu case cando estas igrexas acababan de levantarse.

Santa María de Marzá

O pasado domingo tivemos a sorte de que Carme Varela, secretaria do Sorriso de Daniel se subise ao noso De Lorean e visitamos con outros membros da asociación algunha das xoias da bisbarra.

A riqueza é enorme, mais nesta entrega queremos falar dunha igrexa en concreto, a de Santa María de Marzá, no Concello de Palas de Rei, limitando xa co de Monterroso.

Trátase dunha pequena igrexa rural, situada sobre un podio de terra, enriba dun outeiro dominando boa parte do val que ten ao carón.

Configúrase coma unha igrexa de nave única con ábsida semicircular, cun tramo recto do presbiterio bastante desenvolvido. Como elementos orixinais da fábrica Románica, amosa ao exterior as columnas das primitivas seteiras, hoxe ventás, e múltiples canzorros con diversos motivos.

A súa fachada é moi simple, reformada en época barroca, cando se coroa cunha espadana, mais hai un sillar que cabe destacar, sobre todo para quen gozamos cos misterios gravados nas pedras. Trátase dun sillar no que hai labrado o que semella algún tipo de animal, se cadra un león, rampante. Porén o sillar está volteado.

Mais o tesouro que agocha esta igrexa está no seu interior. Unha vez traspasado a solaina da porta que nos abriu o sancristán, os nosos ollos comezaron a dar voltas percorrendo as paredes. A igrexa está inzada de pinturas murais, non só na ábsida, tamén na nave.

Resulta abraiante o estado de conservación das pinturas así como a calidade e cantidade das mesmas, pois é algo moi pouco habitual na nosa terra. Por desgraza tamén é pouco frecuente que haxa bos estudos sobre este tipo de manifestación artística.

Polo pouco que puidemos saber. O autor, anónimo, toma o nome da igrexa:  Mestre de Marzá, e relacionando estilos, sábese que tamén pintou outras igrexas próximas coma San Xurxo de Augasantas, San Martín de Curvián e San Esteban de Paderne. Nesta última, unha cartela cunha data permite certificar o que amosa o estilo das pinturas: Son de principios de Século XVI.

No tocante ao estilo, configúranse en Gótico Hispano-Flamengo, sendo este o estilo maioritario nos principios desta centuria, fronte a un Renacemento de carácter elitista que nunca chegará realmente a enraizar no noso territorio.

As figuras flotan entre motivos decorativos de orixe moi anterior ás pinturas que se explican pola inercia dos talleres populares, mais tamén porque continúan a ter importancia no imaxinario simbólico ou estético da época.

O repertorio de imaxes vai dende un enorme San Miguel Arcanxo ao carón de varias escenas da Paixón, no muro Norte, a varias escenas na que a protagonista é a Virxe na ábsida. Chama a atención a serenidade e pausa coas que se representa a unha María moi humana, que nunha das imaxes aparece incluso cun atrevido escote. Estas representacións da Virxe son, na nosa opinión, unha verdadeira xoia.

As pinturas da parede Sur conserváronse peor e aparecen algúns sillares reintegrados ao carón dela. A estas pinturas pertence a foto que acompaña este texto, que representa o martirio de San Sebastián.

A conclusión é que hai que aproveitar estes días que “O Sorriso de Daniel” está pola zona para poder ver esta xoia pictórica. Por suposto, por se alguén non pode ir estes días informarei sobre como se pode acadar a chave. Mais non o vou facer en Lecer.

Con esta nova serie tamén estreamos blog ( deloreandebois.wordpress.com ), onde penduraremos tanto os artigos anteriores desta sección, creando unha base de datos accesíbel, como os que vaian saíndo, uns días máis tarde da súa edición impresa.

O blog permitirá ampliar información que en ocasións por falla de espazo non podemos meter, e sobre todo, que podades aportar as vosas opinión e complementar información e detalles que escapan aos ollos dos nosos bois.

Igrexas que estarán abertas

 

Antas de Ulla: Santa María de Arcos e Santiago de Amoexa.

Monterroso: O Salvador de Valboa, San Lourenzo de Pedraza, San Miguel de Esporiz, San Martiño de Cumbraos e San Cristovo de Novelúa.

Palas de Rei: San Xiao do Camiño e Santa María de Marzá en.

Ademais das que eles abren, en Vilar de Donas haberá unha guía e estará tamén aberta.

Sillar reaproveitado no exterior de Santa María de Marzá. Imaxe collida do Flickr de José Antonio Gil Martínez

Para esta entrada, mañán, informaremos sobre como acadar a chave da igrexa e plantexamos unha pregunta, a ver se alguén ten a resposta ou coñece algo similar: Que pode ser o que se representa no sillar do que antes falamos?.