O noso De Lorean lévanos estes días por terras limiás onde estamos a desfrutar duns días de vacacións no Curso de Verán organizado pola Universidade de Vigo co suxerente nome de “Castros de interior: a Idade do Ferro do NO peninsular a través do exemplo limiao”.
Onte foron as primeiras ponencias. Xa faremos unha crónica de volta a casa, pero queriamos anticipar algunhas opinións e reflexións.
O Curso abriuno Alfredo González Ruibal. Unha apaixoante conferencia na que falou de conceptos como “economía moral” ou “deep rural”, no contexto da explicación dunhas sociedades castrexas alleas, ou case opostas, ao proceso de diferenciación social a través da cultura material e de concentración de poder a través do proceso de oppidización do NW, e que terían habitado estes castros de interior protagonistas do Curso.
Por suposto, empezando con Alfredo un curso é difícil manter o listón. Achegouse á palestra despois Ángel Villa Valdés, quen sintetizou os progresos da arqueoloxía asturiana nos últimos tempos a través de escavacións coma as de Chao Sanmartín ou Pelón, centrándose en elementos como a evolución das interpretacións das murallas modulares nos castros astures ou das saunas castrexas.
Este último trazo, o das saunas castrexas, foi o máis interesante da súa intervención establecendo unha interesante comparanza entre a angostura dos pasos das pedras formosas, coa dunha vulva parturienta e polo tanto, os posíbeis ritos celebrados nestes espazos con ritos de re-nacemento, ligados á auga e o lume.
Pola tarde, cambio de territorio e ángel Esparza Arroyo explicou os castros do NW zamorano, para deixar paso a Sande Lemos quen se centrou nos de Tras-os-Montes, apuntando interesantes posibilidades da non oppidización da parte oriental desta rexión, fronte ao seu oppidizado occidente, recurrindo acriterios xeográficos.
As sempre un tanto soporíferas tardes de congreso por mor das opulentas comidas de grupo, tiveron neste caso na seguinte ponente, Bea Comendador o mellor revulsivo posíbel.
Ponencia maxistral, acompañada por Alberto Pungín e Cristina Fernández cunha visión integral sobre o territorio de estudo, a terra das Frieiras.
Sobre os contidos da ponencia xa falaremos máis por extenso, porque non merece unha reseña nun post senón un post enteiro, pero si queriamos apuntar algo a nivel conceptual desta charla, porque hai, cando menos, tres feitos dignos de mención
Dun congreso de catro días foi a única charla-ou iso semella- na que se lle dá a “oportunidade” de subir á palestra a xente nova, con ganas de facer cousas diferentes, de xente “non consagrada” na linguaxe academicista mais que vén de dar unha lección de conceptos aos popes.
Dun congreso de catro días, só hai tres mulleres invitadas ás palestras, e dúas estaban nesta charla.
Por último, polo espectacular final da ponencia, cun audiovisual de dous minutos, maxistralmente elaborado por Abraham, no que se narra e ilustra un texto en galego do Século XV de toma de posesión do territorio por un señor feudal. Simplemente marabilloso. Agradamos poder enganchalo nun link, cando o suban á Rede para que lle botedes un ollo.
Como podiades supoñer os que nos ledes habitualmente, tanto academicismo, tanto ambiente investigador coas súas leas, xerarquías e historias ás que somos alleos acaban por asoballarnos, polo que hoxe á mañán tivemos que tomar un descanso e non asisitimos ás charlas.
Xinzo en feira, paseo, música de acordeón rumano e interesantes conversas compartindo pulpo e viño. Integración. Supónse que para coñecer o pasado dun territorio deberiamos tratar de integrarnos no seu presente.
Mentres escoitamos conversas de fondo sobre os efectos perniciosos dos sulfatos:
-Xa case non se ven paxaros- dicía un home cun anaco de polbo na boca na mesa do lado.
-Recordas a última vez que viches unha bubela?- contestáballe o outro.
Mentres a realidade da feira de Xinzo sigue, a organización pon autobuses para que os estudantes veñan e vaian a Ourense, non vaia ser que escapen do clima académico
Deixar unha resposta