Os pasados 18 e 19 de Novembro, tiveron lugar en Ourense as I Xornadas de Novos Investigadores do Noroeste, organizadas polo Laboratorio de Arqueoloxía da Universidade de Vigo
Decidimos acudir co gallo de coñecer un pouco dende dentro ese mundiño investigador, sobre todo tendo en conta que ao tratarse de Novos Investigadores, poderiamos botar un ollo ao que será o futuro do mundo académico galaico.
Antes de nada, queremos agradecer a hospitalidade coa que nos acolleu o comité organizador.
Calquera evento deste tipo, ten, por suposto, unha faciana social. Unha vertente socializadora, na que os diversos investigadores, aproveitan para poñerse ao día con antigos compañeiros de clase ou amigos.
Como se pode sospeitar, nun evento deste tipo, non resulta doado socializar sen ser do mundiño. Debes ter un obxecto de estudo concreto, ou ser coñecido por ter publicado algunha cousa, malia que haxa tempo que non investigues posto que tamén existen Vellas Glorias entre os novos investigadores.
Ao que nos referimos é que a xente sen un obxecto de estudo concreto, hiperespecializado, non ten moito de que falar nestes cónclaves. Sobre todo se ten unha patente ineptitude social como é noso caso.
Dentro do trazo social hai tamén unha vertente de escaparate. Unha faciana que podemos chamar “política”. Como é lóxico, para un investigador senior, é unha proxección pública importante a “foto” xunto aos novos investigadores. É coma unha foto dun político bicando a un neno. As canas ao carón das espinillas.
Este tipo de eventos dan unha imaxe dinámica, de interese pola renovación, que sempre é de agradecer nas reladas universidades galegas, malia que non sempre teña que corresponderse coa realidade, pois trátase dunha proxección intencionada.
O certo é que a Universidade de Vigo, neste caso no Campus de Ourense, gaña por goleada en dinamismo á Universidade de Santiago, mais continúa a ser unha Universidade, é dicir, unha institución que neste intre debe reflexionar moito sobre a súa existencia.
Como acontece sempre, quen marca a diferenza son os individuos, e a Universidade de Vigo ten a sorte de contar con Bea Comendador, unha rapaza que xa conta coa súa praza de profesora e que está chamada a facer grandes cousas dentro da institución. Só queda agardar que o rodo robotizador universitario non lle pase por enriba modelándoa ou provocándolle hastío, tal e como aconteceu noutros casos, mesmo na USC. Porque no fondo, o sistema investigador universitario é iso. Un sistema de popes e discípulos reproducionista. Un sistema de reprografía. Incluso entre os Novos Investigadores, detectamos certo perigoso conformismo. “Éche o que hai”.
Os relatorios
No referente ás ponencias destacamos, ademais das “Cantareiras de Ardebullo”(Xurxo Ayán e Rafael Rodríguez), e en xeral as da xente do Sarmiento, dúas ponencias sorprendentes pola súa frescura.
A primeira delas foi a presentación de José Carlos Sastre, da intervención no Castro do Castillón, en Zamora, un xacemento tardorromano moi interesante cunhas sixillatas tardías moi significativas. Recomendamos a visita ao seu blog para coñecer máis do proxecto.
O que cabe destacar, a maiores do científico, é o dinamismo e enerxía deste rapaz que se revelou moi hábil na procura de subvencións ou colaboración de institucións. Basta ver no blog a lista de colaboradores.
A outra “perla” das Xornadas foi a presentación dos resultados das escavacións en San Vítor, no Concello de Parada de Sil, moi ben presentados por Eduardo-Breogán Nieto e Víctor Muñiz. Se temos ocasión gustaríanos no futuro, falar máis polo miúdo deste sitio xa que certamente paga a pena.
Quen nos lea, saberá que ás veces somos críticos coa xestión arqueolóxica de moitas institucións políticas. O Concello de Parada de Sil vén amosar que non se debe xeneralizar.Este proxecto de San Vítor nace cunha intención clara do Concello de dotar de recursos a unhas rutas de sendeirismo acabadas de artellar. Decídese escavar nun lugar no que presuntamente existiu unha capela ou eremita e hai á vista un par de sartegos rupestres.
Desbrózase, limpáse e escávase. O que aparece é unha necrópole de considerable tamaño e materiais que fan que as especulacións se disparen, mais ate futuras escavacións non se poderán establecer certezas. Moi interesante é o tema de que se atopasen restos óseos cuxa análise axudará a datar estas tumbas que por outro lado quedou claro que foron empregadas en diversos momentos, é dicir, que había restos de máis dun individuo.
O Debate
Este tipo de encontros, debe ser sempre un lugar para o debate e dar pé a que as diversas interpretación se contrapoñan.
Malia que as Xornadas tocaron dende a Idade de Bronce ate a Alta Idade Media, o período máis debatido, foi a Idade de Ferro, a cultura dos castros, a protohistoria galega ou como se queira chamar, xa que as cuestións lingüísticas tamén protagonizaron o debate.
Houbo un gran debate transversal aos diversos relatorios que foi o que confrontou dous modelos contrapostos. Xurxo Ayán e Brais Currás foron quen defenderon cadanseu modelo, a través dos seus propios relatorios e das súas intervencións nos relatorios dos outros colegas.
Facendo un maniqueo dos modelos, podemos dicir que Brais, quen se vincula ao CSIC de Madrid e a escola de Sánchez Palencia, defendía un “modelo inmovilista”.
Este modelo interpretativo, considera a cultura castrexa coma sociedade inmovilista, cuxa “paisaxe está formada pola repetición” do mesmo modelo de asentamento. Sería unha sociedade non xerarquizada, tanto a nivel interno do poboado como dos diferentes castros entre si. Por outra banda implica tamén que os cambios veñen dados por procesos esóxenos, nomeadamente romanos.
Xurxo Ayán, quen como dixo Bea Comendador non precisa presentación ,malia que cabe recordar a súa vinculación ao LaPa e á escola de Felipe Criado, argumenta pola contra que os castros non son uniformes, e por exemplo en Neixón temos unha boa mostra, un recinto sen casas, con foxas inzadas de cultura material fragmentada. Outro dos puntos que defende este modelo é a existencia dunha xerarquía entre xacementos dende antes da invasión romana, como se deduce da reescavación de Briteiros (exposición de Gonçalo Cruz, da Fundaçao Martins Sarmento), e dunhas elites dentro do propio poboado que semellan ser capaces de asimilar uns produtos “diferenciadores”, “de luxo” chegados dende o mundo púnico.
O debate foi cortado por Brais cun ”pertencemos a escolas diferentes, nunca estaremos de acordo”, o cal é unha perspectiva errónea, e que levada ao extremo, levaría a anulación de calquera contraposición de opinións ou teses, o cal vai incluso contra o método científico.
Como se pode deducir, nós temos opinión ao respecto. Cremos que o modelo inmovilista é propiciado polo inmovilismo académico, que vai a congresos deste tipo coas orelleiras, aferrados á verdade e ignorando o que non encaixa no seu modelo,. Non cremos, a diferenza deles nas verdades absolutas, mais hai unha nova serie de datos que temos que integrar nos modelos dun xeito ou doutro. Non podemos manter modelos de hai dez ou vinte anos porque temos moitos máis datos.
Hai que traballar con hipóteses mais esas hipóteses non deben ser cárceres para o investigador, porque logo, aparece unha factoría de procesado de peixe en Lanzada, datada por radiocarbono no século II e non sabemos que facer con ela.
A noso opinión é, de seguro, menos documentada que a de moita outra xente, polo que aquí non queremos sentar cátedra senón tratar de continuar o debate iniciado nas Xornadas, polo que agardamos que no noso blog, a xente se anime a opinar e comentar.
Un dos puntos fortes destes encontros foi que deveron nun encontro transfronteirizo dun xeito natural. Non foi necesario facer unhas xornadas temáticas transfronteirizas o cal é un paso na normalización das conversas alén dos limes administrativos.
As ponencias, foron expostas en castelán, portugués ou galego segundo a procedencia dos investigadores sen que existise ningún problema de comunicación, o que vén amosar tamén o absurdo dalgúns argumentos políticos no tema do plurilingüismo. O primeiro é querer entenderse.
8 Decembro 2010 at 4:40 pm
Boas Xosé, non pretendo entrar no debate que reseñas, aínda que coido que en persoa xa o falamos en profundidade, simplemente parabéns pola túa síntese do Encontro. Un dos nosos obxectivos era precisamente este…dar que falar. Con tal, mellor obrigado pola síntese. Por outra banda, agardo a túa participación en próximas xuntanzas e ter moito do que falar tamén pese a túa “ineptitude social” como dís, coido que dun xeito esaxerado.
Unha aperta.
Martín Xosé Vázquez Mato.