Arquivo da categoría: Olería

O (re)torno da tradición III

Continuamos a percorrer a Ribeira Sacra e a coñecer centros oleiros tradicionais. Asemade coñecemos a Elías González, un home do seu tempo que mira cara o pasado mais tamén cara o futuro.
Se falabamos o outro día do futuro do agro galego e da falta de propostas, ou polo menos visébeis no mundo das Feiras e Mercados, iniciativas como a de Elías afondan unha vez máis en que o futuro é o risco. Con iniciativas persoais, reflexionadas e moi traballadas coma esta, o noso Patrimonio Etnográfico está a salvo. Máis que con calquera institución pública.
O artigo foi publicado o 06-06-2010 no Galicia Hoxe

Elías na tenda do seu centro oleiro. Foto tomada de Flickr. Autora: Venaslarguísimas

Continuamos coa nosa particular viaxe polos obradoiros sobreviventes da olería tradicional galega. Desta volta movémonos cara ó Concello de Sober, na Ribeira Sacra lucense, co gallo de coñecer máis polo miúdo a olería tradicional da parroquia de Gundivós.

Non podemos negar a nosa predilección polo xeito de facer vasillas deste recuncho da nosa terra fronte a outros centros oleiros activos así como polos seus resultados.

Como veremos, en Gundivós é onde se conserva unha tradición máis pura na arte de facer olas, máis ancestral, máis ligada aos recursos da sociedade tradicional campesiña galega, máis primitiva, se queredes. De feito, a técnica de Gundivós, pódese levar polo menos até época romana, sendo o único lugar da península que continúa a empregar o torno baixo, movido directamente a pulso polo brazo do artesán, a fortes tiróns cando precisa que vaia rápido.

Elías González, Oleiro

Acubillounos no seu obradoiro Elías, un dos poucos artesáns que continúa a facer olas por estas terras  dun xeito regular, como modo de vida. Reunímonos con el, estreitamos a súa man, unha man enorme, firme e áspera, como debe ser a man na que toma forma a tradición da nosa terra, verdadeira ferramenta do oleiro. Se xa iamos engaiolados pola capacidade evocadora destas pezas de arxila, Elías puxo un acento na nosa evoción por elas e por todo o que teña que ver coa Ribeira Sacra.

 Cunha conversa cadenciosa e abondosa mais sen esgotar aos seus contertuliospercébese que Elías é un home moi consciente da súa profesión, sobre a que se sente orgulloso e se nota reflexionou a reo.

Fachada principal da Rectoral de Gundivós. Tomada de jubiladajubilosa.com

A Rectoral de Gundivós

O seu propio obradoiro pinga tradición aló por onde pisas. Hai uns anos adquiriu a Casa Pastoral de Gundivós, unha gran casona tradicional de 1750. Os seus masivos muros graníticos acollen diversos espazos creados por Elías, tanto na súa vertente física, igual que toda a casa que amañou coas súas mans de oleiro, como na reflexión dos usos deses espazos, rodas dentadas dun engrenaxe complexo, dun proxecto ambicioso.

“Pois isto vaivos gustar, seguídeme”. Dixo Elías, ao decatarse de que os nosos bois eran moi afeccionados á arqueoloxía, cun aceno misterioso. Saímos do espazo destinado a tenda e seguímolo cara á sala contigua. Alí topamos de fociños cunha verdadeira exposición de olería tradicional.

“Moitas pezas atopeinas na reforma da casa, algunhas estaban para recoller auga das pingueiras no sobrado”. Comentaba mentres mirabamos engaiolados os barreñós, as ámboas, meleiras, graxeiras e demais pezas, algunhas cuns douscentos anos e todas cunha preciosa pátina  que evidenciaba a súa senectude.

Pero aínda máis, no chan do cuarto, que Elías nos explicou era a antiga bodega, un cristal musealizaba o nivel de ocupación anterior con anacos de cacharrada semisoterrados. Arqueloxía da Galicia tradicional.

Do resto da casa, debemos salientar a enorme lareira, digna de Ao pé do lar, moi ben conservada, con trebellos de cociña e as súas alacenas e fresqueiras.

Tamén o gran patio interior da casa no que no verán coloca o seu torno baixo, non para facer exhibicións baleiras senón para traballar á vista os demais.

A Técnica

O xeito no que se traballa en Gundivós é todo un espectáculo. O propio torno, de roda baixa, que require de moito esforzo para xirar, condiciona o proceso de levantar a peza xa que é un ritmo entrecortado no que o artesán debe parar para darlle novo impulso ao torno, a non ser nas pezas máis grandes, nas que un axudante é quen se ocupa de dotar á roda de movemento continuo.

 Fronte a outros centros, como Buño, nos que a peza se comeza cun pelouro botado enriba do torno que leva toda a masa precisa para a peza, en Gundivós, bótase primeiro unha cantidade que se aplana e serve de fondo, logo vanse engadindo “cerillotes”, unha sorte de churros que se van engadindo para conformar a peza en altura. Despois, co torno xa movéndose rápido, iguálanse os “cerillotes” deixando unha superficie uniforme.

A característica cor negra da olería de Gundivós, hoxe elevada a categoría estética do enxebre, responde a razóns utilitarias.

Elías quentando unha peza. Imaxe tomada de Panoramio, autor: Arceibe

Unha vez cocida a peza, para proceder ao seu vidrado interno, quéntase directamente sobre lume de ramallo co consecuente ennegrecemento da vasilla á que logo se lle bota unha resina en po (pez) que funde directamente ao contacto co barro quente.

Non tódalas pezas precisan de seren vidradas. As que non, tamén denotan na súa superficie a estética da tradición, do ancestral, xa que  a cocedura das mesmas tamén se leva a cabo en fornos arcaicos sen grella, quedando algunhas zonas máis expostas á calor que outras polo que adquiren unha superficie desigual no seu cromatismo, case ao xeito das cerámicas feitas con técnicas castrexas no obradoiro de Cuntis, das que xa temos falado noutra ocasión.

Xa de volta na tenda, referíndose aos nosos antergos, dixo Elías “esta xente pensaba en barro”. Sostiña na man o que a primeira vista, dende a nosa visión urbanita, interpretamos coma un remate para tellado mais que resultou ser algo ben diferente.

Tratábase dun sacaleites de barro que facendo baleiro sobre o peito extraía o leite materno.

Concluindo…

Coñecemos xa da man dos nosos bois os centros oleiros de Buño, Niñodaguia e Gundivós, aos que considerabamos os únicos en activo. Non é así. Como sempre acontece con estas cousas, falando ao redor dos tornos dos artesáns descubrimos que hai outros centros, máis esquecidos, nos que se continúa a traballar.

O noso De Lorean achegaranos a coñecelos, máis non polo momento. O 1 de xuño pasado comezou un proxecto de intervención arqueolóxica no xacemento da Lanzada que promete uns resultados abraiantes.

Seguiremos moi de preto todo o verán esta escavación, informando a quen nos lea do seu desenvolvemento, convertendo, coma sempre, o noso De Lorean nunha máquina do tempo que nos achegue á nosa Historia.

 A Casa Reitoral De Gundivós, deveu da man dun particular nun verdadeiro centro de interpretación da olería tradicional con sala de exposicións, audiovisuais, obradoiro e tenda, ademais do proxecto de crear cursos ou escola para acoller a outros comañeiros de profesión que queiran coñecer as técnicas desta olería con arume a Historia.

Elías González representa a forza da tradición galega, unha forza que loita por volver agromar despois de autonegarse tempo abondo, a forza do cabo Touriñán loitando non só contra o impacto do mar senón tamén contra o impacto ambiental. É a mesma forza dos milleiros de gorxas que se xuntan nas cidades galegas para berrar: Queremos Galego!.

É a nosa forza.

PostPost

Unha imaxe vale máis que mil verbas, enlazo dous vídeos de Youtube, subidos por Arceibe no que se ve o fermoso proceso de produción.

Advertisements

O (re)torno da Tradición

Seguimos facendo “refrito”. Desta volta o seguinte capítulo da serie de olería tradicional.  Este artigo foi publicado en Lecer o 28-03-2010, momento no que como recordaredes había moita crispación política ou político-lingüística.

Agustín traballando no seu torno

Continuamos a dar voltas á terra co noso De Lorean coma se dun enorme torno de oleiro se tratase, co gallo de achegarnos ao noso patrimonio. O obxectivo das nosas andainas é o de dar a coñecer a nosa herdanza cultural como primeiro paso para a súa valoración e respecto.

Sempre que atopamos trabas ou dificultades no noso camiño  poñémolo de manifesto, malia que como xa sinalamos nalgunha ocasión, non sexa a crítica a nosa finalidade. Moitas veces criticamos a xestión institucional de certos elementos do patrimonio, ben por non facelos accesíbeis, ben por non promovelos ou por non dispor dos mellores profesionais para a súa difusión ou divulgación.

Mais agora mesmo, estase a dar un atentado sen precedentes directamente dende as institucións contra o elemento máis importante do noso patrimonio, a lingua, a través do proxecto de decreto presentado por quen nos goberna. Como sinalou Castelao no Sempre en Galiza  “Unha lingua é máis que unha obra de arte; é matriz inagotable de obras de arte” a lingua é pois o barro que nos permite elaborar diferentes vasillas, é un patrimonio xerador de patrimonio.

Consecuentemente, sumámonos á repulsa dese proxecto cainista elaborado dende o consciente menoscabo á nosa cultura, a cultura de todos e todas as galegas, que non ten en conta tan sequera as recomendacións dos expertos na materia, pasando por riba do cientifismo para caer nun demagóxico discurso que xoga coa noción de equilibrio.

Centrándonos na nosa xeira desta semana, os nosos bois atoparon acubillo nas oleiras terras de Niñodaguia. Topónimo, por certo, que dende o centralismo da longa noite de pedra foi levado ao absurdo do mesmo xeito que aconteceu recentemente con Sobrado dos Monxes por aqueles que semellan levar trinta anos no “desván”.

Seguiremos, pois, coñecendo a sociedade tradicional a través das formas elaboradas nos obradoiros dos cacharreiros. Estes artefactos fálannos dunha sociedade para a que as vasillas de barro xogaban un papel clave no día a día non só como elementos de almacenaxe de  distintos produtos ou para cociñalos. Tratábase de obxectos que ofrecían solucións ás necesidades, e por necesidades entendamos tamén as fisiolóxicas.

 Chamounos  a atención entre o repertorio de formas tradicionais desta zona oleira, uns enormes recipientes que a posmodernidade pode reinterpretar como macetas para exhibir xeranios nun balcón mais que respondían a un uso máis prosaico, trátase de penicos familiares que se colocaban equidistante dos dormitorios, polo que o único que terían de macetas sería o fertilizante. García Alén noméaas no seu libro La Alfarería de Galicia como “orinós” e recolle como nas feiras a xente pedía un baño para a colada por vergoña a pedir un “orinol”.

Curiosas son tamén unhas pezas con forma de grandes botellas coas que os nosos antergos combatían o frío. Enchíanse de auga fervendo, coma as actuais bolsas de auga quente ou as máis modernas de sementes que van ao microondas para logo metelas na cama para poñelas ben nos  pés, ben apertadas contra o corpo.O máis significativo é que Agustín, o oleiro que nos acolleu recibiu encargos deste tipo por parte de xente que continuaba a utilizalas.

Outra peza importante pola información que nos proporciona do sistema produtivo desta zona son as “alcuzas”, empregadas para almacenaxe de aceite xa que nesta zona se cultivaba oliveiras. Como sinala García Alén, esta forma cae en desuso co abandono deste cultivo.
Outros exemplos de pezas tradicionais son os “barreñós” e as “almufías” destinadas ás matanzas, os graxeiros ou os cazolos.Nesta terra vinícola da Ribeira Sacra non podían faltar os xerros de viño que se diferencian dos da auga por teren unha soa asa lateral e un só bico que se fan dúplices no xerro da auga .

Todas estas pezas, posúen a característica cor amarela do barro cocido da zona, reforzado polo vidrado natural, sen colorantes, empregado na súa elaboración.

Parte do repertorio das pezas tradicionais de Niñodaguia
Parte do repertorio das pezas tradicionais de Niñodaguia

Como xa sinalamos, en Niñodaguia acolleunos no seu obradoiro o artesán Agustín Vázquez, un home orgulloso do ancestral oficio que ten entre as mans, un artista que reflexiona sobre o seu facer e que fai sobre a súa reflexión. Con el falamos en torno ao seu torno da figura do oleiro na Galiza posmoderna e de como conxugar tradición e innovación.

Agustín foi testemuña do declive dos alfares destas terras coa chegada da Modernidade representada polo desvío da estrada que atravesaba Niñodaguia, mais tamén liga o esquecemento no que se sume o seu oficio ao tan mencionado autoodio.

Ao contrario que moitos compañeiros doutros lugares, Agustín non vende a tendas, o que supón un acto de valentía, non cre que o futuro da olería pase pola tenda, máis ben ao contrario pois este sistema escraviza ao tempo que despreza o propio oficio pois supón vender o froito do saber dos antergos a prezos moi baixos. Considera que o oleiro debe ser o seu propio representante e que deben ser os propios artesáns os que a través dunha asociación marquen os prezos e atopen as canles de distribución. Por separado non se fai nada, pois se un baixa o prezo para vender máis, obriga os outros a baixalo tamén coa subseguinte desvalorización do traballo que sempre inflúe no produto final.

Considera que os produtos deben vendelos directamente o oleiro nas feiras polo que ante as poucas que existen en Galiza, viaxa a Castela asiduamente onde si hai feiras en Zamora, Salamanca, Valladolid ou Ponferrada, entre outras. Neste sentido recrimínalles ás institucións galegas, tanto locais como nacionais que non apoien este tipo de iniciativas ao tempo que eloxia o labor de “Alfaroleiros”, única feira especializada de Galiza, que acolle entre uns trinta e sesenta mil visitantes cada ano. Foi Agustín quen nos falou por vez primeira da importancia que tería a realización dunha feira especializada en Compostela que tamén podería incluír ciclos de conferencias, iniciativa da que xa falamos no noso anterior artigo e desexamos que non caia no limbo das ideas.

Non son, de todos os xeitos, as feiras a súa única canle de distribución xa que acepta asemade encargos diversos, dende comisións de festas a locais de hostalería.

Ó preguntarlle sobre o futuro da olería de Niñodaguia non o ve moi claro, malia que o seu fillo José Vázquez estea a continuar  co oficio. Sinala que debería cambiar o trato institucional non con máis subvencións, senón facendo estas máis axeitadas ao contexto e controlando a quen se lle dan.

Consideramos que este cambio debería darse, que debería haber un apoio máis efectivo das institucións a estes oficios, mais que podemos agardar dunhas institucións que atacan a cultura galega a través do seu elemento máis prezado?

Polo de agora, existe unha iniciativa en Niñodaguia para recuperar algún dos fornos tradicionais para facer unha fornada simbólica ao ano que sirva para atraer a atención sobre este centro oleiro de obrigada visita, xa que se pode aproveitar a viaxe para visitar os veciños mosteiros de Xunqueira de Espadañedo, Montederramo ou San Pedro de Rocas dos que xa falamos en anteriores andainas dos nosos bois.


O (re)Torno da Tradición. Buño

Continuamos a subir artigos do Lecer. Desta volta, para rachar un pouco a orde, subimos este publicado o 12-03-2010, algo máis recente. Este artigo foi o primeiro dunha serie sobre oleiros, que de feito aínda non rematamos. Recomendamos a quen lle interese o tema que faga unha visita a Buño e trate de meterse nun destes obradoiros, a cheirar a microhistoria que se agocha nos “cacharros” de barro. O artigo orixinal téndelo aquí ligado.

Fernando Cambón no seu torno

O (re)Torno da Tradición

Esta semana, os nosos bois lévannos outra vez de andaina pola nosa historia, e como noutras ocasións, viaxaremos ao pasado a través da terra, mais desta vez non a través da terra clasificada en unidades estratigráficas e retiradas, capa a capa polas pas dos arqueólogos senón da terra cocida; da arxila extraída nas barreiras e modelada nos obradoiros dos oleiros.

Esta entrega é a primeira dunha serie na que o noso De Lorean se coou nestes obradoiros para coñecer o labor destes artesáns coñecedores dun ancestral xeito de facer transmitido as máis das veces de pais a fillos dende a noite dos tempos e que forma parte da nosa herdanza. Non sei se debemos nomear esta herdanza, este patrimonio como inmaterial, xa que alguén dicía algo así como que o patrimonio inmaterial non é tal xa que por exemplo unha cantiga, no momento no que alguén a interpreta, materialízase. É dicir que malia que os coñecementos para realizar certa vasilla sexan inmateriais, a vasilla en si é material. Algo semellante expresou Deleuze falando de Francis Bacon. “É un erro crer que o pintor está fronte una superficie en branco, mais non é así…O pintor ten demasiadas cousas na súa testa, ao redor de si ou no seu obradoiro. Agora ben, todo aquilo que existe na súa testa ou ao redor del, está xa na tela, máis ou menos virtualmente, máis ou menos actualmente, antes de que comece o seu traballo”. Deixando estas reflexións que aburrirán até os meus bois, esta semana, visitamos o Obradoiro Cambón en Buño.

Fernando Cambón dando a forma inicial á peza

Buño: Os irmáns Cambón

Se cadra, Buño sexa o máis coñecido dos centros oleiros tradicionais aínda en activo, o que si é seguro é que se trata do de máis abondosa produción e o que conta con máis artesáns. Coñecemos a Fernando Cambón, grazas a Torrado, último soldado do Castelo de Vimianzo, lugar ao que Fernando traslada o seu obradoiro no verán para dar a coñece-lo seu labor aos visitantes. Fernando traballa xunta o seu irmán, David, que con trinta e tres anos, é o máis novo dos oleiros de Buño.

Este centro cerámico de Malpica é tachado por puristas de salón de ter abandonado a tradición, de facer pezas para turistas e soberbias deste tipo, o certo é que a maioría de oleiros, e os Cambón entre eles, combinan a tradición cunha continua procura da innovación pois cabe recordar que son artesáns, máis tamén empresarios e están suxeitos a esa lei que lle chaman da oferta e da demanda. O importante é que as formas tradicionais seguen a tornearse, non se perderon como ocorreu noutros centros e quen queira adquirir este tipo de pezas, vainas atopar.

Por outra banda, resulta curioso o concepto de tradición que se ten dende a posmodernidade, pois aos ollos de hoxe, pezas como as “queimadeiras” introducidas no século XX, considéranse tradicionais. É dicir, que a tradición que nos chega hoxe é froito de innovacións en distintos momentos. As pezas modernas, son tantas que xa a García Alén no seu La alfarería de Galicia, cústalle clasificalas pois en cada taller xorden ideas, ou máis ben, en moitos obradoiros, xorden ideas e noutros cópianse.

 

A cocedura e as feiras

Mais non son as formas o único que cambia, falando con Fernando, contábanos como recordaba ver cocer, de neno, nos antigos fornos comunais de leña, o que supuña todo un rito. A preparación do lume que adoitaba ser tarefa de mulleres, a colocación das pezas para o aproveitamento do espazo e conseguir unha cocción uniforme no que había verdadeiros expertos. Logo pasouse á colocación de fornos individuais nos propios obradoiros de tipo árabe, con característica forma de botella. Na actualidade cócese en fornos de propano ou eléctricos co aforro de tempo que supón.

De tódolos xeitos, na Feira de Olería Tradicional faise unha fornada á antiga usanza nun forno rehabilitado. Cambiou tamén a recollida do barro, antes da man dos mesmos artesáns, con pás e co procesamento posterior tamén de xeito manual, agora, unha telleira situada na barreira, encárgase de extraer, procesar e distribuír o barro, tanto o escuro, máis habitual coma o máis claro, chamado “lista”, empregado para as decoracións. Por suposto, tamén a distribución das pezas cambiou, antes, de feira en feira, cos burros cargados, agora, normalmente a través de encargos de tendas ou algunha feira especializada coma Alfaroleiros, no Concello de Oleiros.

Neste senso, os artesáns cos que falamos para a realización desta serie de artigos, sinaláronnos a importancia que tería a celebración dunha feira de olería tradicional en Compostela, sobre todo neste Ano Santo para dar a coñecer o seu oficio tanto a autóctonos como a visitantes. Dende aquí queremos animar as institucións á organización desta feira que con moi poucos cartos, daríalle asemade un valor engadido á visita a Compostela.

Tamén funcionaba moito un trazo propio de economías de subsistencia como é troco, tanto nas propias feiras como polas casas, cambiándose pezas por produtos do agro ou da matanza. Normalmente era a muller quen se encargaba da distribución. A muller tiña moita importancia na olería pese a que non torneaba, mais si realizaba tarefas”secundarias” ás veces moi duras. Esta situación tamén cambiou dende hai uns trinta anos da man de Carme Isabel, primeira muller de Buño que sentou no torno.

Algo que tamén cambiou é a solidariedade entre os artesáns pois, tal como nos contaban David e Fernando, cando se cocía nos fornos comúns, as fornadas eran individuais mais se a alguén lle ía para abaixo a fornada rompendo as pezas, algo que ocorría dun xeito máis ou menos cotián, entre os outros obradoiros, facíase unha colecta de pezas para que o que a perdera puidese facer outra fornada. Agora, as envexas agroman e malia que existe unha asociación, hai que andar con ollo, pois moitos viven de copiar pezas aos outros cando ven que funcionan.

Como vemos, Buño está dacabalo entre a innovación e a tradición, entre o “cacheleiro” e o “baleirapetos”. Mais certamente, a maxia de pousar un anaco de terra húmida nun torno e ver como a man do oleiro a vai subindo e modelando até darlle forma a unha xerra é a mesma hoxe que hai douscentos anos.