Sobre interiores, San Pedro e Crucifixos

Seguimos recordando, mirando cara atrás con certa nostalxia e pendurando antigos artigos publicados no seu momento no Lecer. Este en concreto, é do 18-10-2009, hai case dous anos, polo que aínda se pode ver un estilo un tanto inocente e encorsetado
 

Onde están as chaves?

En anteriores edicións da nosa sección xa se puxo de manifesto a enorme dificultade de completar a visita a unha igrexa románica accedendo ó seu interior. Dicimos románicas por seren as preferidas polos nosos bois mais supoñemos que as portas pechadas non fan distincións estilísticas.

De seguro que algún dos nosos lectores se encontrou na molesta situación de ver frustradas as súas intencións de coñecer un capitel, un sartego ou unhas pinturas que estivesen dentro dun templo.

Normalmente tres son as opcións que nos agardan ó querer acceder a unha igrexa rural. A primeira, e menos habitual, é que as institucións competentes nos faciliten o paso, é dicir, que preto da igrexa en cuestión haxa unha oficina de Turismo ou un centro de recepción de visitantes que sexa depositario das chaves, como ocorre en Santa Eulalia d Bóveda ou en Santa María de Meira.

A segunda, e cada vez menos frecuente é que un veciño do lugar sexa o encargado de facérno-la visita, por certo que acotío, mellor que os profesionais, tal é o caso de Santa Comba de Bande.

A terceira, e por desgraza a máis frecuente é que ó preguntar nos digan que as chaves as ten o cura, que leva seis parroquias e que non vive na vila.

De como se apareceu San Pedro

Explicamos todo isto pois unha tarde, un grupo de amigos e compañeiros iamos a bordo do noso De Lorean polo Concello do Incio na procura do cercano Castro de Formigueiros, ese no que recentemente apareceros gravuras nas súas lousas. Coma moitas outras veces, a carencia de indicacións á que xa nos ten acostumados a Administración provocou a nosa deriva polas corredoiras até que chegado un punto decidimos parar a preguntar.

Peixe gravado nunha das lousa de Formigueiros. Tomada de Capítulo Cero

O home ó que lle preguntamos estaba agardando por un grupo de xente de Madrid, co que nun principio nos confundiu, para amosárlle-la igrexa románica do Hospital do Incio pois el era o depositario das chaves. Aclarado o erro convidounos a visita-lo templo. Pensando que o propio San Pedro baixara a entregárno-las chaves da igrexa, non dubidamos un intre. Mentres chegabamos, Manuel “o Sancristán”, así alcumaban o home, contounos como nos anos cincuenta, estando de responsábel dun dos canóns do monte Faro de Ferrol, evitou un conflito internacional ó non obedecer a un superior que lle ordenara tirar sobre unha escuadra americana que se achegaba. Este acto “pacifista” repercutiulle positivamente ó acadar unha propina e un amplo permiso dos altos mandos.

A igrexa de Hospital do Incio é unha das xoias do románico galego e diversas son as características que fan dela un “unicum” na nosa xeografía. En primeiro termo, é a única igrexa do románico galego feita en mármore, pedra outrora abundante nesta zona, o que lle confire unha cor pálida, branquecina.

Exterior da Igrexa do Hospital do Incio. Fotografía collida do flickr de José Antonio Gil Martínez.

As singularidades da Igrexa Branca

Xa na primeira ollada abrairános tamén o feito de que esta igrexa posúa unha torre totalmente exenta, elemento moi estraño nas nosas igrexas románicas, ó xeito dos campanís italianos aínda que neste caso semella ter un carácter máis ben defensivo. O seguinte trazo que chamará a atención do espectador, ó percorre-lo seu perímetro exterior é a planta da súa ábsida que aparece clasificada no tomo X de Galicia. Arte editada por Hércules, sempre en exceso descritivo e taxonómico, como o único exemplo de ábsida de planta semihexagonal, xunto á San Fiz de Cangas, en Pantón mais nesta segunda resultando moito menos claro.

Seguindo no exterior resulta curioso o feito de que posúa un pórtico no lado Sur, algo pouco común. Nesta fachada Sur, vemos un tímpano decorado coa Cruz de Malta, que se repetirá nalgunha pedra máis da igrexa, poñéndonos en relación coa Orde de San Xoán de Xerusalén á que pertenceu o templo. Queda pois, da man desta Orde, explicado o carácter hospitalario do que quedan restos no topónimo e do carácter militar que testemuña a torre e máis uns restos da antiga fortaleza en fronte da fachada occidental, logo reconvertidos en panteón dos Quiroga.

De tódolos xeitos, para Jaime Delgado, o carácter de hospital, no senso de hospedaxe, viríalle dado pola confluencia no Incio de dúas vías romanas secundarias que a relacionarían coas zonas auríferas de Montefurado e con Quiroga tendo en conta a importancia do mármore do Incio. Deste xeito o autor propón que o Hospital sería máis unha continuación dalgunha mansio romana que un punto en relación coa ruta Xacobea que realmente non pasaba polo lugar que nos interesa.

Segundo a opinión de Yzquierdo Perrín, o zigzag que decora unha das arquivoltas da fachada occidental habería que poñe-la en relación con outra similar en San Pedro de Bembibre servíndonos para establecer unha data aproximada de 1190 para a fábrica deste templo, en analoxía co de Bembibre.

Unha vez que Manuel “o Sancristán” nos abriu as portas da igrexa, o abraio continuou a agromar polas múltiples sorpresas que nos agardaban. Non se trata dunha igrexa que sobresaia pola súa escultura arquitectónica mais posúe no seu interior unha serie de pezas exentas moi interesantes. Hai no muro Norte do edificio un sartego pertencente a Frei Álvaro de Quiroga, de época gótica que habería que conectar cunha serie de lápidas incorporadas ó pavimento da igrexa.

Podemos asemade contemplar unha Virxe do Leite gótica que sostén nos xeonllos un Xesús espido, en consonancia co seu peito esquerdo, tamén nu, co que se dispón a amamanta-lo. Pendurado no Altar Maior hai un Cristo crucificado, tamén gótico, representado ó xeito primitivo, con catro cravos.

Relevo do interior da Igrexa do Hospital do Incio. Tomada do Flickr de José Antonio Gil Martínez

Mais existe outro crucifixo moito máis interesante. Trátase dunha tosca labra en relevo exposta nunha das paredes da igrexa e que foi atopada en 1986 nas labouras de restauración da cabeceira formando parte dun recheo.

A pesar de que presenta diversas fracturas, pódese ler perfectamente a súa iconografía: Un Cristo na cruz baixo o que se atopan dúas figuras, unha axeonllada, suplicante e outra que aclama dirixíndose a Xesús. Enriba dos brazos da cruz, dous bustos, un que simboliza á Lúa e outro ó Sol.

Baixo o título ‘La crucifixión de la Iglesia de Hospital do Incio’ , Jaime Delgado elabora un serio estudo iconográfico da peza, que lle serve de escusa para facer unha viaxe pola evolución iconográfica do crucifixo. Tal e como se recolle no libro, a importancia é enorme xa que sería a testemuña máis antiga dun crucifixo na Península e xunto a tampa de sartego de Temes e o Crsimón de Quiroga, indicadores dunha temperá cristianización da Gallaecia, aínda que cun forte substrato pagán. Tería pois esta peza para Delgado unha cronoloxía de século VI,mentres que Yzquierdo Perrín, sen argumentación previa, escribe: “Pienso que quizá…contemporáneo de la construcción del edificio”.

Seguiremos pois coas andainas no noso De Lorean polas terras de Egeria, Prisciliano e San Martiño dumiense, petando polas portas das igrexas a ver se alguén nos abre para logo contarvos o que imos atopando.

Advertisements

2 responses to “Sobre interiores, San Pedro e Crucifixos

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: