Arquivo da categoría: Uncategorized

Patrimoniogalego.net: O novo Catálogo Social

Quen nos siga habitualmente, saberá a importancia que lle damos dende o De Lorean ás iniciativas populares en defensa de Patrimonio. A realidade é que mentres os técnicos de Patrimonio anda en leas persoais, esixindo máis a algúns profesionais que a outros, mentres se lles enche a boca con grandes obras de Centros de interpretación coma o de San Cibrán ou o futurible de Baroña, ou avalando animaladas como a de Neixón, o Patrimonio esmorece no descoñecemento, expectante a que alguén o poña en valor.

Poñer en valor non é facer un panel divulgativo nin construír un edificio, é algo máis complexo. Dicía un mestre que tivemos que o primeiro paso para valorar é coñecer. Para coñecer, hai que ver o que temos, elaborar listaxes, inventarios, catálogos e sobre todo, facelos públicos, accesíbeis.

O xeito no que funcionan as cousas

O outro día falaba cun compañeiro, estaba indignado. Un arqueólogo profesional, en plena era do web 2.0., das telecomunicacións e da libre circulación da información, se quere consultar unha ficha do catálogo de Patrimonio, ten que se desprazar a Compostela, ás oficinas da Dirección Xeral de Patrimonio, solicitar os permisos e toda a burocracia, e logo, consultalas nunha sala no propio edificio, sen poder sacalas e o que é máis grave, nin reproducilas.

Non se pode sacar unha fotocopia, ou unha foto co móbil. Tes que sacar de tinteiro e pluma de ganso e empezar a copiar. Iso, un profesional, un afeccionado, probablemente, non poderá nin acceder. Isto como veredes, non responde a ningunha
lóxica, é un atropelo. O meu amigo dicía: Se comentas isto nun congreso internacional, directamente flipan.

Hoxe en día temos as ferramentas para facer todo máis accesíbel. É tan doado como pendurar as fichas na páxina web oficial. Que calquera cidadán poida descargar esa información, que non está suxeita ademais a ningún tipo de copyright. Ese é oprimeiro camiño para poñer en valor o Patrimonio.

O máis paradoxal é que moitos PXOM, con bens inventariados, si que están pendurados na webs dos concellos.

Coas memorias de escavación ocorre o mesmo, outra vez trabas para consultalas, reproducilas, etc., e tampouco teñen, en principio, ningún tipo de copyright.

Se a Secretaría Xeral de Patrimonio non se encarga do noso Patrimonio, quen se vai encargar? Pois os cidadáns.

Mellorando o existente

A sociedade galega acaba de dar un paso de madurez respecto disto coa creación do novo portal patrimoniogalego.net. Trátase dun portal totalmente independente e popular. Unha iniciativa xurdida dende un grupo de Facebook e que ten por obxectivo o de elaborar un catálogo do Patrimonio Galego.

Un catálogo accesíbel para todos e no que todos poderemos ser catalogadores.A partir do Día das Letras, esta ferramenta estará posta a punto e preparada para que a visitedes e sobre todo,vos animedes a catalogar.

No catálogo, non só se clasificará e describirá o ben, senón que haberá apartados referentes á súa conservación e accesibilidade. Outro dos obxectivos, é o de facer unha lista Vermella con aqueles bens máis afectados. Asemade, darase información legal para poder denunciar agresións ao Patrimonio.

Trátase dunha iniciativa cidadá, na que non hai, nin haberá, ningún partido político detrás, feito que anularía a súa capacidade de acción e a súa independencia.

O proxecto, nada máis ser presentado, tivo gran repercusión nos medios e unha acollida favorábel na Rede.Non é para menos, trátase dunha iniciativa social, á que é difícil atoparlle comparanzas noutros países de Europa, se cadra, porque noutros países, son as propias institucións as que se encargan de achegar esta información á cidadanía.

A rampa da imaxe deveu no maior atractivo para as visitas escolares

Aquí non. Aquí, o maior investimento cultural dos últimos tempos foi a Cidade da Cultura, algo que non promociona a cultura ou o Patrimonio dende a base, senón que pretende ser o escaparate dos resultados dun camiño que non se comezou a facer, de aí que os edificios estean baleiros, porque non se fixo un esforzo previo de consolidación de Patrimonio ou cultura.

O que temos é un trampantollo, un escaparate para amosar unhas mercadorías, que non é que non teñamos, senón que non están explotadas.

A Xunta xa amosou cal é a súa forma de xestión. A política das grandes obras. A xestión curtopracista que xera un “Arquivo de Galicia” cun amplo espazo para depósito, pero por non planificar conta con espazos nos andeis que superan as dimensións ocupadas por unha caixa de arquivo definitivo. Moito espazo pero non todo aproveitábel.

Sucede o mesmo cos andeis da biblioteca da Cidade da Cultura, moi bonitos, pero o deseño, non tivo en conta que a súa función é a almacenaxe, dispoñendo os cantos en oblicuo desperdiciando tamén moito espazo.

A función práctica da Cidade da Cultura é subir autobuses de turistas a facer fotos e sacar logo titulares: “Cen mil persoas visitan a Cidade da Cultura” Visitantes, pero non se fala de cantos usuarios tivo o complexo.

A Cidade da Cultura define a política cultural e patrimonial da Xunta: grandilocuente e baleira.

A Xunta xa amosou cal é a súa forma de xestión, diciamos. Agora é tempo de ver a forma de xestión que quere facer e fai a cidadanía.

Artigo publicado no Lecer do pasado domingo

O patrimonio é noso

Vén de nacer unha nova criatura. Unha criatura que se todo vai ben irá medrando e medrando. Unha ferramenta moi útil para todos aqueles que traballamos ou nos interesamos polo Patrimonio Galego.

Trátase de patrimonio.net, un espaldarazo á creazón dunha gran asociación de Defensa do Patrimonio.

O proxecto pivota entre catro piares interrelacionados:

•Coñecer

•Divulgar

•Valorar

•Preservar

O grupo está aberto a todos os que queiran participar, tanto individuos como asociacións.

A tarefa inicial da Asociación é a de crear un Catálogo Social do Patrimonio co maior número posíbel de bens de calquera clase: arqueolóxicos, etnográficos, artísticos, etc…

Para isto contamos coa vosa participación xa que todos temos algo que aportar nesta gran tarefa. Todos poderemos introducir fichas de catalogación no web a partires do próximo Día das Letras Galegas

Patrimonio.net, supón a xuntanza de todos os que defendemos e amamos o patrimonio galego, supón subir un chanzo máis na laboura de asociacións, individuos e blogueiros que levan anos creando unha tendencia de valoración e respecto moitas veces oposto ás intencións institucionais. Patrimonio Social en Rede.

Hai un tempo sumabámonos á iniciativa de acender fachos de comunicación entre os diversos blogs para comunicarnos. Agora propoñemos acender entre todos un facho común para iluminar a cova na que se atopan moitos dos nosos bens máis prezados.

Para descubrir a proposta, entrade no propio web do proxecto, lede o post de Manuel Gago, pai da criatura, ou os lúcidos comentarios de Xurxo Ayán comparando dous modelos de xestión.


Corredoira Movie

Pasamos a vida na estrada. Tanto é a así que ás veces vemos a vida en clave de Road Movie, ou mellor de “Corredoira Movie”. Entre semana, por motivos laborais percorremos os concellos da provincia de Pontevedra. As fins de semana, por devoción, percorremos no De Lorean os recantos do país na procura de novas aventuras culturais coas que desfrutar e que logo tratamos de transmitir nestas páxinas.

Son escasos, pois, os días libres que ficamos na casa, en Compostela, pero os que quedamos son unha delicia. Compostela é unha excelente cidade para vivir, e para ser vivida. De feito consideramos o noso maior éxito o de poder vivir  nesta cidade.

Nós que somos composteláns de nacemento e non por casualidade, senón porque a nosa nai, coma un salmón remontou deliberadamente o Ulla para desovar en Compostela, tivemos sempre claro que queriamos voltar a esta cidade, alcanzar o grao de compostelán.

Os éxitos están no camiño, non na chegada, na forma, non no obxectivo, cousa que ás veces perdemos de vista nesta sociedade mourinhista, resultadista, na que a meta xustifica o camiño. O éxito está no xeito no que acadamos as victorias, non nas victorias en si mesmas.

Muller vendendo verduras na Praza de Abastos

Un dos maiores placeres que dá Compostela é o de erguerse pola mañán e ir á Praza de Abastos. Ir pasear entre os mellores produtos de Galiza, do mar e da terra. Pasear entre as robalizas de Arousa, as carnes da Ulloa ou os pementos de Arnoia e saborealos cos ollos e o nariz. Fitalos, preguntar, regatear, e se cadra comprar algo de peixe no posto das nosas amigas As Rianxeiras ou coller algo de carne no posto de Muñico.

Despois sentar a tomar un viño cerca da Praza, no Abastos ou en calquera outro sitio, quedar cun amigo, charlar, atoparse a un coñecido, improvisar un xantar ou quedar para  a noitiña para un cine, un teatro ou simplemente unha esmorga. Isto claro que se pode facer en calquera outra cidade, pero en Santiago é diferente, é compostelanear.

Normalmente identifícase Compostela co Casco Vello, pero o certo é  que existe unha dicotomía entre o Casco Vello e o Ensanche, de feito existe cáseque unha fronteira cultural.

Como habitantes do Ensanche, recoñecemos que a Zona Vella é incomparábel como marco. As ruelas, os pavimentos, os eixos perspetívecos que non por coñecidos deixan de sorprender, a pedra, sobre todo nos días chúmbeos que se confunde co ceo e tantas outras cousas.

Pero o Ensanche está últimamente a contraatacar. Ademais dos lugares de viñoteo, que están a deixar atrás aos do Casco Vello ensemismados no turismo, conta cos Cines Compostela, lugar polo que nos gusta caer de cando en vez. Trátase duns cines recentemente rexurdidos das súas cinzas e que compensan a incomodidade e pouca adaptación das súas salas cunha oferta pouco habitual que trata de ser alternativa a este concepto do “cinema familiar”.

De feito, é un dos sete cines que están a pasar Crebinsky en Galiza. O outro día achegámonos a vela. A sala estaba ateigada. Como dicía un amigo á porta –Home, se Crebinsky  non triúnfa en Compostela, mal asunto-.

O filme comeza cun excelente relato de animación que pon ao espectador en antecedentes dos avatares da parella de irmáns protagonista. O mini corto de animación serve ademais para introducir a dimensión Crebinski, un mundo de nenez, de  inocencia añorada.

Se ben a película adoece de certa falta de ritmo nalgún intre e se cadra dun guión un pouco máis desenvolto,máis traballado, na nosa opinión é un bo filme, un chanzo importante na escritura da historia do cinema en galego, sen dúbida o máis divertido.

Levándoo ao noso terreo o filme fala moi de esguello desa etapa da nosa historia que tanto nos gusta e á que xa lle dedicamos algunha xeira que é a da Febre do Wolfram en Galiza, acabada de rematar a Guerra Civil e no contexto da Mundial.

Embarcación condistintivos nazis fronte o porto de Marín. Arquivo familiar de J. García Trevisani

O filme, delirante de por si, amosa dun xeito disparatado, mais se cadra non moi distante da realidade, esa Galiza na que pululaban acorazados nazis e submarinos ingleses, no caso do filme americanos. Esa época na que o Réxime deixaba aos nazis explotar o noso wolfram para levar a cabo a súa paranoia colectiva do Terror.

Nesa clave temporal ten lugar a aventura de Feodor, Mijail e Mushka, na súa particular “Corredoira Movie” inevitablemente introspetiva, a nivel personaxe mais tamén a nivel comunidade.

Esa viaxe na que sen sabelo, van na procura da súa infancia, dunha infancia que quedou asolagada en Portomarín como tantas neneces que quedaron asolagadas polo soño gris dos que venceron a calquera prezo.

É un filme que fala da identidade, da procura da identidade a través de dous irmáns que están no mundo sen saber quen son, sen sequera preguntarse quen son porque son felices.

Dúas personaxes tenras, inocentes que nunca abandoaron a infancia e que viven alleos, no seu propio microcosmos, aos nazis, aos falanxistas e á Guerra Mundial,e que ademais, sen querer evitan que o Desembarco de Normandía deixase de ser tal e se producira en Galiza.

Todos somos un pouco Crebinsky. Os galegos de fóra de Galiza que se emocionan ao volver. Os galegos que tiveron que marchar da aldea e cada volta a ela ten algo de magnético. Mesmo nós, que simplemente nados en Compostela sentimos no desexo de vivir nesta cidade unha teima vital.

O filme remata cos dous irmáns á deriva sobre o baúl das súas lembranzas, da súa identidade. E quen de nós non estivo algunha vez á deriva?

Artigo publicado no Suplemento Lecer de onte

Unha xeira na Xironda

Artigo publicado no Lecer deste domigo. Grazas a Antonio, Carme, Pelón e Tito, e toda a Xironda

A Xironda é unha parroquia do concello de Cualedro situada a poucos quilómetros da Raia portuguesa. Achegámonos este ano para revisitar os amigos que fixemos o ano pasado. Igual que o ano pasado ficamos na Casa do Cruceiro, onde tan ben nos trataran Carme máis Antonio.

A intención deste ano era a de pasar uns días de lecer. Non tanto ir polos diversos entroidos sudgalaicos, senón máis ben descansar e visitar os múltiples recursos que ten a Xironda e máis a súa contorna. O incríbel Castro de San Millán e o de Saceda,a Peneda da Muller, o neveiro dos Monterrei, ou os antigos fornos comunais. A Xironda é máis que Entroido, é un sitio para visita en calquera momento do ano.

Laza: entre a tradición e a posmodernidade

En calquera caso non puidemos evitar achegarnos a Laza o Luns Borralleiro para que nos picaran co toxo e nos tiraran as formigas. Dende logo, que distancia máis grande entre este Entroido, explotado dun xeito xa masivo, e o Entroido por descubrir que se celebra na Xironda.

En Laza, vai perdendo a tradición á que lle gaña a decadencia. Por suposto, unha decadencia que tamén ten o seu encanto. Na Praza da Picota de Laza, mestúranse grupos dispares. Familias que levan as súas crías a coñecer un Entroido ancestral. Xanciños e Milhomes vindos dende todas as partes da Galiza. Guaperiñas urbanitas que tiran de Iphone para compartir retallos da súa vida, en tempo real. Rapazas acabadas de ser muller que se agarran a bidóns de calimocho que logo volverán á terra, será o Pachamama, acurrucadas nun portal mentres algún rapaz coa faciana volcánica de pus trata de meterlles man.

A Praza da Picota mentres se espera a que baixe a “Morena”, é un fervedoiro de todos estes actores, vixiados de preto polos peliqueiros que non dubidarán en mallar neles se interrompen o camiño. É unha festa moi wilderiana, na que os disfraces e o alcol precipitan os acontecementos. Historias anónimas debaixo das máscaras.

Falta pouco, este ano a Morena atrásase. A Picota ferve en litronas e calimochos que vai de man en man. Agroma a impaciencia. Algunha liorta que tira fariña. Baixa a Morena, ruído, toxos, formigas, máis fariña. Rebumbio.

A Xironda: Un Entroido de carallo 

Na Xironda tamén hai festa. O Trío Sevilla anima a velada. Entre canción e canción exhorta a Comisión para que conte con eles o ano que vén. Esperemos que non.

No centro da praza un enorme lume que leva case todo o Entroido aceso ilumina e quenta tanto os que levan moitos entroidos nas costas como aos novicios. Viño, chourizos, panceta e pantrigo, dan forzas para o baile. Cumbia mesturada con muiñeiras sae dos altofalantes da Sevilla.

Os mozos bailan mentres os maiores gozan ao seu xeito, sentados, vendo como bailan os mozos, recordando. Nun recanto, un rapaz faille as beiras a unha moza que xoga a non ter interese. Se cadra o lume as máscaras e a música, fai que agrome ese amor que se foi cociñando paseniño.

Sae a queimada, hai que tirarlle un grolo. Os diversos pasos do ritual do Entroido indican que a súa fin se aproxima. Hai que queimalo. Os rapaces van á praza do lado coller un enorme boneco de palla que fixeran nos días anteriores. Mide máis de tres metros e loce un enorme falo ergueito. Entre todos o levan á praza, fronte ao escenario do Trío Sevilla que por fin recolle.

O boneco do Entroido da Xirona, entre as lapas

O grande órgano xa lle foi cercenado e loce na man dun home encaramado ao boneco tumbado que o move no ar iniciando a poxa. As comadres comezan a poxar por ese gran carallote de palla. Ímolo papar todo– berran unhas poxantes. Risas xerais. No momento máis divertido da noite, as mulleres poxan e lánzanse chanzas unhas a outras. Os homes azuzan –Sei que non tés diso na casa, ou? Os pequenos rin, algúns porque entenden, outros contaxiados polo ambiente festivo. Finalmente sae en cincuenta euros.

Cóllese ao boneco e tírase ao lume. Ese lume que alumeou durante todo o Entroido, agora é o responsábel de acabar con el. A palla combuste rápido, fai moito fume.

Aai, Entroidiño! – láianse as máscaras convertidas en plañideiras O entroido marchou coma un ninja, entre unha nube de fume. O Entroido xa foi, ata o ano que vén. Volverase coller a palla.Volverase facer o boneco. O mozo volverá facer as beiras e os máis vellos aledaranse de levar un Entroido máis para o cadaleito.

O ano que vén volverá o Entroido. Onde o pasaremos? Na anónima Laza ou na familiar Xironda? Bebendo calimocho ou viño cosecheiro? As dúas son boas opcións. Depende do que procuremos.

Dende logo, se vamos a Laza, non podemos deixar de ir tomarlle o cabrito ou o cocido a Casa Elena, en Souteliño, a un par de quilómetros.

Do que non podemos deixarde facer na Xironda, falaremos na seguinte entrega.


O Prometido é Débeda

Tal e como dixemos, velaí subimos as cartas orixinais de Schapiro e Cook, así como as traducións. As traducións son do noso amigo e filólogo Javier Portela a quen agradecemos que lle dedicase parte do seu tempo. Por suposto, grazas tamén a Ana polas fotos.

Meyer Schapiro

 

Tradución

Estimada Sra Heimann

Moitas grazas pola súa carta ademais das fotografías. Estou realmente encantado de telas no meu poder xa que non vexo o manuscrito dende o ano 1931, e sorpréndeme moito tanto a calidade que teñen como o novidoso dos cadros. Non tiven a oportunidade de comparar as fotos con outros traballos pero creo que o Chartres ma.[1] foi realizado arredor, ou máis ben a comezos, dos anos vinte do século XII. En calquera caso o que máis me sorprende é que sexa tan antigo xa que eu tiña a idea de que as pinturas pertencían ó mesmo período ca portada[2]. Heille escribir de volta cando atope tempo para poñer a proba este razoamento e compare as fotos coas miniaturas datadas e os extractos do texto.

            Supoño que pasarán anos ata que poida volver visitar Souillac. Mentras tanto, non creo que sexa de interese saber se o gravado de Teófilo está incompleto ou se é unha obra en si. Sen embargo, fágame saber se atopa algo, ben sexa iconográfico ou estilístico, que arroxe un pouco de luz no caso de Souillac. Teño pensado facer o correspondente estudio da portada de Vézelay, que tiven a oportunidade de estudiar in situ o pasado Agosto.

            Tamén lle envío á mesma dirección unha copia do artigo de Silos. Como pode ver, foi publicado en decembro do 1939 na revista Art Bulletin, aínda que este número atrasouse seis meses.

Por favor, non dubide en acudir a min se precisa que lle busque calquera cousa por aquí, ou ben se quere que lle consiga fotos ou publicacións. Estarei encantado de serlle de axuda.

Atentamente,

Meyer Schapiro


[1]  ma.  refírese a manuscript aínda que a abreviatura que se utiliza é mc.

[2] Portal pode referirse a portada aínda que tamén pode ser pórtico.

 

Walter Cook

Tradución

8 de maio de 1940

Querida Sra. Heimann:

Recibín a súa carta do 22 de Abril, e quérolle dicir que lamento moito que polo momento as cousas non funcionaran como tiñamos pensado para que traballase aquí con nós no departamento de diapositivas. Francamente, a razón principal é que o Dr. Guido Schoenberger, que traballou con nós o ano pasado, non conseguiu atopar unha praza de profesor e polo tanto a miña obriga é proporcionarlle unha. Durante o ano pasado reorganizou completamente o sistema o que nos permitiu mellorar o departamento de diapositivas de tal maneira que agora sería realmente difícil traballar sen el. Así que agora, véxome na obriga de atopar máis fondos fóra da universidade que nos permitan financiar a súa estancia por un ano máis.

Aínda que non parece que haxa moita intención de que saían prazas aquí, eu pola miña parte farei todo o posible para recomendala no caso que saia algunha. Escribinlle unha carta falándolle de vostede ó Arquivo de Arte Cristiana de Princeton, pero como xa lle dixen non son demasiado optimista xa que non creo que habiliten ningunha praza para o próximo ano.

Quérome disculpar por non terlle respondido antes en referencia as fotografías de Beatus Apocalypse. Sinto ter que dicirlle que aquí, en Nova Iorque, non teño os negativos deses manuscritos Beatus . En cambio, poderá conseguir fotos de todos eles dun fotógrafo madrileño, Vicente Moreno, que vive no 9 da Praza das Cortes.

            Deséxolle o mellor,

            Atentamente,

Walter. W. S. Cook

Presidente


Domingo de Piñata

 Achégase o Entroido polo que recomendamos un destino para pasar esta festas cerca do Triángulo Máxico: A Xironda. Este artigo foi publicado orixinalmente no Lecer do día 21-06-2010

O Entroido

O noso De Lorean é un enxeño mecánico que tirado por bois nos permite desprazarnos no tempo. Normalmente viaxamos cara ó pasado a través dos restos que subsisten no presente para tratar de achegarnos un pouco ás sociedades que a produciron. Mais os vestixios do pasado non sempre se nos presentan a xeito de castros, igrexas ou pazos.

Ás veces estes vestixios teñen un carácter máis antropolóxico e teñen que ver con comportamentos ancestrais dos que é difícil establecer un comezo, un punto de inicio. Tal é o caso do Entroido que acaba de celebrarse en toda Galiza, nomeadamente o que ten lugar en Laza e os seus arredores que nos remiten a ritos que non están necesariamente relacionados coa cristiá loita de Don Carnal e Dona Cuaresma.

Nesta xeira non trataremos de establecer orixes ou estudar dun xeito académico este tema tan apaixonante como complexo, senón que o noso obxectivo, simplemente, é o de aproveitar este Domingo de Piñata para coñece-la realidade que atopamos nalgúns puntos da zona Sur da provincia de Ourense e animar a quen queira coñece-los de primeira man en vindeiros anos.Máscaras, cachucha, charangas, fariña, gaitas, bica, formigas e licor-café son algúns dos ingredientes que marcan o Entroido ourensán, aderezados con moitas ganas de esmorga.

O triángulo máxico

Desta volta, pois, os nosos bois levarannos por ese denominado Triángulo Máxico que semella unha especie de Triángulo das Bermudas no que moreas de persoas se perden nestas datas esvaecéndose a noción do espazo-tempo.

Laza convértese durante estes días centrais do Entroido nun campo de batalla no que as formigas se enfrontan aos homes, os peliqueiros a calquera que se interpoña no seu camiño e o viño e licor-café ao equilibrio dos asistentes.

Batalla campal na Franxa de Laza. Salvador Brun

 O propio escenario favorece o desconcerto, a confusión, pois a Praza da Picota, a principal de Laza, adaptada aos desniveis do terreo e que acolle nos seus socalcos a centos de persoas é un protagonista máis deste participativo Entroido. Catro rúas desembocan nela, o que supón catro flancos de ataque para os peliqueiros que aparecen, co seu sorriso perpetuo, por calquera deles. A confusión total dáse na Baixada da Morena, o luns de Entroido, entre toxos, fariña e formigas e os berros, empurróns e avalanchas que provocan na concorrencia.

Laza gábase de ser o máis antigo dos Entroidos galegos e o seu segredo de lonxevidade cecais sexa o de saber adaptarse aos tempos. Na Picota mestúrase a Galiza máis tradicional coa máis posmoderna. Os ancestrais látegos dos peliqueiros golpean traxes de superheroes trasnoitados, os toxos pican as cabezas de urbanitas filoenxebristas con gafas de pasta, a “Cabritinha” das charangas comparte espazo co Himno do Antigo Reino de Galiza que agroma dos foles das gaitas e o licor-café mestúrase coas botellas de dous litros de calimocho.

Mais tamén hai maxia fóra do Triángulo. O noso De Lorean recalou nas terras arraianas do pobo da Xironda, Concello de Cualedro. Trátase dun pobo que no Entroido recupera a toda a xuventude que ten dispersa pola Galiza. A Xironda viviu o seu esplendor cando a Raia separaba dúas realidades económicas e ringleiras de homes e gando a traspasaban de noite, polas montañas, buscando un suplemento ás economías de subsistencia.

A sorpresa: A Xironda 

A Xironda acolleunos con amabilidade no seu Entroido e queremos agradecer ós seus veciños, sobre todo a Carmen e Antonio, a Tito e ao Pelón que nos convidaran á súa verbena do domingo á noite a escoita-la orquestra Alkar e a comer dos seus chourizos, panceta e empanada e a beber do seu saboroso viño.

 Segundo nos contaban os veciños, A Xironda foi dos poucos sitios que non atendeu á prohibición da ditadura sobre o Entroido e seguían a poñe-las chocas e as máscaras de madeira como os seus antergos, mentres Atila pasaba por Galiza. Co decorrer do tempo, a tradición foi esmorecendo chegando a venderse os traxes antigos, xa en desuso, aos peliqueiros de Laza.

Aproximadamente a partir do 2000 comezou a recuperarse a tradición. O detonante foi a ancestral rivalidade co veciño pobo de Cualedro. Ao decatárense de que estes estaban copiando os antigos traxes xirondeses que quedaban, decidiron ser máis rápidos e xuntar cartos e esforzos para seren eles os recuperadores.

Hoxe en día contan cuns trinta traxes feitos ao xeito antigo coas correspondentes máscaras, asemade, a recuperación serviu finalmente para que os mozos do pobo ficaran nel no Entroido e non andasen pola noite, conducindo, dun lado a outro do Triángulo.

Peliqueiros en ringleira na Praza da Picota. Salvador Brun

O traxe e careta amítanse moito aos tradicionais de Laza, mais na Xironda chámanse Máscaras en troco de Peliqueiros. Tamén levan as chocas que fan soar ritmicamente co seu camiñar e látegos de coiro por se alguén se interpón na súa ruta.

Outro dos fitos importantes dos festexos xirondeses é a queima do Entroido, un boneco antropomorfo feito de palla de trigo e centeo que co seu enorme e ergueito falo alude, de seguro, a algún rito propiciatorio de fertilidade nas colleitas. Asemade, para a palla do Entroido, resérvase unha cantidade dos cultivos que se traballa, colleita e trilla dun xeito tradicional, manual, pois a máquina fai palla inservíbel para o boneco. A sementeira, a colleita e demais procesos dos cereais para face-lo Entroido festéxanse con xuntanzas e merendolas populares.

Seguindo a traza da Raia chegamos a Oímbra, onde tamén se celebra un peculiar Entroido no que a xente vai acompañada dunha charanga polas bodegas das casas na procura dun vaso de viño e algo para botar ao estómago, chourizo, empanada unha cunca de caldo ou chocolate con churros. A troula está asegurada nesta pequena poboación fronteiriza.

Nesta pequena xeira co noso De Lorean fixemos un percorrido polo Entroido ourensán alternativo, menos masificado mais igual de divertido e animado.

Agardamos animar aos lectores a facer unha andaina por estes pobos sudgalaicos onde serán acollido con calor a pesar do frío inverno. Para aqueles interesados, hai na Xironda unha Casa Rural, a Casa do Cruceiro, onde serán moi ben acollidos e terán un refuxio para o Entroido. Asemade, a Xironda está moi ben comunicada con Verín, Xinzo e Laza, polo que é posíbel escoller ou combinar un Entroido multitudinario ou un máis familiar e integrador.